Estratexias e escalas de apropiación de espazos
2.2.- Arquitectura do centro. Proceso participativo
Como xa adiantamos, a pesar de que esta etapa pode parecer máis enfocada a ser desenvolvida por equipos técnicos, a realidade é que estes deben traballar conxuntamente coa comunidade educativa.
Para conseguir un deseño de calidade é preciso ter en conta as condicións previas de partida e as necesidades que se queren cubrir. Así, condicionantes previos e necesidades identificadas darán as claves do deseño xunto cos condicionantes do contexto e da contorna e os condicionantes físicos do propio espazo.
Na identificación das necesidades xoga un papel primordial toda a comunidade educativa do centro. E pódense descubrir mediante procesos participativos que teñan lugar dentro do desenvolvemento do proxecto de deseño. A implicación da comunidade educativa será, por tanto, primordial tanto na análise e diagnose da situación de partida como na elaboración e formalización do programa de necesidades a cubrir.
No relativo á análise e diagnose, esta debe ser tanto cuantitativa como cualitativa, tratándose aspectos como dimensións, materiais, acabados, calidade dos espazos.... E pode resultar de axudo a realización de DAFOs para trasladar e organizar os datos obtidos.
Unha vez realizada dita diagnose, poderase comezar coa recompilación de propostas para a elaboración do programa (xeralmente dirixida polo equipo técnico ou por expertos na materia).
A aposta por un proceso participativo permitirá a combinación de coñecementos profesionais e aqueles xerados polo uso e a vivencia dos espazos. Neste sentido, participarán, xunto cos equipos técnicos, profesorado, alumnado, familias e, tamén, colectivos da contorna e administracións. Debe tratarse dun proceso de aprendizaxe e reflexión colectiva para así xerar análises das necesidades, aportar solucións consensuadas e mellores e promover un sentimento de pertenza e un vínculo co espazo a deseñar.
En canto ás metodoloxías para levar a cabo un proceso participativo, poden ser moi variadas, pero a creación dun grupo de traballo que actúe como catalizador ou motor do proceso adoita ser un bo punto de partida. En canto ás fases, pode ser interesante seguir esta dinámica:
Inicio → Documentación e información → Diagnose → Proposta → Avaliación
E algunhas das técnicas que se poden empregar serían:
- Reunións abertas
- Grupos de discusión, de traballo ou bancos de expertos
- Realización de cuestionarios
- Realización de debuxos e maquetas para a análise dos espazos (a través da análise dos debuxos feitos polas persoas que viven os espazos, pódense identificar problemáticas e puntos fortes)
- Mapeos
- Chuvias de ideas
- Etc.
Por último, faise fundamental a documentación do proceso. Para isto, pódese facer uso de modelos, como o que se amosa a continuación, que guiarán aos diferentes grupos ou axentes participantes na redacción de pequenas memorias.
Non son escasos os exemplos de centros galegos que deciden implicarse na mellora dos espazos dende unha escala global. Para achegarnos a exemplos concretos que poidan servir de inspiración e motivación, presentamos neste apartado unha proposta concreta, o Sistema Lupo e o seu proxecto Mestra de obra que podedes consultar nesta ligazón.
Trátase dun proxecto educativo experimental baseado no traballo colaborativo para a transformación de espazos educativos dende unha perspectiva arquitectónica e pedagóxica.