Modelos e metodoloxías
Metodoloxías alternativas
Neste bloque, queremos presentar algunhas metodoloxías que poden axudar á diversificación dos espazos educativos e ao proceso de transformación do modelo educativo tradicional ao novo modelo competencial. Pero como xa se ten destacado, non existen receitas universais que respondan a todas as casuísticas, nin, por suposto, estas son as únicas metodoloxías que poden permitirnos acadar os nosos obxectivos.
- Aprendizaxe baseada en proxectos (ABP):
A ABP involucra activamente ao alumnado que terá que dar resposta a unha pregunta ou problema do mundo real e crear unha solución concreta.
É unha metodoloxía tremendamente interesante para o traballo das competencias clave, xa que lle permitirá ao alumnado traballar a resolución de problemas, o pensamento crítico, o traballo en equipo, a toma de decisións, a comunicación, etc.
INTEF. ABP. En YouTube con licenza CC BY.
- Clase invertida (Flipped Classroom):
A clase invertida, reorganiza o emprego do tempo, tanto dentro como fóra da aula. Deste xeito, dedicarase o tempo de clase ás dinámicas máis activas, permitindo que o alumnado aprenda facendo e tendo un maior protagonismo. A través de vídeos e outros materiais, o alumnado poderá introducirse nunha parte dos contidos fóra da aula e xa dentro poderá aplicar o aprendido.
Carlos López Ardao e Vicente Novegil Souto. Módulo 1 - Curso CAFI Aula Invertida. En YouTube con licenza CC BY.
- Gamificación:
A gamificación ou ludificación traslada a dinámica dos xogos ao proceso de ensino-aprendizaxe, xerando experiencias positivas, aumentando a motivación, o compromiso e o ánimo de superación, facilitando deste xeito as aprendizaxes significativas.
INTEF. Vídeo 1.2. "Gamificación" - Ideas Clave #GamificaMooc. En YouTube con licenza CC BY.
- Blended learning:
Parece inevitable, tendo en conta o contexto no que nos atopamos nos últimos anos, marcado pola pandemia, que falemos do ensino mixto ou blended learning que mestura a aprendizaxe presencial e online ou virtual. Dentro do ensino mixto podemos atopar diferentes tipoloxías (modelo de rotación, modelo flexible, modelo á carta e modelo virtual enriquecido) e as metodoloxías expostas con anterioridade forman, en certo modo, parte do B-learning. Se queremos exceder os límites da aula tradicional, esta metodoloxía daranos multitude de ferramentas para poder levalo a cabo.