ANM 4. O Nadal

Sitio: Aula virtual do espazoAbalar
Curso: A nosa música
Libro: ANM 4. O Nadal
Impreso por: Usuario convidado
Data: domingo, 28 de decembro de 2025, 6:34 AM

Introdución

Bando de reis de Pexegueiro (Tui). Ponte... Nas Ondas. Flickr. CC BY-2.0

O tempo do Nadal garda na nosa tradición uns costumes ben arraigados que se conservaron ata os nosos días e a música non ía ser menos. Tomamos os turróns, en moitas casas na Noiteboa céase bacallau con coliflor, poñemos a árbore, escribímoslle aos Reis, se cadra agardamos ao Apalpador... e que pasa coa música? Os vilancicos e as panxoliñas son o mesmo? Supoñemos que no tempo dos nosos avós e avoas non lle cantaban ao reno Rodolfo, pero sabemos a riqueza tan grande da nosa música (e danza) do Nadal?   

 

Malia que moitas veces os consideremos sinónimos, non é o mesmo o vilancico cá panxoliña ou os cantos de Nadal e Reis. 

Probablemente a palabra vilancico provén das pezas que cantaban os habitantes das vilas, os viláns, non tendo que ser de tema relixioso. Máis adiante usábanse na liturxia das festas máis destacadas e despois xa se asociaron co Nadal. Os seus textos eran populares ou poemas de autor, mentres a música era a varias voces. 

Nas catedrais galegas, sobre todo en Compostela e en Mondoñedo, conserváronse moitas partituras de vilancicos. En plenos Séculos Escuros, cando o uso do galego escrito e culto era case nulo, empregouse a nosa lingua para as letras dos vilancicos que os mestres de capela compoñían para as catedrais. 

Algúns dos vilancicos chegaron, ben entrado o s.XX, á música tradicional. Musicalmente son afíns á muiñeira nova (na clasificación de D. Schubarth, ver ANM 7) e falan moitas veces do "galeguiño" que vai a Belén.

Doutra banda, as panxoliñas son cancións populares que se cantaban na igrexa, ante o belén e na festa de Nadal, de autoría descoñecida e transmitidas de xeito oral. Nalgunhas zonas de Galicia, 'panxoliña' é só un dos moitos subxéneros das cancións de nadal.

Que é? I

Atendendo a unha clasificación máis completa que non coincide en todo o territorio, distínguense as panxoliñas (que reflicten a alegría polo nacemento de Xesús) e os nadais (falan do camiño da Virxe e San Xosé ata o pendello de Belén), ambos os dous propios da Noiteboa e o día de Nadal.

De fin de ano e primeiro de ano son os cantos de aninovo e os manueis (dedicados ás persoas con ese nome no día do seu santo). Ao longo deste primeiro mes do ano interprétanse as xaneiras.

As epifanías e os cantos de reis son as pezas propias do 5 e 6 de xaneiro.

Os cantos, sexan de Nadal (de noiteboa e aninovo) ou de reis, teñen tres partes. Empezan coa licenza (pedir a autorización para cantar ante a xente de cada casa). Despois cóntase a historia do nacemento ou dos reis (un romance ou canto narrativo) e rematáse co aguinaldo (despedida e petición de cartos ou algo para comer e beber). Tanto na licenza coma nos cantos úsase o castelán, mentres os aguinaldos adoitan ser en galego.

Esquema dos Reices Vellos de Xanceda, sobre o documento do CEIP Fernández Latorre

Aínda que hai melodías propias dos cantos de Nadal e Reis, moitos téñense recollido con música de romances, ás veces con melodías de muiñeira ou mesmo con cantos de seitura.

Este canto das madamas aparece en varias zonas da Península, coñecido como El retrato. Foi propio das celebracións de benvida á primavera (as marzas e os maios) e logo pasouse ao Nadal cristián:

Os aguinaldos teñen melodías propias, mais nalgúns casos poden ser máis ou menos improvisados, e tamén facerse con ritmo e melodía de xotas ou de muiñeiras. Tamén se pode usar como aguinaldo un romance. As letras son en galego.

