Curso semipresencial de inglés. Nivel A2

Guía do curso para o alumnado

Índice

1. Definición do nivel

2. Obxectivos

3. Contidos e temporalización

4. Modalidade semipresencial

5. Requisitos técnicos

6. Estrutura do curso

7. Tipos de actividades e tarefas

8. Metodoloxía

9. Avaliación

10. Normas de netiqueta

11. Bibliografía e material complementario

--------------------oOo--------------------

1. Definición do nivel

As ensinanzas de idiomas de réxime especial do nivel Básico A2 correspóndense con ese nivel do  do Marco común europeo de referencia para as linguas, do Consello de Europa.

O alumnado que supere o nivel básico A2 poderá levar a cabo tarefas simples e cotiás sobre cuestións coñecidas e habituais. Igualmente, poderá actuar en situacións cotiás de comunicación mediando entre falantes de distintas linguas que non poidan comprenderse de forma directa. 

O alumnado que acade este nivel disporá das competencias que lle permitan utilizar o idioma, oralmente e por escrito, de maneira eficaz e apropiada en actividades comunicativas sinxelas e habituais relativas a necesidades inmediatas e que requiran comprender e producir textos breves que conteñan expresións e estruturas básicas e termos sinxelos de lingua estándar.

2. Obxectivos

O alumno/a poderá levar a cabo tarefas simples e cotiás sobre cuestións coñecidas e habituais. Este nivel de uso do idioma permitirá igualmente actuar en situacións cotiás de comunicación mediando entre falantes de distintas linguas que non poidan comprenderse de forma directa.

Con esta finalidade, o alumnado deberá adquirir as competencias que lle permitan utilizar o idioma oralmente e por escrito de maneira eficaz e apropiada en actividades comunicativas sinxelas e habituais, relativas a necesidades inmediatas, e que requiran comprender e producir textos breves nun rexistro neutro, que conteñan expresións e estruturas básicas e termos sinxelos de lingua estándar.

Unha vez adquiridas as competencias correspondentes ao nivel, o alumnado será capaz de:
  • Comprender o sentido xeral e a información relevante en textos orais breves e sinxelos articulados con claridade e lentitude nunha variedade de lingua estándar, que traten de necesidades inmediatas, temas cotiáns e coñecidos cos que se estea moi familiarizado/a ou experiencias persoais e predicibles, sempre que non existan ruídos de fondo e se poidan utilizar apoios visuais, repeticións ou reformulacións. 
  • Producir e coproducir textos orais breves con estruturas básicas e habituais, adecuadas á situación e ás persoas interlocutoras, referidos a asuntos da vida cotiá, e desenvolverse de forma comprensible e clara, aínda que resulten evidentes o acento estranxeiro, as pausas e titubeos, e sexa necesaria a repetición, a paráfrase e a cooperación dos/as interlocutores/as para manter a comunicación. 
  • Comprender o sentido global e localizar información relevante e predicible en textos escritos breves e sinxelos, ben estruturados e en lingua estándar, relacionados con temas cotiás, especialmente se contan con apoio visual. 
  • Producir e coproducir textos escritos breves e sinxelos sobre aspectos cotiáns e temas predicibles relacionados coa experiencia persoal, utilizando un repertorio léxico e estrutural limitado e básico e os recursos de cohesión e as convencións ortográficas e de puntuación elementais. 
  • Mediar entre falantes da lingua meta ou doutras linguas en situacións de carácter habitual nas que se producen intercambios moi sinxelos de información relacionados con asuntos cotiáns ou con información persoal básica.

 3. Contidos e temporalización

O curso desenvolverase durante un ano lectivo. As diferentes actividades de aprendizaxe están organizadas en 10 módulos que requiren dunha dedicación mínima de 6 horas de aprendizaxe autónoma na aula virtual xunto con outras 6 horas de aprendizaxe na aula presencial. Recoméndase un traballo diario para fomentar a autorregulación co fin de acadar unha aprendizaxe significativa.

Podes consultar a secuenciación detallada de contidos e a súa temporalización na programación didáctica do departamento de inglés da túa escola oficial de idiomas. Asemade, na aula virtual cada módulo vai acompañado dunha folla de ruta que indica o camiño a seguir.

4. Modalidade semipresencial

Esta nova modalidade semipresencial combina a partes iguais a aprendizaxe virtual coa presencial: cada semana haberá unha sesión presencial de dúas horas. Dunha banda, na aula virtual traballaranse as seguintes actividades de lingua:

  • comprensión de textos orais
  • comprensión de textos escritos
  • produción e coprodución de textos escritos
  • produción de textos orais
  • mediación

Na aula presencial, doutra banda, afondarase especialmente nas actividades de lingua que resultan máis difíciles de practicar virtual e individualmente:

  • produción e coprodución de textos orais
  • técnicas para a organización da produción e coprodución de textos escritos
  • mediación.

