ANM 3. O ciclo da vida: arrolos e regueifas
| Sitio: | Aula virtual do espazoAbalar |
| Curso: | A nosa música |
| Libro: | ANM 3. O ciclo da vida: arrolos e regueifas |
| Impreso por: | Usuario convidado |
| Data: | domingo, 28 de decembro de 2025, 1:01 AM |
Introdución
![]()
Os Maravillas de Cartelle (ca. 1912). Wikimedia. (Dominio público)
As persoas pasamos por unha serie de etapas que van conformando o noso xeito de ser e a relación coa sociedade na que vivimos. Na sociedade tradicional, menos individualista e máis comunitaria, a vida das persoas ía máis encarreirada nuns patróns fixos.
A etapa infantil, dende os bebés á mocidade, ten o seu xeito de vida, basicamente dependente da familia. Veremos a música tradicional asociada a estas etapas.
Na seguinte etapa, a mocidade, o paso máis habitual era buscar parella, casar e formar unha familia. Chegamos ao momento da voda, que ten a súa música específica.
Xa na madurez, a roda da vida ía xirando arredor do coidado dos maiores e a xente pequena, integrándose nos distintos ritos da roda ou ciclo anual (nadal, entroido, pascua...) ata a vellez e máis tarde a morte.
Neste capítulo imos reparar na música infantil e mais na música das vodas.
Que é? I
Nos primeiros anos de vida vaise formando a nosa personalidade e enchoupámonos da cultura na que nos criamos. A nosa cultura ten tamén unha gran variedade de cantos cos que a familia vai acollendo ao bebé, mentres o arrola ou o acariña; mesmo antes de nacer xa a nai comeza con esta iniciación musical. Despois vanlle ensinando melodías sinxelas coas que aprende a lingua, os ritmos e a música, que vai interiorizando.
O arrolo (canto ou canción de berce, de rolo ou anaina) é un xénero musical coa finalidade de adormentar a nenas e nenos. Consta dunha letra sinxela, ás veces con anacos onomatopeicos e vocálicos (ea, ea, e...; ro, ro, ro...) e unha execución musical uniforme e tranquila para inducir o sono mentres se arrola o bebé no berce ou no colo. Daquela, o ambiente e o movemento cíclico determinan o ritmo da melodía.
Á parte dos arrolos, hai outras cancións infantís e recitados que serven para entreter os pequenos, ás veces dándolles unhas fregas na barriga, contándolles os dedos das mans, facéndolles o trote do cabalo sentados na perna ou para que aprendan a falar e repitan a letra da canción.
Hai xogos rítmicos sen melodía, que se van recitando:
Ás veces cántanse os arrolos con melodías e métrica de xotas ou muiñeiras. Tamén se pode recitar cun ritmo de muiñeira:
É habitual que sexa unha melodía de poucas notas e que acaben cunha liña melódica descendente:

Retrato de nenos con traxes tradicionais galegos (1874). Antonio Eulaty. Galiciana. Dominio público
Cuns aniños van aprendendo os encadeados e contos ou cancións enumerativas e acumulativas, que axudan a desenvolver a memoria, coma esta:
Recollida en Meira, San Martín de Lúa. D.Schubarth e A. Santamarina: Cancioneiro galego de tradición oral (p.68)
Cando xa teñen uns anos, nenas e nenos xogan entre eles e acompañan aos maiores aos traballos ou ás festas. Antigamente, nestas xuntanzas facíanse algúns xogos de baile só para a rapazada ou engadíanse moitas veces os maiores.
Adoitan ser bailes de roda nos que hai que cantar ao mesmo tempo. Nalgúns hai que buscar axiña unha parella e cámbiase cada pouco e noutros báilase o agarrado.
Moitos recolléronse no sur da provincia de Pontevedra.
Que é? II
Para pasalo ben e coñecerse, a xente nova non perdía festa que houbese. Cando os homes chegaban aos seráns ou fiadeiros, botaban coplas de desafío ou enchoiadas que axiña respondían as mulleres. Alí bailaban, cantaban e íanse formando parellas que, se cadra, acababan en casamento.
A voda era un momento perfecto para amosar o poder e prestixio para a familia, e diante da casa do banquete xuntábanse os cantadores de voda e a mocidade na espera do bolo da voda: a regueifa (rosca de trigo, manteiga e limón, con ovos e mel). Logo da celebración polo día, ao serán empezaba a competición polo doce.
Unha persoa, de entre os e as asistentes ou chamada para a ocasión, tiña que "defender" a casa, enxalzándoa, ante os de fóra (entre 6 e 10 persoas), que respondían con retranca. Estes "combates" poéticos duraban horas.
Comentaban todo sobre a parella: os traxes, o banquete, as familias...
Ata cen persoas se podían xuntar fóra da casa do banquete para este espectáculo. Despois partíase e repartíase a regueifa e empezaba o baile cos noivos e padriños.
O brindo (birindo, berindo) e a loia son os cantos de voda dos Ancares e O Courel e os artistas chámanse loiadores ou brindeiros.
Na zona occidental de Galicia conservouse a tradición, co nome de regueifa, levada a cabo por regueifeiros ou regueifeiras. Podían saír co doce fóra ou co molete na cabeza. Practicouse dende Noia ata a cidade da Coruña e toda a costa.
Co tempo, foron perdendo a vinculación coas vodas e convertéronse en combates poético-musicais de improvisación, tamén chamado 'repente'. Chegaron a estar bastante profesionalizados e ofrecían espectáculos por parellas. En xeral, as regueifas son máis satíricas cós brindos.

As coplas de brindos e regueifas son catro versos octosílabos, rimando os pares (a-b-c-b), aínda que tamén hai tríades (a-b-a).
Dunha ollada

Dálle marcha!
O chotis é un baile agarrado de Centroeuropa que se popularizou no s.XIX. O seu nome provén de schottish (escocés).
Este chotis cántano e báilano ao mesmo tempo. Recolleuse en distintas zonas do país, dende Bergantiños (A Coruña) ata terras da Gudiña (Ourense).
A letra orixinal está en castelán; nós adaptámolo para cantalo en galego.
Podémolo dividir en tres seccións: A ("Luns..."), B ("E un dous tres...") e C ("la la la la...").
A. Dispostos por parellas en dúas filas enfrontadas, realizamos o paso de "mayim". Cun paso á dereita abrimos, co outro pé crúzase por atrás do que abriu. Outro paso lateral abrindo e agora o outro pé cruza por diante. Isto repítese unha vez máis, pero ao final xuntamos os pés. A parella, de fronte, baila en espello.
Repetimos ao revés.
B. Collémonos da man coa parella e bailamos un agarrado, con paso saltado, dando unha volta completa con oito pasos base.
C. Co mesmo paso base e fronte á parella fanse outros oito pasos en espello e balanceámonos lateralmente de dereita a esquerda.
Pódese empezar lento, aumentando a velocidade e tentando bailar na punta do pé cando é máis rápido.
Aquí temos unhas pandeireteiras de Cerqueda (Malpica, A Coruña) interpretándoo:

