Introdución á inclusión e á equidade
O papel do profesorado. A co-docencia
Tal e como establece a UNESCO (2017), o alumnado é un recurso esencial no camiño á inclusión e xa está presente nas nosas aulas. Así, o que se fai fundamental é a habilidade do profesorado para mobilizar esta enerxía que a miúdo non se chega a empregar. Neste sentido, debemos ser conscientes de que importar prácticas da educación especial pode fomentar novas e máis sutís formas de segregación, neste caso en contornas xerais; polo que debemos coidar os nosos enfoques, apostando por aqueles que fomentan a cooperación e a aprendizaxe entre iguais.
Como docentes debemos adaptar o noso proceder á gama de alumnado que teñamos, identificando as necesidades de cada estudante e o que precisa para que a súa aprendizaxe se leve a cabo da mellor forma posible. Así, o profesorado deberá valorar a diversidade do seu alumnado, identificándoa como una oportunidade; apoiar a todo o alumnado; colaborar e traballar cos seus pares (co-docencia) e formarse de xeito continuo.
Non debemos esquecer que “a inclusión implica esencialmente a eliminación das barreiras existentes dentro e fóra dos sistemas educativos que lle permita darlle a cada estudante unha oportunidade real de educarse e aprender” (UNESCO, 2021). No seguinte interactivo podemos ver as seis forzas, identificadas pola UNESCO (2021), que poden contribuír a converter a inclusión nunha realidade e que como docentes debemos ter en conta: