Probas libres para a obtención do título

Por admin, 23 Abril, 2024
formulario probras libres

Este curso, a Escola de Canteiros realizará un procedemento parello ás probas libres de FP para a obtención do título propio, destinadas ao alumnado con algunha materia pendente.

 

Se estás interesado/a en participar en ditas probas, é preciso que cubras o formulario que adxuntamos e nolo remitas ao correo electrónico, ou ben podes acudir á Escola de Canteiros e facer a solicitude en papel, ata o 30 de abril de 2024.

Unha vez recibidas as solicitudes, formalizarase no mes de maio a matrícula nas probas, e seguirase un calendario parexo ao correspondente para as probas libres de FP.

Rematado o proceso de matrícula, o centro vai a organizar e coordinar unha xornada de acollemento de asistencia obrigatoria para as persoas matriculadas co fin de transmitir a información precisa, dar as instrucións que consideren convenientes e aclarar as dúbidas xurdidas para o mellor desenvolvemento das probas. Segundo se establece na orde, as probas axustaranse aos currículos. O centro porá á disposición das persoas interesadas as programacións da proba libre dos módulos profesionais, publicará o calendario e o horario de realización das probas, e proveerá de información aos participantes no proceso.
A non participación, sen xustificación, na xornada de acollemento ou en calquera das partes en que se organiza a proba de cada módulo profesional supón a baixa de oficio da totalidade da matrícula.

As probas libres de cada materia consistirán en dúas partes; a primeira delas atenderá aos criterios de avaliación do currículo do módulo relacionados cos coñecementos teóricos, e a segunda deseñarase para cubrir os coñecementos prácticos. Cada unha destas partes terán carácter eliminatorio e cualificaranse de cero a dez puntos, é preciso un mínimo de cinco puntos. A cualificación final obtida por cada aspirante en cada módulo será numérica, entre un e dez, sen decimais, correspondendo coa media aritmética das cualificacións obtidas en cada unha das partes, expresada con números enteiros e redondeada á unidade máis próxima. No caso das persoas aspirantes que suspendan a segunda parte da proba, a puntuación final que poderá asignarse será como máximo de catro puntos.