ANM 9. O baile agarrado
| Sitio: | Aula virtual do espazoAbalar |
| Curso: | A nosa música |
| Libro: | ANM 9. O baile agarrado |
| Impreso por: | Usuario convidado |
| Data: | domingo, 28 de decembro de 2025, 3:10 PM |
Introdución

Agarrado, 1900. Wikimedia. (Dominio público)
Carme, Carmiña, Carmela
non bailes o agarrado,
que dixo o señor cura
que era moito pecado.
Repara nesta copla. Seica había bailes pouco apropiados e outros que si se permitían? será coma hoxendía o reggaetón ou a lambada, con movementos que dan moito que falar? imos ver porqué avisaban á "ousada" da Carmiña...
Que é?
Dende o s.XIX, coas viaxes e a emigración van chegando pezas novas de América ou Centroeuropa, como a rumba ou o valse. Bailábanse dun xeito novo, xa que as parellas non bailaban "ao solto", a distancia que os separaba era pouca, collíanse da man ou mesmo se abrazaban.
Por mor do contacto físico, a difusión destes bailes novos causou escándalo. Para as autoridades da Igrexa, "bailar pegados" ía contra a moralidade e era un gran pecado. Aínda a primeiros do s. XX había cregos que non confesaban as mulleres que bailaban valses ou polcas!
Creáronse xogos con baile solto que incluían algunhas partes de agarrado e a mocidade podía escapar das prohibicións. Pouco a pouco fóronse aceptando e integráronse na nosa cultura, parecendo tan enxebres coma a muiñeira e esquecendo que viñan orixinalmente de moi lonxe. De feito, nos seráns cada rolda de bailes encadeados ten que levar unha muiñeira, unha xota e varios agarrados.
Frecuentemente eran considerados ritmos foráneo que deturpaban a identidade da nosa música. Aínda así, adoptáronse dándolles un estilo e carácter propio e integrándoos de vez.

Baile na praza. Ponte..nas ondas! Flickr. CC-BY
Hai moita variedade de agarrados na música galega; aquí indicámosche os máis coñecidos clasificándoos en tres grandes grupos:
1. AGARRADOS DE COMPÁS BINARIO
Pasodobre: canda ao valse, é o agarrado máis bailado. Parece que a súa orixe está nas marchas militares do s.XVIII españolas.
Dous pasos: agarrado propio do interior de Pontevedra que se baila levantando o pé cada dous pasos.
Polca: era unha danza campesiña de Bohemia (Polonia e Chequia) de mediados do s.XIX. O paso básico é un paso de salto e tres pasos de marcha.
Rumba: ten orixe afrocubana e foi dos últimos ritmos en chegar. Nalgúns lugares chámanlle 'danza'.
2. AGARRADOS DE COMPÁS TERNARIO
Valse: ten compás ternario. De orixe centroeuropea (Austria e Alemaña), o paso básico son tres pasos de marcha. Moi frecuente e mesmo dá lugar a que se improvisen puntos aínda agarrados.
Chiqui-chiqui: é unha variante rápida propio do Baixo Miño (Pontevedra).
Charrasquiño: parecido ao valse, os cantores determinan o ritmo do baile polas coplas que botan e que corean os bailadores.
Mazurca: de compás ternario, máis lento cá polca, procedente de Mazovia (Polonia). Dous pasos de marcha e un paso de salto. Tamén lle chaman 'tres saltos'.
3. AGARRADOS MIXTOS
Muiñeira corrida: mestura de pasodobre e muiñeira, a cal se pode bailar solto ou agarrado máis rápido.
Esparabán: semellante á muiñeira corrida, cun desprazamento lateral nas partes de muiñeira.
Escoita fragmentos de catro agarrados: Dous pasos (de Toutón), chiqui-chiqui (de Lourido), pasodobre (de San Vicente) e danza (do Sardiñeiro).
Dunha ollada

Dálle marcha!
Presentamos esta rumba moi animada para cantar e bailar:
Rumba de Anxeriz

Mándanme toca-la rumba
i-eu a rumba non a sei
para quen entrou no baile
eu a rumba tocarei-e.
Eu a rumba tocarei-e
Aiala lara lalá
aiala lara lalá
aiala lara lalala
Morena amorenada
morena amorenada
dall'unha volta e-o pelo
que che quero ve-la cara.
Que che quero ve-la cara
Aiala lara lalá
aiala lara lalá
aiala lara lalala
Baila que podes bailar-e
baila que podes bailar
que mellores tocadoras
non as pudeche buscar-e.
Non as pudeche buscar-e
Aiala lara lalá
aiala lara lalá
aiala lara lalala
Vou a da-la despedida
despedida vou a dar
vou a da-la despedida
e-aghora vou acabar-e.
E-aghora vou acabar-e
Aiala lara lalá
aiala lara lalá
aiala lara lalala