U. D. 5: A ÉPOCA DE ENTREGUERRAS
4. O auxe dos fascismos
4.1. O fascismo italiano

A pesar de ser unha das potencias vencedoras da Gran Guerra, Italia non viu satisfeitas as súas demandas territoriais durante as negociacións do Tratado de Versalles. A iso hai que sumar paro, folgas, soldados veteranos desencantados, unha severa crise económica e unha importante inestabilidade social. Neste contexto, o caldo de cultivo perfecto, xorde a figura de Benito Mussolini, que formará un grupo paramilitar denominado Fasci di combattimento e, máis tarde, en 1921, fundará o Partido Nacional Fascista.
No ano 1922 Mussolini, apoiándose no medo das clases medias e altas a unha revolución comunista (tal e como sucedera en Rusia poucos anos atrás) e prometendo converter a Italia nunha potencia de primeira orde mundial, chegou ao poder. En outubro, no contexto dunha gran folga xeral provocada pola situación de inestabilidade, Mussolini convocou aos seus camisas negras (nome que recibían as forzas paramilitares fascistas) e dirixiuse cara á capital, nun episodio coñecido como a Marcha sobre Roma (na imaxe da dereita). Unha vez alí, o rei Victor Manuel III, simpatizante da ideoloxía fascista, encargou a Mussolini a formación dun novo goberno.
Moi pronto Mussolini comezou a dar pasos para converter a Italia nun Estado totalitario. En primeiro lugar, prohibiu os sindicatos e os demais partidos. A continuación, puxo fin ás liberdades de reunión, asociación e prensa e, por último, perseguiu a toda a oposición política, ata o punto de ordenar asasinatos como o do líder socialista Giacomo Matteotti en 1924, despois de que este denunciara os abusos de Mussolini e os seus. Instaurábase deste xeito en Italia unha ditadura que tivo entre outras as seguintes características:
- Proclamación de Mussolini como Duce ou caudillo supremo, sen que iso significase a ruptura radical cos poderes tradicionais, pois mantivo a monarquía e fomentou o entendemento coa Igrexa Católica.
- Creación dunha policía política, a OVRA, e utilización da violencia para facer fronte a calquera desorde social (contra líderes sindicais, militantes de esquerda, folguistas, etc.)
- Fundación de sindicatos corporativos e fomento da agricultura e o desenvolvemento industrial autárquico.
- Adopción dunha política exterior agresiva, buscando a expansión territorial en África e nos Balcáns. Ademais, apoio firme do bando franquista durante a Guerra Civil Española.
Hitler e Mussolini en Venecia (1934)
Realiza as seguintes actividades e anota as fontes consultadas en cada caso:
a. Explica que quere dicir que a agricultura e o desenvolvemento industriais eran autárquicos.
b. Investiga que representa o símbolo da imaxe, un dos principais do fascismo italiano.
