E ti es de aquí ou vés á festa? PROXECTO PALCOS
Con este título, tan suxestivo para unha persoa que medrou canda eses palcos hoxe considerados “feos”, foi a presentación na EOI de Ferrol do proxecto Palcos que está a revalorizar a existencia destes elementos arquitectónicos da paisaxe galega. A actividade foi promovida polo Departamento de Galego, o Equipo de Dinamización Lingüística e a Biblioteca da EOI.
Íñigo Sánchez-Fuarros, coordinador do proxecto, fala galego cun acento foráneo e axiña nos aclara que é nativo doutra parte de España e leva pouco tempo vivindo aquí, demostrando así un cariño e un respecto pola nosa lingua e cultura que é moito de agradecer.
Explica que no Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC estase a desenvolver un proxecto de investigación chamado PALCOS que pretende localizar, documentar, catalogar e estudar os palcos da música espallados polo territorio galego e que hoxe, en moitos casos, se encontran en desuso.
Despois dunha introdución sobre o importante papel cultural, económico e social que tiñan as festas patronais na Galiza, comeza falando dos palcos que se poñían no medio do campo da festa cando as orquestras aínda non tiñan altofalantes e continúa describindo como despois se construían palcos provisionais a un lado do campo para deixar espazo para bailar, utilizando diversos materiais, mesmo remolques de tractor.
Cansos de montar e desmontar palcos, a partir da década dos setenta do século pasado, a maioría das parroquias comezou a construír palcos permanentes, deseñados para perdurar no tempo. Na grande maioría dos casos, foron construídos polas veciñas e veciños cos seus medios e o seu traballo. Eran tempos nos que as aldeas eran autosuficientes e xuntábanse tanto para mallar como amañar un camiño ou, incluso, construír un teleclub ou unha escola.
Estes palcos contan cunha plataforma elevada e cuberta que serve como escenario para as orquestras do momento e os materiais máis empregados son o cemento, os bloques e os ladrillos. O tellado pode estar composto por fibrocemento, tella ou lousa, garantindo a protección do grupo musical. En xeral, son estruturas sobrias e modestas que se engalanan con moitos adornos durante as festas.
Mais os tempos mudaron e, aínda que os palcos eran “para sempre”, a mediados dos 80 do século pasado, as orquestras comezaron a utilizar remolques de camión adaptados para transportar os seus propios escenarios cos seus sofisticados equipos de son e iluminación. Como consecuencia, os palcos permanentes quedaron obsoletos e, na maioría dos casos, abandonados e mesmo demolidos.
Son precisamente estes modestos “palcos permanentes” o obxecto deste proxecto, que busca localizar, documentar, catalogar e estudar os palcos de música espallados pola xeografía galega. E aí foi onde o coordinador do proxecto pediu a nosa participación, aportando a información que saibamos sobre os palcos que coñezamos ou teñamos coñecido para que os participantes no estudo poidan documentalos, analizar e comparar a evolución dos palcos en diferentes zonas do país. As persoas interesadas teñen máis información na páxina web do proxecto: palcos.gal
Ao remate da presentación houbo un interesante e animado coloquio no que as persoas asistentes compartimos as nosas vivencias das festas patronais e, como non, comparámolas coas festas actuais que ata contan con hospitais móbiles.

Web de palcos.gal
Escrito por Fernando Rodríguez Lamela, estudante de inglés B2 e destrezas de inglés B2, logo da súa asistencia á charla sobre o Proxecto Palcos