O peixe que quería voar
| Sitio: | Aula Virtual do CPI de Atios |
| Curso: | Repaso vacacional do 2º CICLO |
| Libro: | O peixe que quería voar |
| Impreso por: | Usuario convidado |
| Data: | mércores, 19 de novembro de 2025, 6:54 AM |
Descrición
Conto con actividades para mellorar a comprensión lectora.
1. O peixe que quería voar (Agustín Fernández Paz)
Catarina ten nove anos e vive con seus pais en Pontebranca, unha pequena vila da beiramar.
Se lle mandasen facer unha listaxe coas cousas que lle gustan, a nena escribiría un caderno enteiro: os xeados de turrón, a roupa de cores vivas, os libros de Roald Dahl, mirar as estrelas pola noite, as albóndegas que fai súa nai... Pero quizais o que máis lle gusta de todo é ir de visita á casa de seu avó, pois pásao moi ben con el e encántanlle as historias que lle conta.
O avó de Catarina vive nunha rúa estreita que nace na praza e baixa ata o peirao. Agora xa vai maior, pero nos seus anos mozos foi mariñeiro e navegou por todos os mares do mundo. Como xa está retirado, dedícase a pintar cadros con paisaxes exóticas que asegura ter visto nas súas viaxes. E sempre anda a contar as historias máis bonitas, historias que lle ocorreron en países afastados ou en cidades de nome misterioso. Desde que deixou o mar, o avó só navega polas augas da ría, nunha pequena chalana que sempre ten amarrada no peirao. A chalana é de cor vermella e na parte de diante ten pintada a palabra «Lola». Chámase así porque ese era o nome da avoa, que Catarina nunca coñeceu, pois finou antes de nacer ela.
Moitas tardes, cando sae da escola, o que máis lle gusta á nena é achegarse deica a casa de seu avó. Catarina merenda con el e mira con abraio os cadros que enchen o cuarto. Algúns días, se vai boa tarde, o avó pregúntalle se quere dar un paseo na barca. Ela sempre di que si, que como non ha querer, se non hai nada máis bonito ca subir na chalana e navegar co avó polas augas tranquilas da ría.
Un sábado pola mañá, o avó telefonou á casa de Catarina. Ía saír pescar e, se a nena quería, encantaríalle levala. Catarina aceptou entusiasmada. Vestiuse axiña e almorzou ás présas; pouco despois, xa corría polas rúas en dirección ao peirao.
O avó chegou pouco despois, cos aparellos na man. Subiu á chalana e logo manobrou para que Catarina tamén puidese subir.
Cando estiveron acomodados, colleu os remos e vogou con ímpeto ata que estiveron ben afastados da beira.
Entón o avó deixou os remos e púxose a preparar os anzois. Catarina xa llo vira facer outras veces, pero sempre a fascinaba aquel labor minucioso. Logo, o avó botou os fíos á auga e puxéronse a agardar.
—Tardarán moito en picar os peixes? —preguntou a nena, despois duns minutos de silencio.
—Xa te aburres, Catuxa? —contestou o avó, cun sorriso—. Para isto da pesca haiche que ter moita paciencia, ben o sabes. Temos que agardar a que algún peixe despistado repare no cebo e se decida a comelo co anzol dentro. E iso aínda pode levar ben tempo.
—E por que non me contas un conto mentres agardamos? —pediu Catarina.
—E contareicho, logo. Só que este non é un conto; quen mo aprendeu a min díxome que fora verdade. Sabes a historia do peixe que quería voar?
—Non! Anda, veña, cóntama.
—Tranquila, nena, que xa vai. Atende:
(Continuará)
Actividades
2. O peixe que quería voar (Continuación)
«Había unha vez un peixe que, no canto de andar cos outros da súa bandada, o que máis lle gustaba era achegarse ata a tona da auga e botar a cabeza para fóra, coa arela de saber o que había máis alá.»Sempre vía o ceo e mais as nubes, pero iso xa non lle chamaba a atención. O que de verdade lle interesaba eran uns grandes animais que se movían polo aire con tanta facilidade coma el pola auga. Mirábaos unha e outra vez, abraiado polas elegantes traxectorias que seguían, tal coma se no ceo houbese camiños invisibles.
