CAMBIO E CONTO
O contacontos para bebés "Cambio e conto" de Raquel Queizás o sábado 22 de abril nos Sábados Miúdos
O sábado 22 de abril chega a Betanzos o contacontos “Cambio e conto” da serie “Medrando en galego con Nano” de Raquel Queizás. O espectáculo terá lugar ás 12:00 h na Sala de usos múltiples do edificio Arquivo.
O contacontos está destinado a nenos e nenas de entre 1 e 4 anos e as súas familias e ten unha duración de 35 minutos. A actividade ten 20 prazas, con preferencia para os nenos e as nenas empadroadas, que poderán asistir acompañadas de ata dúas persoas adultas.
O prazo de inscrición para o espectáculo estará aberto en www.novas.betanzos.gal desde o 17 de abril ás 10:00 h e ata cubrir as prazas. A confirmación da praza realizarase antes da actividade no enderezo electrónico facilitado no momento da inscrición.
Os Sábados Miúdos deste ano 2023 continuarán durante todo ano cunha chea de espectáculos para público infantil e familia como “A lingoreteira” de Xarope Tulú en maio, o danzacontos “A marabillosa viaxe da Pinga Pingona” de Laura Martínez en xuño, “Orella pendella” de Migallas Teatro en setembro, o concerto “O poder da Superlingua” da Gramola Gominola en outubro e “O pozo do encanto” de Bolboreta e Fabaloba en novembro.
Máis información no Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos, situado no segundo andar da Casa do Concello, no teléfono 981 770 100 ou no enderezo electrónico normalizacion@betanzos.net.
Este espectáculo está dentro do programa Lingua a escena da Rede cultural da Deputación da Coruña 2023.
“Cambio e conto”
Nano está moi feliz, naceu a súa irmá, Nona, e vai coidar dela, mais ao chegar a noite Nona non quere ir para a cama. Nano ten unha misión, conseguir que Nona durma sexa como for.
Medrando en galego con Nano son espectáculos de contos que favorecen a adquisión da nosa lingua, o desenvolvemento da comprensión oral e a capacidade de atención das crianzas de 1 a 4 anos. As dinámicas que se representan a estimulan, ademais as habilidades de percepción espacial e psicomotricidade dos bebés a través de pequenas historias adaptadas para captar o seu interese e cunha duración apropiada á asúa capacidade de atención.