A MARABILLOSA VIAXE DA PINGA PINGONA
O danzacontos "A marabillosa viaxe da pinga Pingona" de Laura Martínez Rey o sábado 10 de xuño nos Sábados Miúdos
O sábado 10 de xuño chega a Betanzos o danzacontos “A marabillosa viaxe da pinga Pingona” de Laura Martínez Rey. O espectáculo terá lugar ás 12:00 h na Aula de usos múltiples.
O danzacontos está destinado a nenos e nenas de entre 1 e 6 anos e as súas familias e ten unha duración de 50 minutos. A actividade ten 20 prazas, con preferencia para os nenos e as nenas empadroadas, que poderán asistir acompañadas de ata dúas persoas adultas.
O prazo de inscrición para o espectáculo estará aberto en www.novas.betanzos.gal desde o 5 de xuño ás 10:00 h e ata cubrir as prazas. A confirmación da praza realizarase antes da actividade no enderezo electrónico facilitado no momento da inscrición.
Os Sábados Miúdos deste ano 2023 continuarán durante todo ano cunha chea de espectáculos para público infantil e familia como “Orella pendella” de Migallas Teatro en setembro, o concerto “O poder da Superlingua” da Gramola Gominola en outubro e “O pozo do encanto” de Bolboreta e Fabaloba en novembro.
Máis información no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos, situado no segundo andar da Casa do Concello, no teléfono 981 770 100 ou no enderezo electrónico normalizacion@betanzos.net.
Este espectáculo está dentro do programa Lingua a escena da Rede cultural da Deputación da Coruña 2023.
“A marabillosa viaxe da pinga Pingona”
Unha espelida pinga de chuvia chamada Pingona, fai unha parada no camiño das nubes ao mar, para axudar ao Polbo Xan na procura de algo moi especial por mar e terra.
Acompañaremos a estes amigos nunha fermosa historia de empatía, escoita, comprensión e amizade, mentres exploramos elementos do mar, o ceo, a terra e o ciclo da auga. Sendo ondas ou chuvia, enchéndonos das cores do arco da vella, converténdonos en animais e bosques, respirando, bailando, cantando e trotando, descubriremos un fermoso amor sen fronteiras.
Unha proposta educativo-cultural dirixida a familias con menores de 1 a 6 anos, na que o obxectivo principal e aproveitar como medio o noso corpo e o movemento para integrar a lingua dunha maneira vivencial, divertida e colaborativa; sendo todas parte activa e fundamental da historia, poñendo a lingua en movemento e levándose a casa pequenas poesías e cancións como recursos para apoiar o uso do galego dende o núcleo familiar.