É moi recomendable, por tanto, cumprir coa asistencia e realizar o traballo requirido en ambos os dous espazos para acadares os obxectivos do curso. A pesar da flexibilidade que proporciona a docencia virtual, cómpre respectar os prazos establecidos para a realización e entrega das tarefas, co fin de levar os contidos ao día e ser quen de seguir o ritmo do grupo.

Cómpre ter presente que a modalidade semipresencial require por parte do alumnado un nivel de autonomía como aprendices de linguas considerablemente maior que a modalidade presencial. 

5. Requisitos técnicos

Para o seguemento da parte virtual do curso requírense coñecementos básicos de informática a nivel de usuario, así coma os seguintes dispositivos:

  • ordenador con conexión a internet
  • micrófono
  • cámara web

Se non se dispón destes dous últimos, pódese empregar calquera teléfono móbil ou tableta que conte con eles.

6. Estrutura do curso

O curso comprende 10 unidades temáticas que se corresponden con 10 módulos. Ademais, inclúese un módulo 0, onde atoparás os seguintes elementos:

News forum: É un foro do novas onde o/a profesor/a irá publicando información sobre o curso e o seu desenvolvemento.

Introductions forum: É un foro no que deberás presentarte aos teus compañeiros/as ao inicio do curso.

Tutorials: Nesta sección atoparás documentos de axuda sobre aspectos técnicos da plataforma (como enviar e responder mensaxes, como establecer as túas preferencias, como gravar mensaxes de audio e vídeo, e como arranxar problemas co teu navegador).

Pola súa parte, cada módulo inclúe:

Road map: Nesta folla de ruta ofrécese unha visión panorámica do módulo (partes, tarefas, foros). Convén lelo antes de empezar co módulo.

Forum for Questions and Answers: En cada módulo hai un foro específico para comentar dúbidas e resolvelas entre todos/as e/ou con axuda do profesor/a.

Ademais, as diferentes actividades e tarefas distribúense en catro seccións:

Learning about it: Nesta sección terás ao teu dispor unha serie de actividades de comprensión de textos orais e escritos, léxico, gramática e pronuncia, así como pautas e consellos para enriquecer a túa produción e coprodución oral e escrita. Tamén atoparás xogos e actividades para reflexionar sobre temas socioculturais.

Communicating and sharing: Nesta sección atoparás unha serie de actividades para facer colaborativamente cos outros participantes. Estas poden ser foros, wikis, bases de datos, padlets ou mapas mentais.

Making progress: Esta sección comprende tarefas de comprensión oral e escrita así como produción oral e escrita sobre as que recibirás feedback específico por parte do/a docente seguindo unha rúbrica de avaliación.

Follow-up: Nesta sección atoparás ligazóns e arquivos de interese para consolidar ou ampliar o aprendido ao longo do módulo. Tamén poderás completar un pequeno cuestionario Check your progress e reflexionar sobre a aprendizaxe e consecución dos obxectivos de cada módulo.

Todos os contidos da parte virtual deste curso compleméntanse coa actividade na aula presencial. A icona indica as tarefas que se desenvolverán na aula presencial (F2F). 

7. Tipos de actividades e tarefas

Todas as actividades e tarefas veñen acompañadas de instrucións e exemplos que convén que leas con calma para saber como facelas de maneira satisfactoria. A medida que vaias avanzando e realizando as actividades, marcarase un tick á marxe dereita . 

Ao longo dos diferentes módulos realizarás diferentes tipos de tarefas:

Forum : Son actividades nas que os/as usuarios/as interactúan intercambiando información ou opinións: abrindo fíos de conversa e publicando respostas. Neste curso cada módulo contén, polo menos un foro no que deberás participar. Neste mesmo documento poderás ler con calma sobre netiqueta e normas aplicables aos foros.

Glossary : Esta actividade consiste na creación dun glosario de xeito colaborativo. En todos os módulos suxírese publicar, polo menos, un termo no glosario seguindo as pautas indicadas nas instrucións. Ao rematares o módulo disporás do glosario completo que poderás imprimir e gardar. 

Task : En cada módulo deberás entregar as tarefas escritas e/ou orais que serán avaliadas polo docente. Na descrición das tarefas estará explicada a forma de entrega e a rúbrica.

Mind map : O mapa de ideas permite organizar colaborativamente o novo vocabulario do módulo de maneira moi gráfica. É unha forma moi enriquecedora de avanzares na aprendizaxe xunto cos/as compañeiros/as.