Primeiro, nas aldeas formábanse os grupos de xente (bandos ou cuadrillas) para actuaren. Ás veces había un grupo especializado, os reiseiros ou reiceiros. Ensaiaban para cantar en Nadal, por Ano Vello (cantar os manueles aos veciños con ese nome) e os reis (reises ou reices)Co que conseguían xuntar, é dicir, cos aguinaldos, facían unha festa. 

Adoitan dividirse en dous grupos para se iren alternando ao cantar, debido á duración dos temas musicais. É frecuente que se acompañen dunha gaita e algúns instrumentos de percusión.

 

Como vemos nos exemplos, boa parte das letras son en castelán. Isto débese a varios factores: algúns foron difundidos dende Castela e conserváronse sen adaptar á nosa lingua; moitos son versións de romances anteriores, en castelán (ver o tema ANM 10); o rexeitamento da Igrexa durante varios séculos para o uso do galego; o castelán asociábase ás veces cun toque máis formal e tamén satírico ou retranqueiro e tamén ese idioma era a marca da clase pudente, para quen o pobo galegofalante tamén actuaba.

Que é? II

Amais dos bandos de reis (que cantan) e as rondallas da zona de Vigo (que tocan), no sur de Pontevedra conservan a completa tradición dos ranchos de reis. Riofrío (Mondariz), Guláns, Fozara e As Cortellas (Ponteareas), Fornelos da Ribeira e Lourido (Salvaterra de Miño) ou Salceda de Caselas gardaron este tesouro etnográfico ata os nosos días.

Os ranchos de reis son un conxunto de danzas brancas interpretadas por grupos de músicos e danzantes. Percorren os lugares o día cinco e seis de xaneiro pedindo aguinaldo polos lugares e bailando toda a noite ata a mañá da celebración.

Nalgunha parroquia, o día de Reis, empezan bailando dentro da igrexa diante da Virxe e acompáñana en procesión sen lle dar en ningún momento as costas. A danza e o toque da gaita no interior da igrexa sobreviviron ao longo dos séculos ás prohibicións das autoridades, que as consideraban unha profanación.

Estas danzas brancas (ver ANM 6)  conservan o seu vestiario, música e coreografía. Hai danzas de reis de paus, de castañetas, de arcos e de fitas.

 File:Rancho de Reis de Guláns 1920.jpg

Rancho de reis de Guláns, 1920. Wikimedia. (Dominio público)

Os traxes son maiormente brancos, con sombreiros adornados con espellos, prumas e teas de cores e cun pano dobrado a xeito de banda cruzando o peito. As mulleres podían levar moitos colares e xoias. Por exemplo, en Salceda de Caselas a dama, interpretada por unha meniña, levaba moitas xoias prestadas das familias ricas e por iso ía con dous homes escoltándoa. Noutros lugares os pantalóns son curtos e vermellos. 

Nalgunha localidade, estes ranchos tamén actuaban no Entroido ou noutra data concreta.

Dunha ollada

infografía sobre a música tradicional do Nadal

Dálle marcha!

Presentamos unha mostra de canto de reis recollida en Albixoi (Mesía, A Coruña):

Canto de reis de Albixoi
canto de reis de Albixoi

1. Cantámosche os reises
canela de cabra
cantámosche os reises
non nos deche nada.
2. [Aquí hai mociñas]
que ghastan refaixo
que nos han de dar-e
do que tran por baixo.
3. Aquí hai mociñas
que ghastan salero
que nos han de dar-e
o viño no xerro.

A partitura foi simplificada. A orixinal, transcrita por Sergio de la Ossa pódela atopar aquí.
 
Escoita a versión recollida:
Canto de nadal de Albixoi
APOI-Museo do Pobo Galego, ID#122Intérprete: Manuela das Forcadas. CC BY NC 2.5

Canto sei!