Xéneros musicais do século XX
| Sitio: | Aula Virtual do Sinde |
| Curso: | Música 6º |
| Libro: | Xéneros musicais do século XX |
| Impreso por: | Usuario convidado |
| Data: | mércores, 1 de abril de 2026, 11:34 AM |
Descrición
Breve achegamento aos xéneros da música popular do século XX.
1. Introdución
Entendemos por xéneros musicais creacións artísticas que gardan unhas características comúns en canto a instrumentos, melodías, harmonía,... Non obstante, grupos e cantantes poden cultivar diversos estilos ou incluso fusionalos entre si, de aí que resulte difícil incluír a un artista nunha única categoría.
2. Jazz
O jazz é un xénero musical nacido a finais do século XIX en Estados Unidos que se expandiu de forma global ao longo de todo o século XX.
Orixinouse ao misturar elementos (ritmo, fraseo,...) da música dos afroamericanos con outros de orixe europea (harmonía, instrumentación,...).
Hai dous elementos básicos que distinguen o jazz da música clásica europea:
-
Un ritmo especial coñecido como swing.
-
A improvisación.
O jazz inclúe gran cantidade de subxéneros (latin jazz, ragtime, acid jazz,...) que comparten características comúns. O jazz pode servir como música de fondo, para música de baile,... Algúns tipos de jazz esixen unha escoita atenta e unha concentración profunda.
Dous exemplos de grandes músicos de jazz son: Bobby McFerrin (cantante) e Louis Armstrong (trompetista)
Instrumentos habituais: Trombón, trompeta, batería, guitarra, contrabaixo, piano, clarinete, saxofón, vibráfono, fliscorno, órgano Hammond, baixo eléctrico, frauta,... e voz.
2.1. Louis Armstrong
Louis Armstrong (Nova Orleans, 1900 – Nova York, 1971)
Trompetista, compositor e cantante estadounidense. Este neto de escravos naceu na época de creación do jazz. Aos once anos foi arrestado por celebrar o ano novo disparando un revólver na rúa. Foi enviado a un reformatorio e alí namorouse da música. En 1926 creou o seu conxunto máis importante, Hot Five. Elevou a trompeta a instrumento rei do primeiro jazz e tocou en todos os estilos e situacións relacionados co nacemento desta música: marching bands, riverboats (barcos que levaron o son do jazz ás cidades asentadas ao longo do río Mississippi) e nos locais de Nova Orleans.
2.2. Bobby McFerrin
Bobby McFerrin (Manhattan, 11 de marzo de 1950)
É un cantante a capella e director de orquestra estadounidense, moi influenciado polo jazz. É fillo do afamado barítono solista Robert McFerrin. A súa canción «Don't Worry, Be Happy», aparecida na banda sonora da película de 1988 Cocktail protagonizada por Tom Cruise, foi número 1 nas listaxes de Estados Unidos. Tamén colaborou con solistas como os pianistas de jazz Chick Corea e Herbie Hancock e o violonchelista Yo-Yo Ma e coa Saint Paul Chamber Orchestra. É coñecido por ter un gran rango vocal de catro octavas e pola súa habilidade para usar a súa voz para crear efectos de son, como a recreación dun baixo sobresaturado (con overdrive), que logra cantando e golpeando suavemente o seu peito.
En 1987, cantou o tema principal da serie de televisión The Cosby Show e dalgúns comerciais da televisión estadounidense. En 1993, cantou o tema da Pantera Rosa en El hijo de la Pantera Rosa, orixinal de Henry Mancini.
3. Blues
O blues evolucionou dunha música vocal sen acompañamento interpretada por traballadoras e traballadores negros pobres a unha gran variedade de subxéneros e estilos con variedades rexionais ao longo de todo Estados Unidos e tamén Europa e África Occidental. A aparición do blues dátase a finais do século XIX. Nos anos vinte, o blues convertiuse nun elemento principal da cultura afroamericana e da música popular estadounidense, chegando incluso á audiencia branca. O blues influíu na creación do rock and roll en músicos como Elvis Presley e incluso a compositores como Gershwin na súa Rhapsody in blue.
O blues ten algunhas características destacables como pode ser a tradición de chamada e resposta propia de culturas africanas transformado nunha interacción entre voz e guitarra.
A importancia do blues foi tal que chegou a ser o tema arredor do que xiraban películas coma The blues brothers ou O Brother.
Músicos de blues destacados son Muddy Waters, B.B.King, Janis Joplin, Carlos Santana e Eric Clapton.
3.1. B. B. King
B. B. king (Itta Bena, Mississippi, 16 de setembro de 1925 - Las Vegas, 14 de maio de 2015)Guitarrista e cantante de blues estadounidense. Empezou como cantante ambulante e en 1949 debutou como guitarrista. Exerceu notable influencia sobre os guitarristas de rock. Entre os seus éxitos figuran Three o´clock jump, Sweet sixteen, Lucille (o nome da súa guitarra) ou Ridding with the king con Eric Clapton.
(No apartado de Clapton hai un vídeo dos dous guitarristas)
3.2. Eric Clapton
Eric Clapton (Ripley, 1945)
Guitarrista británico de blues. Actuou en diversos grupos como John Mayal & The Bluesbreakers, Yardbirds e Cream ata que, en 1973, iniciou a súa carreira en solitario. Entre as súas principais gravacións están Behind the sun, Journeyman e From craddle. Gañador de varios Grammys, o seu estilo Rythm and blues maniféstase en temas como Layla ou Tears in heaven.
4. Rythm and Blues
O rythm and blues (R&B) é un xénero musical creado nos EEUU procedente do jazz, o góspel e o blues e foi o predecesor do rock and roll.
The platters foi un conxunto musical que se caracterizou por facer incursións neste xénero.
Fai non moito tempo fusionouse o R&B e o hip hop empregando retrousos rapeados e caixas de ritmo dando lugar ao New Jack Swing. Artistas representativos son Justin Timberlake, Bobby Brown, Janet Jackson e incluso Michael Jackson.
A finais dos anos 90 comezouse a mesturar bases típicas do pop acompañadas con instrumentos, letras e incluso rapeos do R&B. Representantes actuais do R&B moderno son Mariah Carey, Rihanna, Beyoncé, Black Eyed Peas, etc.
Instrumentos habituais: batería, piano, harmónica, guitarra, baixo, saxofón, órgano Hammond, trompeta, teclado electrónico.
5. Soul
O soul é un xénero musical orixinario de Estados Unidos que combina elementos do góspel e do rhythm and blues. Naceu nos anos 50 do pasado século -unha época de pobreza- nas poboacións afroamericanas estadounidenses.
Caracterízase por ritmos pegañentos, acentuados por palmas e movementos corporais extemporáneos. Outras características son a chamada e resposta entre o solista e o acompañamento e especialmente a potencia vocal.
Ray Charles xunto con James Brown son considerados os pioneiros do xénero. Outros exemplos de artistas ligados ao soul da primeira época son Janis Joplin, Otis Redding o Percy Sledge.
Máis adiante chegouse a unha época de loitas raciais pola igualdade de dereitos na que a música soul acadou gran importancia ligada ao movemento de liberación racial liderado por Martin Luther King. Nesta época, a máis importante do soul, destacou sobre todo Aretha Franklin. Tamén son desta época Gloria Gaynor, The Supremes, Stevie Wonder ou Marvin Gaye. A finais dos 60 artistas como James Brown empezan a dar maior dureza e agresividade rítmica e sonora dando paso ao funk.
Nos anos 70 hai unha necesidade maior de diversión polo que xurde a música disco con artistas como Gloria Gaynor o Donna Summer. Motown (discográfica) facía crecer las carreiras de Marvin Gaye e de Diana Ross (The Supremes) e Michael Jackson (Jackson Five) en solitario.
Na década dos 80, trunfan artistas como Michael Jackson ou Whitney Houston e tamén vellas glorias do soul como Stevie Wonder ou Aretha Franklin se adaptaban ás novas formas do xénero, tendo gran éxito.
Na actualidade algúns dos destacados neste xénero son Mary J. Blige, Seal, Amy Winehouse, Adele, Alicia Keys,...
Instrumentos habituais: guitarra e baixo eléctricos, batería, teclados, órgano, voces, saxo.
5.1. Aretha Franklin
Aretha Franklin (Memphis, Tennessee 1942)
Cantante estadounidense. Intérprete de blues, soul e góspel que se distingue pola fogosidade rítmica do seu estilo e o amplo rexistro da súa voz. Entre as súas cancións máis populares están Think, Say a little pray ou Respect. Está considerada a raíña do soul.
5.2. Ray Charles
Ray Charles (Albany, 1932 – Beverly Hills, California, 2004)
Cantante, pianista e compositor estadounidense. Aos seis anos perdeu a vista e estudou música nunha institución para discapacitados físicos. No seu estilo mestúranse, ademais do soul, o blues, o gospel e o rock and roll. Difundiu bailes coma o twist. Adóitase considerar a súa canción "I Got A Woman" como o primeiro tema soul da historia.
6. Rock and Roll
En 1951, o disc jockey estadounidense Alan Freed comezou a transmitir por radio rhythm & blues e música country para unha audiencia multi-racial. A Freed atribuíselle ser o primeiro en utilizar a expresión "rock and roll" para describir a música que difundía.
Na década de 1950, en Estados Unidos, os adolescentes buscaban novos sons e por primeira vez, unha música dirixíase directamente a eles: o rock and roll. A pesar de que era moi similar ao rhythm and blues, quíxose diferenciar un do outro para dar paso aos cantantes brancos e á música que non mencionase o conflito racial.
Os seus inicios combinan elementos do blues, do jazz, do góspel, do country e dalgúns outros estilos. Adoita acreditarse a Muddy Waters como o músico que "pavimentou" o camiño cara o rock and roll. Hai quen data a súa orixe en 1954, co traballo discográfico de Bill Haley e o seu grupo Bill Haley and the Haley's Comets, especialmente con Rock Around the Clock (1955). Outros consideran como creador a Little Richard ou a Elvis Presley e elixen tamén como data do comezo do rock and roll a 1954, ano no que Presley editou o seu primeiro disco. Entre os músicos destacados da época pódense citar a Jerry Lee Lewis, Little Richard o Buddy Holly entre otros.
A partir dos anos 60 tivo un importante desenvolvemento e evolución que se expresou a través de gran cantidade de bandas, de ritmos e de estilos que o convertiu nun fenómeno cultural e musical que se estendeu arredor do mundo.
Del naceron infinidade de subxéneros como o rockabilly, o doo wop ou o hard rock, heavy metal, rock sinfónico, punk, glam,.... Algúns artistas de hard rock ou heavy metal como Motörhead ou AC/DC habitúan definirse como músicos de rock n' roll.
O rock and roll caracterízase por un pulso rítmico moi marcado, apoiado nunha batería e instrumentos eléctricos -sobre todo guitarras- amplificados.
6.1. Elvis Presley
Elvis Presley (Tupelo, Mississippi,1935 – Memphis, 1977)
Cantante estadounidense. Nos anos 50 do século XX soubo reunir nunha combinación orixinal estilos tradicionais brancos, como o country, cos espirituais e o rythm and blues propios dos negros americanos. A súa voz era excepcional, á vez poderosa e tenra, ou doce e agresiva, dependendo da canción. Nos escenarios os seus movementos causaban sensación. O que el facía chamouse rock and roll. Leva vendidos máis de 200 millóns de discos e protagonizou 32 películas. Segue a considerarse o rei do rock.
7. Reggae
O reggae é un xénero musical que se desenvolveu por primeira vez en Xamaica cara a mediados dos anos 1960.
O reggae caracterízase ritmicamente por un tipo de acentuación sincopada, coñecida como skank. Adoita acentuar o segundo e cuarto pulso de cada compás.
Aínda que está poderosamente influenciada pola música africana tradicional, o jazz estadounidense e o primeiro rhythm and blues, o reggae deriva directamente do ska e o rocksteady durante os anos 1960 en Xamaica.
Cara finais dos 60 a influencia do reggae comezou a deixarse sentir na música rock. Un exemplo é a canción de The Beatles "Ob-La-Di, Ob-La-Da" de 1968.
The Wailers, unha banda formada por Bob Marley, Peter Tosh e Bunny Wailer en 1963, son quizais o grupo máis coñecido do reggae.
7.1. Bob Marley
Bob Marley. (Rhoden Hall, 1944 – Miami, 1981)
Músico xamaicano. Principal representante da música reggae, as súas cancións influíron decisivamente no rock dos anos 80. É autor de gravacións como Natty dread, Survival e Uprising.
