Posta en marcha de Polos Creativos
Normas de uso
Como xa apreciamos nos anteriores apartados, os Polos Creativos son espazos que requirirán dunha especial atención no seu uso e funcionamento. É por iso que é aconsellable desenvolver unhas normas de uso que faciliten o acceso á toda a comunidade educativa e aseguren unha correcta operatividade.
Neste apartado, destacamos de novo a importancia do traballo colaborativo e participativo para a elaboración das normas. Evidentemente, estas serán ben acollidas e seguidas se son elaboradas entre o conxunto da comunidade e se son de fácil acceso. Ademais, debe terse en conta que non deben ser algo ríxido, senón que deben estar abertas a modificacións e melloras en función do uso que se fai do espazo e do equipamento.
A casuística será moi variada dependendo de cada centro, xa que non todos parten dos mesmos condicionantes nin marcan os mesmos obxectivos. Polo tanto, no tería ningún sentido que aquí aportásemos unhas normas de uso estándar que puidesen funcionar para todos os centros, xa que non sería posible. Pero algúns dos aspectos que parece importante tratar poden ser:
- Normas xerais.
- Espazo de traballo.
- Uso do equipamento.
- Modificación do espazo.
- Seguridade.
- Horario.
Ademais, sempre pode ser de axuda consultar as normas de uso doutros espazos similares como a Aula Nova, os Espazos Maker, etc.
A maiores destas normas de uso xeral, pode ser tamén interesante a creación de breves instrucións ou documentos de axuda para certo equipamento específico.
E, sobre todo, o máis importante, é comezar a andaina. O primeiro proxecto a desenvolver nun Polo Creativo será a súa propia creación. Para iso debemos rachar coas dúbidas e os medos, confiar nas metodoloxías e nas situacións de aprendizaxe, e dar paso a unha aprendizaxe cooperativa e inclusiva.