Por que precisamos patios igualitarios?
Da educación mixta á coeducación
Nas últimas décadas pasamos dun modelo de escola separada a unha mixta, atopándonos na actualidade no seguinte chanzo cara a consecución dunha coeductiva.

Unha vez acadada e xeneralizada a escola mixta, poderíamos asegurar que certos factores que favorecían as desigualdades e deixaban en segundo termo ás nenas xa non existen, como leis que establecían diferencias entre o tipo de educación de mozos e mozas ou materias diferenciadas por sexo. É dicir, o modelo mixto asegura que nenas e nenos teñan acceso aos mesmos contidos, ao mesmo profesorado e aos mesmos materiais didácticos. Pese a iso, seguen dándose fenómenos de exclusión, desigualdade ou xerarquía por razóns de sexo nos nosos centros educativos e iso é debido a que na nosa sociedade aínda persisten visións sexistas e androcéntricas que impregnan o noso sistema educativo. E por iso é preciso ir un paso máis alá.
Tomé, Subiratis, Bonal, Rambla e Rovira (2021) falan de que “coeducación significa intentar transformar a igualdade formal en igualdade real, poñendo os medios precisos para unha verdadeira igualdade de oportunidades”. Polo tanto, para que o cambio teña lugar debemos ser conscientes e recoñecer como se manifesta o sexismo nos nosos centros e non caer inconscientemente en pensar nunha diferencia de orixe natural ou biolóxica de conducta entre sexos, que multitude de estudos amosan que non é determinante ou que non existe, para así poder poñer solución a un problema real.
Ademais, debemos sempre considerar que o sexismo non é só un problema que afecta unicamente a un grupo sexual, senón que remata por prexudicar a todo o alumnado, limitando as súas personalidades e obrigándoo a adoptar determinados comportamentos en función do seu xénero e no da súa personalidade (Subirats e Tomé, 2007).
E pese a que anteriormente xa falamos da importancia do espazo na reprodución de desigualdades de xénero, adoita quedar en segundo plano á hora de poñer en marcha un modelo coeducativo, xa sexa por falta de recursos económicos e ferramentas ou por descoñecemento (Saldaña, 2018).