1
FLORA E FAUNA DO BOSQUE
CEP Pilar Maestú Sierra

A abeleira é un arbusto caducifolio de pólas abundantes e madeira dura, flexible e resistente. Acada ata 8 metros de altura. O seu froito é a abelá. As follas son redondeadas con bordes aserrados.
Das abelás extráese un aceite que se usa coma lubricante industrial e na elaboración de perfumes, pinturas e xabón. As abelás úsanse na repostería.
Algunhas partes da árbore teñen propiedades medicinais. A súa madeira emprégase na cestería ou para facer varas para o gando.

Os esquíos son mamíferos de cor avermellada. Están espallados por case todo o mundo. Como todos os roedores, posúe dentes incisivos fortísimos, cos que roen sementes con facilidade. O esquío é un animal arborícola e vive nas copas das árbores, saltando dunha póla a outra. Poden chegar os saltos a 5 metros de lonxitude.
As sementes son as principais fonte de alimentación, mais tamén consomen insectos e froitos. Constrúen niños para abrigaren aos seus fillos da choiva e do vento.
O seu corpo chega a medir 25 cm e o rabo 25 cm ou máis.Soen ter dúas camadas anuais con entre 3 e 4 crías, que nacen cegas e xordas.

A donicela ou denosiña é un pequeno animal mamífero. Teñen oído e olfacto moi finos. O seu corpo é alongado. Poden vivir ata 2 anos e ter entre 4-8 crías. As femias son bastante máis pequenas que os machos.
Aliméntase sobre todo de pequenos roedores, aos que persegue ata dentro dos seus tobos, debido á súa delgadez. Tamén pode cazar galiñas, coellos ou ovos. Din que o primeiro que aproveita das súas vítimas é o sangue. Teñen fama de ser feroces e agresivas.

O acivro é unha árbore que acada unha altura de 2 a 5 metros. As follas son espiñentas.É apreciada polos animais do bosque, pois as súas bagas vermellas sérvenlles de alimento no inverno. Os froitos maduran no outono e permanecen na árbore ata finais do inverno.
A súa madeira, de cor branca, é moi dura e resistente, polo que é difícil de traballar. Empregouse tradicionalmente na ebanistería. Tanto as follas como os froitos teñen usos medicinais.
Os celtas considerábana unha árbore sagrada, con capacidade para atraer a boa sorte. Actualmente é empregada como adorno no Nadal
.

O raposo común (tamén coñecido como golpe) pertence á familia dos cánidos. Caracterízase por ter as patas cortas, o fociño estreito e alongado, as orellas rectas e triangulares, unha pelaxe espesa e cola longa. Adoitan medir sobre un metro de longo.
A cor da pelaxe dun raposo común é alaranxada por enriba e branca pola parte inferior. O raposo vive en todos os continentes, agás na Antártida. Habita zonas boscosas con matogueiras.
A alimentación dos raposos é moi variada, desde ratos, toupas, ovos de aves, grandes insectos e algún coello. Poden vivir uns 12 anos e ter unha media de 8 crías.

O toxo é un arbusto perenne moi espiñento e ramalludo que pode acadar os 2,5 m, moi abundante en Galicia.
O toxo servía coma alimento do gando, coma estrume e tamén para roxar o forno. Na actualidade tamén se emprega como biomasa.
As flores do toxo (chorimas ou alecríns) son de cor amarelo e teñen un forte olor.

O bidueiro é unha árbore frecuente na nosa paisaxe, de crecemento rápido, que acada grande altura.
Actualmente elabóranse con elas zocas e algún instrumento de labor, así como contrachapados ou mascaras do entroido.
A cortiza impermeable empregábase para a canalización de augas Os esquimós facían con eles vestidos, piraguas, cordas, pois a casca consérvase moi ben grazas á betulina, substancia case indestrutible
.
Prefire solos acedos, aguanta fríos intensos e necesita moita luz para sobrevivir.

A avelaiona é unha ave de rapina nocturna de tamaño mediano e cabeza relativamente grande. As femias son máis pesadas cós machos. A cabeza é redonda con ollos escuros, pouco habituais noutras aves da súa familia. As plumas teñen unha coloración mimética.
Amosan dúas coloracións, unha acastañada e outra gris, con variantes intermedias. O bico é amarelo. Os tarsos e os dedos están emplumados. Teñen as unllas negras. As ás, que teñen unha envergadura de case un metro, son relativamente máis curtas cás doutros bufos, anchas e arredondadas.
Aliméntanse fundamentalmente de roedores e paxaros. Cazan cun voo case totalmente silencioso.
Poñen de 3 a 5 ovos brancos. Cando protexen o niño e as crías son moi feras, chegando incluso a atacar ao ser humano.