Quizz : En todos os módulo atoparás actividades de comprensión escrita e oral cunha series de preguntas similares as probas de avaliación e certificación. Unha vez rematados estes, recibirás o resultado.

Wiki : Unha wiki é unha páxina que pode ser editada polos usuarios co fin de recoller información e colaborar na creación dun proxecto de forma colaborativa. Para traballar na wiki só tes que acceder a través da actividade e engadir contido premendo [edit].

Base de datos : Unha base de datos é unha ferramenta que serve para compartir datos sobre un tema. Para traballar nela hai que permer no botón [add entry] e cubrir os datos solicitados.

Board: é unha ferramenta dixital que permite publicar contidos multimedia dentro dun taboleiro virtual e, á súa vez, interactuar comentando as publicacións dos demais. Neste curso hai varias tarefas nas que deberás crear contido en Board seguindo as pautas descritas.

Groups : A través desta actividade poderás formar mini-grupos para realizardes algunhas tarefas colaborativas.

Survey : Esta actividade permite facer pequenas enquisas ou sondaxes acerca dun determinado tema.

8. Metodoloxía

A modalidade semipresencial permite combinar as vantaxes da formación en liña e da formación presencial, adaptando a aprendizaxe aos recursos tanto técnicos como humanos que están á nosa disposición. 

Dende un enfoque competencial, en cada módulo preséntanse unha serie de tarefas para cuxa realización contarás cun paquete de actividades en eXelearning que te guiarán no proceso. Algunhas destas tarefas están deseñadas para traballar de maneira individual, e outras requiren un traballo colaborativo. Ambos tipos de tarefas están orientados a favorecer a reflexión e a aprendizaxe autónoma do alumnado a través da tecnoloxía.

Deste xeito, na contorna virtual terás acceso a materiais de consulta e actividades de comprensión e de exposición que poderás realizar con flexibilidade. Pero tamén terás múltiples oportunidades de colaboración para aprender colaborativamente: os foros, os glosarios, as wikis, padlets... Aproveita estas actividades porque están deseñadas para potenciar a creatividade, a comunicación e o intercambio de ideas, en definitiva, o uso da lingua en contexto.

A metodoloxía é, por tanto, eminentemente práctica, promovendo a idea de aprender facendo, así coma a reflexión sobre a propia aprendizaxe.

9. Avaliación

Ao longo do curso empregaranse diferentes ferramentas de avaliación formativa mediante as que obterás retroalimentación continuada por parte do/a profesor/a sobre o teu proceso de aprendizaxe, tanto na aula virtual coma presencial. Así, o profesor corrixirá as túas tarefas e remitirá comentarios para axudarte a enfocar mellor a túa aprendizaxe e para que saques o máximo partido do curso. Noutras ocasións, as suxestións e propostas de mellora virán dos teus propios compañeiros/as, que che aportarán unha visión de igual a igual.

Para máis información sobre avaliación e cualificación, consulta a programación didáctica do departamento de inglés da túa escola oficial de idiomas para coñecer os criterios e os tipos de avaliación que se realizarán durante o curso.

10. Normas de netiqueta

Igual que sucede no mundo real, no mundo virtual existen unha serie de normas de convivencia, baseadas no respecto, que facilitan a comunicación e evitan situacións indesexables e conflitos:

  1. Trata aos demais como che gustaría que te tratasen a ti. Cando escribas unha mensaxe relea antes de enviala e pensa cal sería a túa reacción se a recibises.
  2. Ten en conta que na linguaxe escrita non é posible dar entoación, "imítaa" utilizando emoticonas.
  3. Evita escribir en maiúsculas. Na Rede considérase "berrar" e ademais dificulta a lectura.
  4. Cando inicies un fío ou discusión, escribe un título claro e representativo do contido. Evita títulos imprecisos e xerais como: "Teño unha dúbida".
  5. Se a túa resposta a unha mensaxe só interesa ao autor non lle contestes no foro senón envíalle un correo persoal.
  6. Non volvas preguntar algo que xa se tratou. Antes de preguntar sobre algún tema, asegúrate de que non fose contestado con anterioridade.
  7. Inclúe suficiente información cando envíes unha pregunta.
  8. Non esperes recibir unha resposta inmediata.

11. Bibliografía e material complementario

Recomendacións de dicionarios en liña:

O teu profesor/a facilitarache máis información sobre bibliografía ao comezo do curso. Tamén podes consultar información bibliográfica na propia páxina web do centro no que estás matriculado/a.


Última alteração: sexta-feira, 12 de julho de 2024 às 18:17