Captación e difusión de imaxes do alumnado para a promoción de actividades e eventos organizados polos centros educativos
Segundo se recolle no Protocolo de Protección de Datos Persoais e no documento de Preguntas e Respostas Frecuentes, a captación e difusión de imaxes do alumnado para finalidades que non respondan estritamente á función educativa ou orientadora, como por exemplo, cando se capten para promover as actividades ou eventos organizados polos centros educativos, require dispoñer do consentimento informado das persoas interesadas (cando estas teñán máis de 14 anos) ou dos seus pais, nais ou titores/as legais para a súa publicación en aberto, é dicir, accesibles a calquera persoa usuaria da Internet.
Aínda contando co correspondente consentimento, é necesario ter en conta as seguintes normas:
- A publicación das imaxes deberá facerse sempre de forma respectuosa coa intimidade e dignidade das persoas afectadas, sen que poida supoñer unha sobreexposición da imaxe dos menores ou un uso desproporcionado das redes sociais en relación coa finalidade que se pretende.
- É necesario velar polo interese superior dos menores conforme ao establecido no artigo 92 da Lei orgánica 3/2018, do 5 de decembro, de protección de datos persoais e garantía dos dereitos dixitais. A utilización ou difusión de imaxes ou información persoal de menores nas redes sociais que poidan implicar unha intromisión ilexítima nos seus dereitos fundamentais determinará a intervención do Ministerio Fiscal.