8. Pop
A expresión música pop (do inglés pop music, contracción de popular music) fai referencia a unha combinación de distintos xéneros musicais altamente populares dentro dunha sociedade. Este tipo de música está feita para ser altamente comercializada. Moitos citan os comezos deste xénero durante os anos 50.
O dicionario define «pop» como «un certo tipo de música lixeira e popular derivado de estilos musicais negros e da música folclórica británica». Historicamente, a expresión "música pop" non era entendida como un xénero musical con características musicais concretas. O catalogado como música "Pop", apócope de “música popular”, era entendido como o contrario á música de culto, á música clásica. Baixo esta definición entraban diversos xéneros como, o funk, o folk ou incluso o jazz. O pop era entendido como ese gran grupo de música para a xente de menor cultura musical. Co tempo, o pop foi gañándose a súa acepción como xénero musical independente, librándose, ademais, do sentido pexorativo e negativo ao que se vinculaba.
A partir da década de 1950, o termo «música pop» utilizouse para describir un xénero distinto, destinado a un mercado xuvenil, a miúdo caracterizado como unha alternativa suave ao rock and roll. Pouco a pouco o termo “pop” empregouse máis en oposición ao rock para describir una forma musical máis comercial, efímera y accesible.
Os musicólogos adoitan identificar unha serie de características como típicas do xénero de música pop: un enfoque en cancións individuais ou sinxelos (singles), en lugar de obras extensas ou álbumes; o obxectivo é atraer a un público xeral, en lugar de a unha sub-cultura ou ideoloxía.
O principal elemento da música pop é a canción, a miúdo entre dous e medio e tres minutos e medio de duración, en xeral, marcada por un elemento rítmico constante e notable cunha especial atención ás melodías pegañentas. O ritmo e as melodías tenden a ser sinxelos, cun acompañamento harmónico limitado. As letras das cancións pop modernas céntranse tipicamente en temas simples - a miúdo o amor e as relacións románticas - anque hai tamén notables excepcións.
Os exemplos máis salientables son The Beatles e máis recentemente o rei e a raíña do pop, Michael Jackson e Madonna respectivamente.
8.1. The Beatles
Grupo británico formado por John Lennon, Paul McCartney, George Harrison e Ringo Starr, un dos máis característicos da historia do pop. A súa carreira foi moi breve en comparación coa doutros grupos, xa que gravaron o seu primeiro disco en 1962 e separáronse en 1970. Porén, ese tempo foi suficiente para convertelos en símbolo dunha época. Da sinxeleza dos seus primeiros éxitos como Twist and shout e Love me do, evolucionaron a arranxos instrumentais moi sofisticados como Sgt. Pepper´s Lonely Hearts Club Band. A súa canción Yesterday foi versionada por moitos artistas diferentes. Existe unha rúa en Liverpool, cidade natal dos compoñentes do grupo, chamada Penny lane na honra da canción dos Beatles do mesmo nome.8.2. Michael Jackson
Michael Jackson. (Gary, Indiana, 1958 - Los Ángeles, California, 2003)
Cantante estadounidense. A súa carreira comezou en 1966, cando cantaba con catro dos seus irmáns no grupo de música soul The Jackson Five.
Os seus traballos en solitario convertérono nunha das figuras do rock e o pop máis importantes. As súas gravacións Thriller, Bad e Dangerous lograron un grande número de ventas. Thriller revolucionou a forma de facer videoclips.
8.3. Madonna
Madonna Louise Ciccone, nada en Bay City (Michigan) o 16 de agosto de 1958, é unha cantante, compositora e produtora estadounidense, máis coñecida como Madonna. De ascendencia italiana e francocanadiense, o seu estilo musical abrangue a música disco, pop, dance e electrónica. Traballou de maneira máis intermitente como actriz, deseñadora de moda, escritora e directora de cinema. No 2000, o Libro Guinness das marcas publicou que Madonna é a artista feminina máis exitosa de todos os tempos, estimando que as vendas superan os 400 millóns de álbums e sinxelos vendidos en todo o mundo.
A denominada como Queen of Pop (Raíña do Pop), a cantante adquiriu e mantén un asombroso éxito e fama mundial desde os seus inicios en 1983, co lanzamento do seu primeiro álbum Madonna até o seu último disco Hard Candy.