3.- Microarquitecturas

Co termo microarquitecturas queremos facer referencias a actuacións puntuais concretas ou de menor escala no centro, pero que non por iso terán que ser de pequena entidade. Ás veces, as transformacións afectarán a un pequeno espazo do centro, a unha área do mesmo, a unha aula concreta, a diferentes espazos ou a todo o centro pero só nun ámbito como materiais ou mobiliario. 

A continuación abordaremos diferentes exemplos de intervencións. Nesta categoría tamén poderiamos falar das Aulas do Futuro ou o seu equivalente en Galicia coa Aula Nova, pero dada a relevancia do tema, dedicaremos unha lección específica para coñecelas.

Polo tanto, as intervencións que se poden levar a cabo para transformar os espazos de ensino-aprendizaxe e así traspasar os límites da aula son numerosas e variadas. Do mesmo xeito que falabamos na escala do centro, as accións levadas a cabo deberán partir dunha coidada análise e diagnose; e os procesos participativos serán unha forma de traballo tremendamente enriquecedora.

Apropiación de espazos alén da aula:

Pode o corredor formar parte tamén da aula?

KeyCoNet facilita na súa páxina web diversos estudos de caso ou anotacións sobre proxectos. Como xa sabemos, esta rede promove a implantación da aprendizaxe competencial, polo que a lista de exemplos é de temática variada e non dirixida especificamente á transformación de espazos. Pero, neste caso, destacaremos a experiencia desenvolvida en Finlandia entre 2012 e 2013 para codeseñar entornas de aprendizaxe, podendo acceder ao seu estudo de caso nesta ligazón e ás notas resumo nesta outra ligazón.

Trátase dunha proposta que pretende a transformación da aula de ciencias naturais, incluíndo tamén o seu corredor para facilitar o desenvolvemento das competencias clave por parte do alumnado; involucrando no proceso de deseño e transformación á comunidade educativa. Foi deseñado como un proxecto transversal coa implicación de materias de artes visuais, física e química, matemáticas, TIC, lingua materna e literatura, así como linguas estranxeiras.

É un bo exemplo para comprender que as contornas de aprendizaxe deben ser ecosistemas multinivel que propicien as condicións para a aprendizaxe nun tempo e espazo determinados. Tívose en conta a necesidade de desenvolver todas as dimensións do espazo, incluíndo o espazo físico, virtual, social e persoal interrelacionado e interconectado. Ademais, unha vez levado a cabo o co-deseño e modificación do espazo, a intención é o desenvolvemento de novas prácticas por parte tanto do profesorado como do alumnado.

E pode unha comunidade transformar espazos?

Os exemplos de arquitecturas colaborativas volveron a coller impulso ao longo dos últimos anos a través de diversos movementos sociais. Neste sentido, pode servir de exemplo a autoconstrución de aulas temporais da Universidade de Belas Artes de Málaga, que podedes ver en máis detalle nesta ligazón.

Espazos flexibles:

Pode un mesmo espazo realizar diversas funcións?

Como xa comentamos, o novo Plan de arquitectura pedagóxica avoga por uns espazos máis abertos e flexibles. Este tipo de transformacións poden levarse a cabo mediante diversas técnicas:

      • Elementos móbiles
        • Mobiliario modular que permita diferentes configuracións, abatible ou apilable.

          Mesas Modulares

        • Elementos retráctiles que permitan cambiar o uso do espazo: escenarios retráctiles ou que se poidan pregar, como o do Palau de la Música de Barcelona, que permite diversas configuracións; portas correderas que reconfiguran espazos, como acontece a gran escala no Palacio de Congresos de Santiago, que permite separar ou unir as dúas salas de actos; etc.

          Escenario Palau de la Música, Barcelona

          Diferentes configuracións do escenario do Palau de la Música, Barcelona
          Montaxe fotográfica realizada por Elisa Moreira e Rosa María González a partir das seguintes imaxes:
          Palau de la Musica à Barcelone, Vanupied en Flickr. CC BY-NC 2.0. 
          Palau de la Musica Catalana, Tom Hilton en Flickr. CC BY 2.0. 
          Palau de la Musica - Sala Lucernario, fabrizio.sciarretta en Flickr. CC BY-NC-SA 2.0. 
          Konzertsaal Palau de la Musica, koelnblogging.com en Flickr. CC BY 2.0. 
          Palau de la Musica Catalana, Tom Hilton en Flickr. CC BY 2.0.
          

        • Pequenos elementos que transformen dun xeito sinxelo os espazos e permitan outro tipo de traballos: palas, coxíns, etc.

          Palas

      • Espazos multifuncionais:
        • Vestíbulos multifuncionais, interconectados e transparentes.

          Vestíbulo

        • Aproveitamento de dobres alturas, espazos non explorados…: O Gimnasio Maravillas de Alejandro de la Sota é un exemplo clásico que aproveita o espazo ocupado pola estrutura do pavillón para incluír aulas.

          Gimnasio Maravillas. Alejandro de la Sota

          Gimnasio Maravillas. Alejandro de la Sota. Interior e sección.
          Montaxe e debuxo realizados por Elisa Moreira e Rosa María González
          Fotografía do interior: Gimnasio Maravillas. Alejandro de la Sota, Estudio Campo Baeza en Flickr. CC BY-NC
        • Corredores como elementos de indución ou sedución, non entendidos só como meros condutores.

          Corredores

        • Potencialidade dos patios cubertos e das pistas multideporte .
Vostede completou o 100% da lección
100%