O coello é un mamífero herbívoro que existe en estado salvaxe, habendo tamén moitas subespecies domesticadas. Útil ás persoas pola súa carne, usada como alimento e pola pel, usada para confeccionar vestiario.
Posúen catro incisivos na mandíbula superior e dous na inferior que medran continuamente durante a súa vida.
Os coellos teñen orellas longas, patas posteriores grandes e colas pequenas e suaves. Desprázanse saltando, para o que utilizan as súas poderosas patas posteriores. Para facilitar o movemento rápido estas se achan revestidas dunha cuberta grosa de pel que amortece o impacto dos pulos rápidos. Os coellos novos (cazapos) parecen "camiñar" en vez de saltar. Crese popularmente que a pata de coello é un amuleto de boa sorte.

A xesta é un arbusto moi ramificado que pode acadar os 3 metros de altura. Na primavera sáenlle multitude de flores amarelas ou brancas.
O uso máis común foi para fabricar vasoiras, de feito en moitas zonas do país denomínanse xestas. Outro uso común é coma combustible para roxar o fornos de pan. Ten usos medicinais.

A bubela é unha ave co corpo do tamaño aproximado do dun merlo. O seu bico longo, curvo e fino, a crista na cabeza e unha coloración característica fan dela unha ave de aspecto inconfundible.
A crista da cabeza, que poden abrir pero adoitan levar recollida, mide uns 6 cm e está formada por plumas coas puntas brancas e negras.
O canto típico dos machos é inconfundible.
Son aves carnívoras, que prefiren sobre todo insectos grandes, coma grilos, escaravellos… que captura no chan.
As bubelas fan os niños en furados, sexa nas árbores, entre as raíces destes, nas paredes ou na terra. Poñen de 5 a 7 ovos azul verdosos con manchas (cada día pola mañá cedo pon un ovo).

O carballo é unha árbore caducifolia de gran tamaño (pode medir ata 40 metros), que chega a vivir máis de 1000 anos. O seu crecemento é lento.
As follas son lobuladas e o seu froito, a landra, é unha fonte de alimentación para moitos animais. O carballo ten grande importancia ecolóxica pola cantidade de especies animais asociadas. Ademais axuda a previr o risco de incendios, e polo tanto a erosión e a perda dos solos.
A madeira do carballo é de excelente calidade, foi moi empregada na construción de embarcacións, mobles, toneis… Tamén é o combustible das lareiras e cociñas galegas. Foi a especial especie arbórea en Galicia durante anos.

O corvo é unha ave de cor negro. Posúe unha testa ancha e aplanada, un corpo negro brillante e unha plumaxe moi densa. Vive de 10 a 15 anos, aínda que se dan casos de corvos que chegan a vivir 40 anos.
A súa voz é forte, áspera, con fondo metálico. É capaz de imitar sons doutros paxaros e mesmo doutros animais, chegando ata pronunciar palabras soltas.
Fai o niño de paus en árbores ou arbustos. Pon de catro a seis ovos nunha niñada. O corvo é omnívoro: aliméntase de invertebrados, ovos e grans do chan. Con frecuencia, agrúpase en bandadas en praderías con esterco. Ver a un corvo no camiño da casa é agoiro de morte próxima.

O lobo é un mamífero carnívoro da familia dos cans. O macho é máis grande e máis pesado que a femia. Posúen unha forte dentadura. Poden cazar tanto de día como de noite, grazas ao seu olfacto e á súa visión en condicións de pouca luz. Ten unha pelaxe moi voluminosa. Teñen camadas de entre 4 e 6 crías.
Soen atacar en grupo a ovellas, cabras, porcos, tenreiros… aínda que tamén cazan pequenos roedores ou aves.
Organízanse en mandas de 8 a 15 individuos, nas que seguen unha xerarquía. Empregan o ouveo para comunicarse entre eles e marcar o territorio.

As carrouchas ou carpazas son uns arbustos de ata 1 metro de altura, resistentes á seca e aos lumes. Moi comúns en Galicia, formando parte da matogueira en solos empobrecidos. Son de folla perenne.
Serven de alimento para o gando e os animais salvaxes. A partir dos ramallos das carrouchas facíase un carbón vexetal.
As follas son curtas e as flores rosadas ou lilas. O froito é unha cápsula. As sementes son ovais e de cor moura ou rubia. Florece entre a primavera e o verán.