Saltar navegación

Como se avalía un portafolio

Conectando coa organización dun e-portafolio, entre as preguntas principais que axudan a perfilar o seu deseño tamén hai que reparar na súa avaliación. Así, desde os primeiros compases da planificación dun e-portafolio débense establecer os mecanismos de regulación deste.

Cómpre fixarse nos elementos seguintes, dos que se desprenden os indicadores valorativos máis formais, enlazando o deseño inicial (D) coa avaliación, que supón a consecución do proceso ou final dos obxectivos (E):

  1. D Para que finalidade se desenvolverá un e-portafolio e que audiencia terá?
    E Cúmprese a devandita finalidade e diríxese á audiencia determinada?
  2. D Onde se situará o e-portafolio? Mediante que tecnoloxía?
    E Utilizáronse os medios planeados nos contextos desexados?
  3. D Que tipo de e-portafolio será e que ciclo vital terá?
    E Está respondendo á tipoloxía do e-portafolio proxectado, á súa duración e á sustentabilidade esperada?
  4. D Téñense en conta os diferentes medios de presentación (audio, vídeo, gráficos...) e os distintos tipos de información?
    E Estanse presentando/presentáronse evidencias con distinto soporte?
  5. D Que elementos –competencias, estándares, criterios...– estarán implicados?
    E Revisando as competencias e os criterios de valoración da materia/curso, están a cumprirse ou cumpríronse?
  6. D Que competencias tecnolóxicas específicas se necesitarán para manexalo?
    E Os participantes contaban coas devanditas competencias tecnolóxicas? Asumíronas?
  7. D Que nivel de argumentación e reflexión se aplicará e como?
    E Achegáronse elementos reflexivos de profundización, cambio e mellora da aprendizaxe?
  8. D Que rol desenvolverá a interactividade tecnolóxica e pedagóxica? Que tipo de interacción se prevé no desenvolvemento do e-portafolio entre profesor e alumnos e entre alumnos?
    E Ensinóuselles aos alumnos a manexar as bases do e-portafolio? Domínanas?
  9. D Cando se poderá consultar/valorar o e-portafolio e quen poderá facelo?
    E Fíxose un uso social do e-portafolio? A que nivel? Que tipo de feedback  se lles ofrece aos alumnos?
  10. D Como se organizará e transferirá a información?
    E Organizouse e transferiuse a información como se planeou?

Así, os indicadores concretos de calidade tamén deberán ter en conta a maneira de conectar os obxectivos cos resultados conseguidos, enlazando deste xeito propostas, procesos e produtos no marco dunha revisión da efectividade do e-portafolio que se aplicará non só ao final do e-portafolio, senón no seu proceso de confección. É desexable establecer un mecanismo de metaavaliación máis ou menos elaborado que asegure dun modo estable a robusteza técnica do e-portafolio e dos seus contidos, xa que non se trata de algo completamente concluído, senón dun produto que vai evolucionando en moitas ocasións de maneira irregular.

Plasmar os procesos reflexivos é un dos aspectos que lle custa máis ao alumnado. Neste contexto, a reflexión debería captar o proceso seguido como consecuencia de realizar o traballo presentado no e-portafolio.

Unha guía confeccionada por preguntas que convidan á reflexión é unha das mellores maneiras de entender do que estamos a falar e de poder aplicalo con certas garantías (Barberà, 2009).

Preguntas guía:
• Por que elixín esta evidencia?
• Que quixen lograr nesta actividade/traballo?
• Como se axusta esta evidencia aos intereses do e-portafolio?
• Como me sinto con esta actividade/traballo?
• Ata onde conseguín os meus obxectivos con ela?
• Cales son os factores críticos que axudan ou dificultan o logro?
• Que aprendín?
• Que faría de forma diferente a próxima vez? Que me falta para facelo?
• Como se pode mellorar exactamente?
• Cales son as implicacións do que aprendín para min, para o meu traballo e para a miña institución?