BENVIDAS E BENVIDOS Á AULA VIRTUAL DO CEIP VILAVERDE
Esta aula virtual é un recurso máis do noso centro que, xunto cos blog, o correo electrónico, as videochamadas e a plataforma Edixgal, no seu caso, se empregará para continuar a actividade lectiva na modalidade de educación non presencial e de ensino mixto tal como se recolle no Plan de adaptación á crise Covid do centro.
As actividades proporanse desde unha metodoloxía integradora ou globalizadora, estarán adaptadas a todo o alumnado, serán inclusivas. Deseñaranse propostas multinivel entre áreas/materias/ámbitos a partir dunha temática de interese (actualidade, proxecto, conmemoración...). Proporanse actividades coordinadas entre o profesorado de nivel tendo presente unha adecuada temporalización.
Combinaranse actividades virtuais e non virtuais: traballos prácticos de experimentación, resolución de problemas, busca de información, xogos, esquemas, resumos, cuestionarios, elaboración de vídeos/presentacións/fotos, visionado de vídeos, debuxos, resolución de operacións, textualizacións...
As actividades propostas terán en conta que o noso alumnado non é autónomo na súa aprendizaxe e precisa de acompañamento, contacto, estratexias didácticas concretas, autocontrol da concentración... As accións deseñadas procurarán ter presente, por outra banda, as limitacións de recursos do alumnado e das súas familias.
A avaliación do traballo que se realice por este sistema será continua e global, terá en conta as actividade e traballos realizados ademais dos resultados nos instrumentos de avaliación segundo o que o profesorado de nivel/área/materia indique nas correspondentes programacións.