
AS BANDAS DE MÚSICA
É unha agrupación de música formada por instrumentos aerófonos, idiófonos e membranófonos, é dicir, instrumentos de vento e percusión. As denominadas sinfónicas, tamén inclúen cordófonos coma o violonchelo ou o contrabaixo. Ao frente da mesma está un director ou directora. Estamos a falar dunha...

A orixe das bandas, como as coñecemos hoxe en día, podería estar nas bandas militares do século XVII que cumprían unha misión de alento e organización das tropas nas batallas.

A frauta é un aerófono da familia de madeira aínda que está feita de metal. O son prodúcese na súa embocadura que ten forma de bisel. O frautín é máis pequeno e está afinado unha oitava máis agudo.

O óboe é un instrumento de vento madeira. Posúe unha lingüeta dobre e unha sonoridade doce, expresiva e algo nasal.
O corno inglés é da súa familia pero lixeiramente máis grande. A pesar do seu nome posiblemente fose creado en Francia.

O clarinete é un aerófono de lingüeta simple construído de madeira. Existen moitos tipos de clarinetes con distinta afinación. O clarinete en si bemol é o instrumento máis abundante nas bandas. Tamén pode haber un clarinete baixo e un en mi bemol tamén chamado requinto.

O saxofón é un instrumento de vento madeira a pesar de estar feito de metal. Posúe unha boquilla de lingüeta simple similar á do clarinete. Existe unha gran diversidade de tipos de saxofóns. Nas bandas empréganse principalmente o soprano, o contralto, o tenor e o barítono.

O fagot é un instrumento de vento fabricado de madeira. Ten, igual que o óboe e o corno inglés, lingüeta dobre e un son lixeiramente nasal pero máis grave. Mide 156 cm de altura e o seu tubo 250. O contrafagot é similar pero máis grave.

A trompeta é un instrumento de vento fabricado en aleación de metal. O son prodúcese grazas á vibración dos beizos na embocadura ou boquilla. Ten tres pistóns que axudan a dar as diferentes notas. En ocasións pódese empregar unha sordina para modificar o son.
O fliscorno garda gran similitude coa trompeta en canto a produción do son, afinación, material,...

A trompa ou corno francés é un instrumento de vento metal cun carácter moi versátil e que abarca unha ampla textura. Pode producir sons suaves e doces ou ásperos e duros (cuivré). Emprega recursos como a sordina ou o apagador.

Outro instrumento da familia do vento metal é o trombón. Existen trombóns de pistóns, que teñen un mecanismo semellante ao das trompetas, ou trombóns de varas. Estes poden modificar o longo do tubo mediante a vara o cal, unido á presión do aire soprado, lle permite dar diferentes notas.

A tuba é un instrumento de gran tamaño feito de metal. O son prodúcese do mesmo xeito que na trompeta ou na trompa. O máis habitual é que posúa catro válvulas coas que modifica o longo do tubo para producir distintas notas. É o instrumento máis grave da familia dos metais.
O bombardino é unha tuba de menor tamaño e polo tanto máis aguda de aí que se lle chame tuba tenor. Outro nome que se lle dá en ocasións é eufonio, que significa son agradable ou tranquilo.

A lira, que tamén se coñece como glockenspiel ou harmónica de metal, é un idiófono que consiste nun xogo de láminas metálicas afinadas. É percutido con baquetas de madeira, de metal ou de plástico. Normalmente só se emprega unha en cada man.

O xilófono é un instrumento de percusión de láminas de madeira. Cada unha destas está afinada nun ton específico e están dispostas nunha orde similar ás teclas do piano. Ten un timbre máis vivo que a marimba e as notas unha menor duración. Para tocalo empréganse baquetas.

O vibráfono é un instrumento musical da familia da percusión. A súa forma é similar á dun xilófono. Porén, as súas láminas están feitas dunha aleación de aluminio. Estas son percutidas con baquetas con cabezas feitas de fío, lá ou materiais sintéticos. Dependendo do material prodúcense pequenas variacións no son. Debe o seu nome a un mecanismo que proporciona un vibrato ao son.

A marimba é un instrumento idiófono de forma parecida ao xilófono. Posúe unha serie de láminas de madeira de distintos tamaños, dispostas de maior a menor, que se golpean con mazas ou baquetas para producir notas musicais. Cada lámina posúe o seu propio resoador e o conxunto está fixo nunha armazón con patas.

As campás tubulares ou campanólogo son un instrumento musical da familia dos idiófonos. Producen un son similar ao das campás das igrexas. Este instrumento está formado por dezaoito tubos metálicos ocos que están suspendidos nunha armazón e que se golpean cun ou dous mazos. Cada tubo ten unha lonxitude distinta para emitir diferentes notas afinadas.

O timbal é un instrumento membranófono de sonoridade grave que pode producir sons secos ou longos. Faise soar golpeando o parche cunha baqueta axeitada. Posúe un mecanismo accionado por un pedal que modifica a tensión do parche o que permite producir diversos sons afinados.

O director ou directora é a persoa encargada de guiar a interpretación do conxunto de instrumentistas que conforman a banda. Mediante acenos marca aspectos como a intensidade, a velocidade, o carácter, a forma de intervir de cada instrumento ou grupo de instrumentos, os comezos e finais, etc. Para todo isto emprega unha batuta.

A disposición habitual dos instrumentos nas bandas adoita ser, de fóra do escenario cara adentro:
Algunhas das imaxes e sons deste LIM están tomadas do banco de imaxes e sons do INTEF do ministerio de educación, cultura e deporte. Parte da información provén da wikipedia.
Este LIM é un recurso educativo sen ánimo de lucro baixo a licenza creative commons.
No caso de que algún recurso empregado vulnere os dereitos de autor póñanse en contacto co autor.
xabiercr@gmail.com