Coordinación horizontal
4. Obxectivo final
Á hora de tomar decisións, as preguntas guiadoras conducen á meta última do noso labor docente: que estratexias precisa activar e pór en práctica o noso alumnado? Como podemos traballar en equipos docentes para facelo dun xeito máis eficaz?
Para enriquecer o traballo en equipo, poremos en acción habilidades relacionadas coas competencias profesionais docentes: educador e guía; interlocutor e referente; membro dunha organización; investigador e innovador e as competencias instrumentais transversais.
Sabemos que “ensinar” é unha tarefa complexa para a que, como di Hattie (2012:5), “non hai receitas que garantan que o ensino teña o máximo efecto posible na aprendizaxe do alumnado, nin tampouco un conxunto de principios que se apliquen a toda aprendizaxe de todos os estudantes, pero si hai prácticas que sabemos que son efectivas e moitas que sabemos que non o son”.
Especialmente no último trimestre do curso 2019/20, a situación esixiu facer uso de todas as habilidades e os recursos ao noso dispor para pór en marcha esas prácticas efectivas. Así e todo, facendo balance do sucedido, Save the Children indica que ao estaren lonxe dos centros educativos e dos ritmos pautados que estes establecen, o alumnado (e as familias) experimentaron serias dificultades para establecer horarios, organizar o traballo e o tempo e realizar as tarefas de maneira autónoma.
Para atallar esta situación, ese mesmo documento indica que sería desexable incorporar de maneira explícita nos obxectivos e o horario o traballo en habilidades metacognitivas e autorregulación do alumnado.
Que é a metacognición?
É un sistema regulatorio que nos axuda a comprender a súa actividade cognitiva. Permite que tomemos responsabilidade da nosa propia aprendizaxe, sendo conscientes das nosas necesidades, xerando estratexias para darlle atención, e logo implementándoas (Hacker, 2009).
É fundamental para mellorar a autoconfianza e a autoeficacia que nos conducen ao éxito na aprendizaxe, xa que leva consigo reflexión e conduce á autonomía. Como na cita do Dr Seuss (Dr. Seuss) “É mellor saber como aprender que saber”. Se sei como aprender, vou aprender o que me propoña, pois sei o camiño.
Héctor Ruiz Martín, experto en psicoloxía cognitiva, apunta que é unha estratexia esencial, dado que “Aprender de maneira eficaz é máis cuestión de técnica que de habilidade natural”. Como docentes, podemos (e debemos) axudar o noso alumnado a mellorar esas técnicas e fortalecer a confianza neles mesmos. No trinomio tempo-cantidade-calidade do que temos que aprender, faise evidente a necesidade de controlar a cantidade e calidade dos nosos esforzos para que nos conduzan a unha experiencia de aprendizaxe satisfactoria.
Aprender é unha habilidade para a que adoitamos pensar que non existen estratexias. Asumimos que todos atoparemos o noso estilo sen probar os outros. Con todo, existen estratexias baseadas en como funciona o noso cerebro cando aprende que permiten extraer o máximo potencial deste. Preme aquí para ver 5 estratexias proporcionadas por Ruiz Martín.
Como podemos incorporar esas estratexias ao deseño instrucional dos nosos materiais? Aquí tes unha proposta xeral de Xie & Yang (2020) para o ensino en remoto aínda que no módulo III verás ideas concretas para incorporar estratexias de aprendizaxe autónoma á tua práctica docente:
- Equipar o alumnado con estratexias de autorregulación e metacognición para tomar control da súa propia aprendizaxe.
- Establecer un obxectivo de aprendizaxe claro para que o alumnado poida medir o seu éxito.
- Prover o contido no formato máis axeitado. Ten en consideración problemas de conectividade e emprega copias se é preciso. Que o alumnado revise os contidos con anticipación.
- Facer preguntas que nos leven a ver se hai algúns coñecementos errados ou falta de coñecementos de base. Que o alumnado suba as súas respostas e dar feedback.
- Prover unha sesión de ensino (webinar, sesión gravada, etc.) para resolver as preguntas do paso 4. Organizar o alumnado por parellas para que se apoien mutuamente.