HASME OÍR

"Intempériome" fala de deixar atrás o aprendido, os prexuízos e os estereotipos, e avanzar cara o auto-recoñecemento para sermos a persoa que queremos ser.

Música: A Banda da Loba

Letra da canción : Xela Arias, combinación de cinco poemas do seu libro  "Intempériome" (2003)

"Vide. Convídovos ó espectáculo de non ser para ser de todo.

Vide que vos convido a vos ver.

Ven que te reto a te ver a ti desde ti en ti."

Hasme oír, hasme oír:

agora busco que coxugues

ben o verbo dos posibles,

e que ti esquezas esa radio de cousas previas

amarrada sempre ós pensamentos,

sempre ós pensamentos.

Incéndiate

á calor da observación.

E repasa logo a ollada

no pouso dos afectos.

Hasme oír, hasme oír: deixa

que te percibas a ti,

que te percibas

tamén ti atropelada das palabras,

á procura de trazos que nos

describan.

Que nos describan.

Intempestiva,

serse intempestiva.

E domea-la furia, e domea-la furia, e domea-la furia

á procura

da froita

madura.

Vencerse é cousa

de se tratar.

- - - - - - - - - - -

"Hasme oír" é unha homenaxe a Xela Arias, á que se lle dedican este ano as Letras Galegas. Este proxecto conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística como proxecto apoiado no marco da programación institucional das Letras Galegas 2021.

Última modificación: mércores, 12 de maio de 2021, 5:44 PM