A finalidade desta acción formativa é dar a coñecer e profundizar na relevancia que esta actividade da lingua ten no referente ás habilidades e competencias integradas que permiten ao alumnado levar a cabo procesos de aprendizaxe cada vez máis complexos. A mediación, é dicir, a capacidade de crear pontes entre persoas, idiomas e conceptos, non só conleva o uso de habilidades lingüísticas, senón que implica tamén habilidades cognitivas, emocionais e culturais, o que implica que o progreso nas competencias lingüísticas do alumno será só unha parte do éxito no contexto do seu proceso de aprendizaxe.
En paralelo, pretenderase contemplar a dimensión da mediación lingüística como ferramenta de inclusión así como profundar na súa aplicación e nos parámetros utilizados para a avaliación na aula de idiomas a través de diversos talleres.
Estas xornadas nacionais, que terán lugar o día 25 de xaneiro no CIS da Cabana (Ferrol), están organizadas co apoio do consorcio do proxecto Erasmus+ KA104 que leva por nome "Avaliar mediación en EEOOII: unha modalidade comunicativa para a inclusión”. Os contidos que se expoñan durante as xornadas fundaméntanse parcialmente na aprendizaxe levada a cabo no marco das actividades formativas desenvoltas dentro do mencionado proxecto europeo.
- Relator/a: María del Carmen Pérez Rico