Durante este curso 2019/2020, os mestres do CEIP Xosé Fernández López recibimos na nosa escola a dous membros do equipo de profesionais de APAMP (Asociación de familias con parálise cerebral),  comezando así xuntos unha proposta de traballo, que realizan co alumnado con discapacidade do noso centro. 

Estas profesionais, levaron a cabo unha serie de actividades nas que de forma dinámica e participativa acompañaron a un dos nosos alumnos con necesidades específicas de apoio educativo debido a unha discapacidade motora  de forma tetraparética. Traballaraon na aula de xeito inclusivo, promoveron a súa comunicación co resto de compañeiros e compañeiras, así como a relación entre iguais na aula. 

Os luns de 11:00 a 11:50 tivemos a unha logopeda acompañando ao alumno en clase de expresión oral, e tamén na hora da merenda onde recolleu información sobre a deglución do alumno, para valorar se realiza este proceso da forma máis segura ou se habería que facer algunha modificación.

Pola outra banda, os martes de 10:00 a 11:00 estivo unha fisioterapeuta nas clases de educación física. Propuxéronse actividades cooperativas, así como outras cuxa finalidade era fomentar a relación do noso alumno entre iguais, e reforzar a creación de apoios naturais entre os nenos.

Estas sesións desenvolvéronse de xeito alterno, cada semana viña unha profesional. 

O noso primeiro paso como mestres foi valorar cales eran as necesidades de comunicación do alumno e as opcións que tiñamos no ámbito escolar de poder empregar sistemas alternativos, e como sacarlle o maior rendemento.

A nosa meta foi realizar adaptacións e modificacións aos materiais (tanxibles e dixitais) e as actividades (individuais e grupais) para favorecer a participación do alumnado con discapacidade.

En anos anteriores, xa se traballara con APAMP. Fai dous cursos que o alumno comezou a usar un SAAC (Sistema Aumentativo e Alternativo a Comunicación), que é o GRID3.

Última modificación: martes, 31 de marzo de 2020, 11:29 AM