Pascual VeigaO compositor Pascual Veiga naceu na provincia de Lugo, en Mondoñedo, o 9 de abril de 1842. Alí toma un primeiro contacto coa música, como neno de coro. En 1862 realiza as oposicións á praza de organista na catedral de Mondoñedo, que non gaña por non contar coa idade esixida, o que lle ocorre tamén na Colexiata de Covadonga. En 1864 trasládase á Coruña, onde ocupa a praza de organista na Real e Insigne Colexiata de Sta María do Campo.

Pronto a súa dedicación á música orfeónica lle fai obter un premio, co Orfeón Brigantino, en 1877, agrupación que abandona un ano máis tarde para fundar o Orfeón Coruñés. En 1880 estrea en Pontevedra a que será a súa obra emblemática, a Alborada gallega. Dous anos despois funda El Nuevo Orfeón, que en pouco tempo será coñecido como Orfeón El Eco, e que dignamente pervive ata hoxe en día. O seu nome vai adquirir unha gran sona en todo o Estado español polo seu extraordinario labor á fronte dos orfeóns que dirixe; así, en 1889 funda o chamado Orfeón Coruñés Número 4, agrupación coa que gañou a medalla de ouro no Certame de París en 1890. En 1892 atópase Veiga vivindo na capital de España, onde traballa como director do Orfeón do Centro Gallego e o Orfeón Matritense, ao mesmo tempo que desenvolve o labor docente no Conservatorio Nacional de Música.

Morre na capital de España o 12 de xullo de 1906. Seis meses máis tarde, grazas ás xestións realizadas por Fontenla Leal en Cuba, estrearase no Gran Teatro do Centro Galego de La Habana "Os pinos", poema de Eduardo Pondal posto en música por Veiga, que moi pronto será considerado como o Himno de Galicia. O 18 de setembro, e tras unha subscrición popular, os seus restos mortais trasládanse á súa cidade natal. A fama sobranceira da súa Alborada e do Himno, obra identitaria para os galegos de ambos os lados do océano, eclipsou o resto da súa produción compositiva e os seus propios datos biográficos, que este Congreso Internacional sobre a súa figura, ten a intención de restituír.

Última modificación: martes, 6 de setembro de 2016, 10:01 AM