Como moverse en Moodle
1.2. Como moverse en Moodle
A navegación entre os cursos e as seccións principais de Moodle realízase por medio do bloque de navegación, situado normalmente na primeira ou segunda posición da columna esquerda. Por exemplo, dende este bloque podemos pasar facilmente dun curso a outro no que tamén esteamos matriculados.
Ademais, o bloque de administración, situado tamén na columna esquerda, ten unha función fundamental á hora de xestionar os recursos e as actividades dun curso, xa que ao acceder a algún deles recolle tódalas opcións dispoñibles para configuralo e administralo.
Outro dos elementos que nos facilita o movemento dentro de Moodle é a barra de navegación, coa que poderemos movernos entre niveis dos menús.
Na imaxe que se amosa a continuación vemos un exemplo de como se presenta cada un destes bloques en cada un dos nosos cursos virtuais.
| Imaxe 1.2.1 Presentación dos bloques |
A barra de navegación
A medida que se navega polas diferentes áreas da nosa aula virtual (AV) esta barra de navegación irá mostrando a ruta que identifica en que pantalla estamos en cada momento, facilitando así que poidamos volver a páxinas anteriores.
Premendo sobre calquera das ligazóns que se mostran na barra de navegación podemos ir directamente á pantalla que identifica dita ligazón. Sempre será preferible utilizar esta barra de navegación de Moodle en lugar dos botóns atrás e adiante do navegador web, xa que con estes pódense xerar erros de visualización.
O menú de usuario
O noso nome de usuario ou usuaria, situado na esquina superior dereita da pantalla, serve coma ligazón ás seguintes accións:
| Imaxe 1.2.2 O nome de usuario |
- A miña área persoal. Mostra a nosa páxina persoal de usuario ou usuaria, na que aparecen os cursos aos que temos acceso e o estado das actividades que hai neles.
- Configuración do meu perfil. Ofrece tódalas opcións dispoñibles para editar o perfil do usuario ou usuaria, cambiar o contrasinal e xestionar a mensaxería privada.
- Cualificacións. Mostra as cualificacións de tódolos cursos nos que esteamos matriculados ou matriculadas como participantes.
- Mensaxes. Mostra as mensaxes privadas que recibimos e/ou enviamos dentro da plataforma.
- Saír. Pecha a nosa sesión na aula virtual.
- Cambiar o rol a .... Cambia o noso rol no curso de profesora ou profesor a participante.
O bloque de navegación
O bloque de navegación presenta, en xeral, as ligazóns ás seguintes accións:
| Imaxe 1.2.3 O bloque de navegación |
- Panel de control. Mostra a nosa área persoal.
- Inicio do sitio. Ligazón á páxina principal da aula virtual do centro.
- Os meus cursos. Mostra os cursos nos que estamos participando actualmente.
- Cursos. Presenta a lista de cursos activados e visibles na aula virtual.
O bloque de administración
O bloque de administración recolle as ligazóns que nos permiten editar e configurar tanto os contidos dun curso, como os cursos en si. Como podemos ver na imaxe seguinte, estas opcións englóbanse dentro de dúas ligazóns: Administración do curso e Administración do sitio.
| Imaxe 1.2.4 O bloque de administración |
- Administración do curso
Neste menú podemos atopar as principais accións á hora de configurar e editar o noso curso. Entre elas podemos destacar:- Editar a configuración: lévanos a unha xanela onde podemos xestionar as características xerais do curso: o Nome completo do curso, o Nome curto do curso, a Visibilidade do curso, o seu formato etc.
- Activar a edición: permite engadir, eliminar ou configurar os contidos do curso.
- Usuarios: mostra a xanela onde consultar os participantes do curso e xestionar as altas e baixas.
- Axustes do libro de cualificacións: ligazón para consultar e/ou configurar o cualificador do curso.
- Copia de seguranza: permite realizar unha copia de seguranza do curso.
- Restaurar: permite restaurar un curso Moodle nun curso novo ou dentro doutro xa existente.
- Importar: permite importar nun curso outro no que xa se atope matriculado na aula virtual (sempre que teñamos os permisos correspondentes)
- Banco de preguntas: lévanos á xanela que nos permite crear, eliminar ou editar un banco de preguntas.
- Administración do sitio (administración do curso)
Para o profesorado (non administradores) o menú de administración permite acceder ás opcións de engadir novos cursos ou editalos, así como a tódalas opcións de configuración dos cursos xa creados polo propio usuario.
Se a persoa usuaria é un administrador da aula virtual, este menú cambia e mostra as opcións de administración do sitio.
Cando o profesorado accede a unha actividade ou a un recurso, neste menú de administración móstranse as opcións dispoñibles para editar e configurar esa actividade.