

As gaivotas son grandes aves mariñas de cor gris ou branca.
Teñen o peteiro longo e forte. Aliméntanse de moluscos e peixes pequenos, polo que son carnívoras. Son capaces de voar distancias moi longas.
Aprenderon a convivir co ser humano, habendo grandes poboacións delas en pobos costeiros.

As ameixas son moluscos bivalvos. A superficie da cuncha é lisa e de cores variables. A cuncha presenta unhas estrías, máis ou menos marcadas, características de cada especie. Viven soterradas a escasa profundidade nos fondos areosos do mar.
Posúen un corpo brando protexido por unha cuncha formada por dúas valvas. Poden pechar as valvas voluntariamente mediante uns músculos.
As ameixas aliméntanse por filtración. Toman auga polos sifóns, que é filtrada polas branquias para reter o alimento.
En Galicia abundas a ameixa fina, ameixa babosa, ameixa xaponesa,...

A estrelamar ou estrela de mar é un animal equinodermo que ten polo xeral cinco brazos a partir dun centro, con simetría.
Hai máis de 1.600 especies repartidas en todos os océanos. As estrelamares non teñen esqueleto e desprázanse mediante falsos pés.
Contan con pequenos tubos na cara ventral, presentes igualmente nos ourizos do mar, que poden proxectar auga e que serven para desprazarse e alimentarse.

Os golfiños son animais mamíferos acuáticos. A maioría dos golfiños viven en augas salgadas, aínda que hai especies de auga doce.
Non teñen nariz; en vez dela, na parte superior da cabeza contan cun orificio en forma de media lúa, denominado respiradeiro, que cerran cando se sumerxen. Poden sumerxirse ata os 300 m de profundidade e botar 25 minutos sen respirar.
Aliméntanse de peixes, luras.... Para cazar, os golfiños ás veces nadan en grupos, un do lado do outro comendo todo o peixe que aparece diante deles.

A faneca vive en augas relativamente pouco profundas do Océano Atlántico.
Vive polo xeral afastada das costas, e achégase a elas para desovar, sendo entón doado encontrala nas proximidades das rochas e fondos areosos do litoral.
É un peixe fusiforme, de tamaño pequeno ou mediano, aínda que algúns individuos adultos poden achegarse ata os 45 cm de lonxitude. Presenta barba no queixo.
A faneca péscase con artes variadas desde o arrastre á liña.

O corpo das medusas ten forma de saco con simetría radial. Ao redor da abertura, as medusas teñen unha coroa de tentáculos, capaces de disparar unha minúscula espiña que contén unha toxina. As medusas usan estes "aparellos" non só para se defenderen, senón tamén para se alimentaren. O corpo das medusas está formado case todo por de auga.
Algunhas medusas poden chegar a medir ata máis de 2 m de diámetro.

A nécora é un crustáceo da familia do centolo, moi apreciado na cociña que abunda nas Rías galegas.
Fan vida nocturna, viven cerca da costa, entre as rochas a profundidades non superiores a 50 metros. Aliméntanse de algas e peixes mortos. Ás veces chegan a devorar a outras nécoras. O seu tamaño habitual é de aproximadamente 10 cm. O seu principal inimigo é o polbo.
Péscanse coa nasa. A veda en Galiza adoita coincidir cos seis primeiros meses do ano.

Os polbos son moluscos cefalópodos (con pés na cabeza). Teñen oito tentáculos ou raxos, con fortes ventosas na cabeza, arredor da boca.
O polbo ten un corpo brando, sen esqueleto. Como medios de defensa, o polbo posúe a capacidade de botar tinta para despistar aos seus inimigos.
Ten unha forte boca coa que é capaz de triturar crustáceos e moluscos. É capaz de cambiar de cor para pasar desapercibido (mimetismo).
Pode chegar a medir ata 2 m e 25 kg, e posúe tres corazóns.

A centola é un cangrexo (dez patas) de caparazón espiñento. É un dos mariscos máis sabrosos. Vive preto da costa en fondos rochosos ou areosos que estean poboados de algas. Necesita fondos nos que poida chegar a luz solar, circunstancia que se dá ata profundidades duns 50 metros.
Aliméntase de moluscos, algas e invertebrados mariños, podendo chegar a pesar ata 4 kg.
A centola galega é máis sabrosa que a francesa.

O mexillón é un molusco bivalvo. Ten unha cuncha de cor negra azulada, formada por dúas valvas simétricas.En condicións naturais medra formando colonias numerosas apegadas ás rochas, sempre en zonas de pouca profundidade e no límite das mareas.A cara interna da cuncha é de superficie nacarada e de cor branca azulada. Cultívanse nas bateas. Hai máis de 3.300 bateas nas rías galegas.
Son animais filtradores, podendo chegar a filtrar 8 litros por hora.
España é a segunda produtora mundial, con 250.000 toneladas anuais.

A pescada ten un corpo fusiforme, moi alongado e comprimido lateralmente, de 40 a 70 centímetros de lonxitude, podendo chegar até os 120. Posúe dúas aletas dorsais, a primeira moito máis curta cá segunda. De cor cinsenta no lombo, crarexando nos costados e máis prateada pola zona do ventre. Posúe uns ollos de gran tamaño así como unha boca grande, con dentes afiados.
Cando aínda é de pequeno tamaño chámase carioca, estando prohibida a súa captura e comercialización se non alcanza os 27 cm.

As sardiñas, cando son pequenas, denomínanse xoubas nas Rías Baixas, e parrochas nas Rías Altas. A sardiña captúrase con artes de cerco e de enmalle (xeito), durante a noite. Consúmense frescas, afumadas, salgadas ou en conserva. Foi a abundancia de sardiña nas augas galegas o que fixo posible a industria conserveira galega.
O seu corpo é alongado. Acércase á costa na época da reprodución (maio-xuño). Aliméntase filtrando plancton. Únense en grandes bancos para defenderse. Poden vivir ata 8 anos.