

O tomiño é unha planta aromática, vivaz e rastreira, con pólas delgadas e de sección cuadrangular, cubertas de abundante pilosidade. As follas son ovais, duns 18x10 mm. As flores, de cor rosa púrpura, nacen no verán.
O tomiño é planta propia de prados, beiras dos camiños, de terreos húmidos, entre os 500 e os 1.500 m de altitude.
Ten propiedades medicinais: para curar o reumatismo quéimase tomiño e nébeda e co fume afuman ben a camisa do enfermo. Deste xeito a enfermidade desaparecerá por moito tempo ou mesmo para sempre.

A xilvarveira é un arbusto abundante en toda Galicia nas carballeiras, soutos ou en terreos rochosos, preferindo zonas húmidas.
É de cor verde escuro. Presenta pequenas flores. No inverno, nas plantas femininas aparece un froito en forma de baia de cor laranxa ou vermello.
A raíz e as follas empréganse na medicina para tratamentos de varices e antiinflamatorios. Reduce a celulite e mellora a circulación. Aplícase de forma externa.
En moitos países emprégase como adorno de Nadal.

A silva ou silveira é un arbusto de talos espiñentos. Pode medrar ata os tres metros. Moi abondosa en Galicia. As follas nacen en grupos de tres.
O seu froito aseméllase a unha baga, coñecida como amora. É comestible, de cor morada, que se volve negra ao madurecer. O seu sabor é doce. Usouse para tinxir a la de cor negra.
É unha planta invasiva que pode colonizar extensas zonas de bosque ou formar grandes sebes en pouco tempo.

O merlo macho é negro, con peteiro brillante amarelo-alaranxado e un círculo arredor dos ollos. A femia ten unha cor parda escura.
É omnívora e mide aproximadamente entre 23 e 29 cm. Habita en bosques, sebes, monte baixo e xardíns. Atópanse en Europa e en Asia. Non forman bandadas, ainda que varios deles poden vivir asociados.
Poñen entre catro e cinco ovos de cor azul pálida con manchas vermellas, que colocan nun niño feito con herba e lama en forma de cunca que sitúan na bifurcación das árbores ou en edificios. Comen vermes e tamén baias e froitos.

A pita do monte é unha galinácea que se encontra actualmente en perigo de extinción. Desde o ano 2005 a pita de monte considérase oficialmente extinguida en Galiza.
Caracterízase por ter unhas plumas debaixo do pico en forma de barba, un rabo en forma de abano e uns tubérculos vermellos sobre os ollos.
As femias poñen entre cinco e doce ovos nun furado no chan. Os niños son obxectivo doado para o xabaril, os cans e o azor. A mortaldade dos pitos é moi alta nas primeiras semanas de vida. A pita do monte tarda en pórse a voar e o seu voo é torpe.

Os piñeiros son árbores perennes. Son nativas do hemisferio Norte.
A copa pode ser piramidal ou redondeada e, nas árbores adultas, ancha e deprimida.
As follas teñen forma de agulla, e agrúpanse (entre 2 e 5).
Os piñeiros producen resina. A casca da maioría dos piñeiros é grosa e nalgunhas especies é escamosa.
A polinización realízana grazas ao vento, aínda que en certas especies son os esquíos e os paxaros quen levan o pole.

Os fentos ou fieitos non producen semente: reprodúcense por esporas. Están formados por un rizoma e follas grandes, ás veces moi divididas.
É moi abondoso en Galicia, por exemplo nas carballeiras onde forman extensas superficies. Segundo a área xeográfica recibe diferentes nomes. Existen unhas 10.000 especies de fentos. Pódese atopar en todos os continentes, salvo na Antártida.
As frondes son moi grandes, de ata 2 metros.