A colaboración docente. Análise e reflexión sobre datos reais
Primeiros pasos para o cambio
Creamos esta guía co propósito de iniciar un camiño de cambio cara a
novas perspectivas. Sabemos que algunhas fórmulas tradicionais, como o
individualismo docente na aula, continúan imperando (e funcionando) pois
son capaces de soster, con éxito, modelos transmisores de coñecemento
nos que o profesor/a posúe a cualificación e o saber que o alumnado
precisa adquirir. Tamén sabemos que esas fórmulas están condenadas a se
extinguiren, difícil integralas no marco do modelo competencial no que as metas a acadar corresponden ás competencias do século XXI, xa non a unha acumulación de saberes. Se o
concepto “aula” cambia e adquire novas dimensións, aceptamos que cambie o
rol do alumnado, que pasa a adquirir un papel activo e reflexivo,
acorde ás novas situacións e metas de aprendizaxe. Preguntámonos se aceptariamos
no mesmo grao o cambio no rol docente. Estamos preparadas para asumir
novas fórmulas colaborativas fronte ó individualismo na aula? Estamos
preparadas para aceptar que o traballo colaborativo docente na aula,
máis alá dos órganos de coordinación, é inherente ao desenvolvemento das
novas funcións? Estamos dispostas a compartir e a asumir que somos
equipo?
Queremos achegarnos ás respostas de esas e outras preguntas revisando, en primeiro lugar, algúns resultados dunha recente enquisa a gran escala realizada pola OCDE da que extraemos, a continuación, algúns datos e conclusións sobre a situación actual da colaboración docente en España e na Unión Europea.