»Tanto lle gustaban que lle entraron ganas de falar con eles. Un día fíxolle acenos a un daqueles animais que voaba preto da tona da auga, pero tivo que mergullarse a toda velocidade, porque o bicho viña lanzado cara a el con intencións nada amigables. Un peixe vello que nadaba pola zona díxolle que debía ter máis coidado, que aqueles animais se chamaban gaivotas e tiñan o horrible vicio de alimentarse con peixiños coma el.
»O peixe seguiu observando as gaivotas, pero agora ás agachadas. E, véndoas moverse polo aire con tanta elegancia, entráronlle ganas de aprender a voar. Pensou que, se as imitaba, se practicaba moito aqueles movementos que facían, tamén el había acabar por conseguilo.
»Cando as gaivotas voaban no máis alto, o peixe dedicábase a dar brincos por fóra da auga, tentando chegar cada vez máis arriba, cada vez máis lonxe da superficie. Mais, por moito que practicaba, só conseguía subir un ou dous metros por riba da auga. Axitaba as aletas con canta enerxía como era capaz, pero non se aguantaba nada de tempo e sempre volvía caer no mar.
»Os outros peixes ríanse del, porque estaba tan empeñado na súa teima que nin tempo tiña de aprender as cousas que deben saber todos os peixes. E así non puido aprender a evitar o perigo de que o comese un peixe grande, ou a fuxir das redes, ou a non comer o cebo prendido dun anzol...
Naquel momento, o avó parou de falar porque sentira un forte tirón nunha tanza. Foi recollendo o fío, con coidado, ata que na auga asomou o corpo prateado dunha robaliza. Movía o corpo con forza para un e outro lado, tentando liberarse do ferro que a tiña prendida. A nena, en canto o viu, dixo:
—Avó!, e será este o peixe que quería voar? Por iso non soubo distinguir a trampa do anzol!
—Pois ao mellor éo. Ben merece que o pesquemos, por parvo.
—Non digas iso, avó! Quizais aínda non tivo ocasión de aprender ben como se escapa dos perigos.
—Pois agora xa se lle acabou o tempo! Que aprendese antes!
—E se lle damos outra oportunidade de que aprenda? Podiamos soltalo na auga. Total, a ti que máis che dá...
—Pero que dis, Catarina! Como irnos soltar unha robaliza tan boa coma esta?
—Anda, non sexas malo. Ti sempre me estás a dicir que unha cousa só se aprende despois de equivocármonos moitas veces. Sóltao, veña!
O avó colleu a robaliza e, con moito tino, liberouna do amocelo. Logo, botouna á auga. O peixe quedou quieto durante uns instantes, pero despois moveu con forza o rabo e perdeuse na profundidade do mar.
«Mágoa de robaliza! —pensou o avó—. Ao forno había estar ben boa».
«Peixe parvo! —pensou Catarina—. Se non chega a ser por min, acaba na tixola». E logo, dirixíndose ao seu avó, preguntoulle:
—E como remataba o conto do peixe?
—Acabas de velo —concluíu o avó, algo amolado—. De tanto pensar en voar, esquecéralle o máis importante. E o moi parvo foi picar no primeiro anzol que se lle puxo diante. Claro que tivo sorte de que ese anzol fose o noso e ti viñeses comigo.
—Pero así non pode acabar! E que lle vai pasar agora? —protestou Catarina.
—Non te apures, que eu ben sei como remata o conto:
«Despois de librarse do anzol que tragara, o peixe por fin decatouse de que voar é para os paxaros. E aprendeu que a vida de peixe tamén podía ser formidable. Desde aquela, cada vez que vía unha gaivota, ollaba para ela cun aquel de superioridade. Porque agora xa sabía que nadar pola auga non ten menos mérito ca voar polo aire!».
—E correr pola terra tamén ten mérito, non si, avó? —dixo a nena, despois de estar un anaco en silencio.
—Iso é o que ten máis mérito, Catarina. Por iso o sabes facer ti tan ben! —concluíu o avó, ao tempo que sorría e lle chiscaba un ollo á súa neta.
Actividades
Agustín Fernández Paz