QUE É UN CORO?

Antes de nada imos explicar o que é un coro, posto que neste caso vai ser a nosa ferramenta de traballo.

coro

Un coro é un conxunto de persoas con diferentes tipos de voces que teñen que tratar de cantar todas xuntas como se fosen un só instrumento.

Para entender como funciona un coro precisamos coñecer algúns conceptos:

  • Ámbito: conxunto de notas que pode cantar unha persoa, dende a máis grave ata a máis aguda.
  • Tesitura: parte do ámbito no que a voz está cómoda e emite o son con calidade apta para o canto. Existen catro tesituras básicas: soprano (mulleres con voz aguda), contraltos (mulleres con voz grave), tenores (homes con voz aguda) e baixos (homes con voz grave).
  • Rexistro: conxunto de notas no que o son é homoxéneo. Existen tres rexistros: de peito, de pasaxe e de cabeza ou falsete.

Nun coro as voces humanas organízanse por grupos ou seccións en voces musicais segundo a súa tesitura: soprano (mulleres con voz aguda), contraltos (mulleres con voz grave), tenores (homes con voz aguda) e baixos (homes con voz grave). Cada sección pode cantar a súa propia voz musical, a súa propia melodía diferente das outras.

Cando dicimos que un coro canta a catro voces, que é o máis habitual, non queremos dicir que haxa só catro persoas cantando senón catro grupo de persoas. Nun coro mixto, como o noso, é moi normal que cantemos a catro voces: dúas nos homes (graves e agudas) e dúas nas mulleres (graves e agudas).

Un coro tamén pode cantar acordes. Lembra que un acorde é un conxunto de notas simultáneas. Cando tódalas voces levan o mesmo ritmo o que oímos son sucesións de acordes (homofonía). Cada grupo ou sección do coro cantará unha nota do acorde.

En ocasións todo o coro canta a mesma voz, como sucede co canto gregoriano. Ese tipo de canto chámase monódico, aínda que en realidade as mulleres cantan as mesmas notas que os homes pero cunha oitava de diferenza.

Outro concepto interesante é o de "canto a capella", que é unha expresión italiana que fai referencia ao canto sen acompañamento instrumental.

Para que un coro soe bonito é importante coidar unha serie de aspectos técnicos:

  1. Tratar de afinar moi ben tódalas notas.
  2. Tratar de que as voces das persoas do coro canten dun xeito similar e homoxéneo.
  3. Tratar de respirar todos xuntos.
  4. Tratar de que todos expresen as ideas musicais do mesmo xeito.
  5. Tratar de pronunciar moi ben o texto usando con coidado as vogais e consoantes.

Como ves non é nada doado conseguir que un coro soe agradable ao oído. Se cantas nun coro é moi importante aprender a escoitar moi ben tódalas voces mentres cantas a túa para conseguir esa homoxeneidade. A continuación deixámosvos un exemplo dunha peza a catro voces interpretada polo noso coro, titúlase "Tourdion" e é unha obra renacentista de autor descoñecido.

tourdion

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 4.0