CONCURSO CARTEIS LETRAS GALEGAS
O Concello de Betanzos convoca o XIII Concurso de carteis das Letras Galegas coa finalidade de afondar na vida e obra do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2023 e promover a expresión artística e o coñecemento sobre Francisco Fernández del Riego entre os nenos e as nenas.
Bases
PRIMEIRA. Os obxectivos do XIII Concurso de carteis das Letras Galegas son promover a expresión artística dos máis miúdos e miúdas, afondar no coñecemento da vida e obra de Francisco Fernández del Riego e fomentar a creación artística.
SEGUNDA. Poderá participar neste concurso todo o alumnado que estea a cursar a educación primaria ou con diversidade funcional nos centros educativos de Betanzos. Os carteis deberán realizarse de xeito individual. Cada alumno/a só poderá participar cun cartel.
TERCEIRA. O motivo do cartel será a figura homenaxeada no Día das Letras Galegas 2023, Francisco Fernández del Riego. O cartel deberá realizarse nunha cartolina A3 (aproximadamente 40 cm x 30 cm) e o idioma utilizado no cartel será o galego. Os carteis deberán ser orixinais e non poderán estar publicados nin ter recibido ningún premio.
CUARTA. Os carteis deberán indicar pola cara de atrás o nome, apelidos e teléfono, así como o curso e centro educativo do/a autor/a.
QUINTA. Os carteis poderán entregarse nas secretarías do CEIP Francisco Vales Villamarín, do CPR Nosa Señora do Carme "Atocha" e do Centro Pai Menni, no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos (Casa do Concello) ou na Biblioteca Municipal Alfonso Castelao entre o 10 e o 25 de abril, incluído este. Os carteis presentados fóra de prazo ficarán fóra do concurso.
SEXTA. A convocatoria do XIII Concurso de carteis das Letras Galegas e as súas bases publicaranse no Boletín Oficial da Provincia, na Base de Datos Nacional de Subvencións, na páxina web do Concello de Betanzos (www.betanzos.gal), na sede electrónica e no taboleiro de anuncios.
SÉTIMA. Concederase un primeiro premio ao cartel seleccionado polo xurado e dous accésits. Todos os premios serán un lote de material escolar por valor setenta euros para cada neno/a gañador/a. Os criterios para a concesión dos premios serán a calidade e a orixinalidade dos deseños, así como a innovación e a adecuación aos obxectivos do concurso.
OITAVA. O prazo de resolución do xurado será dun máximo de cinco días a partir da data límite de entrega dos traballos. O cartel escollido será o que ilustre o programa de actividades das Letras Galegas 2023 do Concello de Betanzos e quedará en posesión do Concello. O Concello de Betanzos realizará unha exposición con todos os carteis participantes no mes de maio.
NOVENA. O xurado estará composto polos seguintes membros: presidente/a, secretario/a e vogais. A presidenta será a alcaldesa ou concelleiro/a en quen delegue, o/a secretario/a será un/ha traballador/a do Concello de Betanzos designado/a para o xurado e os/as vogais serán os/as representantes de cada un dos centros de ensino participantes no concurso. O xurado resérvase o dereito de declarar deserto algún dos premios convocados e está facultado para tomar a decisión que considerar oportuna ante a aparición dalgún imprevisto non recollido expresamente nestas bases. Así mesmo, o Concello comunicaralle ás persoas premiadas o día, hora e lugar de entrega dos premios.
DÉCIMA. A participación nesta convocatoria supón a aceptación das normas recollidas nestas bases e da decisión do xurado designado.