PIALE 2019 : Memoria 1: Sistema educativo canadense
Do 11 de novembro ao 9 de decembro de 2019 participei, xunto con 39 profesores máis, no programa Piale ( programa integral de aprendizaxe de linguas estranxeiras ) da Consellería de Educación, cuxa finalidade é mellorar a competencia lingüística e comunicativa do profesorado. Este programa ten varias modalidades, eu participei na modalidade 1, integración nun centro escolar de Canadá.
A primeira semana tivemos uns días de formación no 440 Albert Street, onde está a sede de OCENET. Ottawa International Projects and Exchanges , alí contáronnos aspectos da vida en Ottawa ( moeda, transporte, relación coas familias de acollida...) e tamén sobre o sistema educativo no distrito de Ottawa-Carleton, ao que pertencían as escolas que visitamos.

Aspectos destacables e transferibles da organización do sistema educativo canadense
O sistema educativo canadiense é un sistema descentralizado, que carece dun ministerio central de educación, o que implica que cada provincia ten competencia plena en materia educativa, fixando o currículo e a financiación. Para desenvolver os currículos consúltase ao profesorado e a expertos nas diferentes materias. En canto á financiación, nos últimos anos invertíronse máis cartos en zonas desfavorecidas, o que conseguiu reducir as diferenzas de resultados académicos cos centros de áreas máis acomodadas.
A provincia de Ontario presume de ter o mellor sistema educativo de Canadá. Desde o 2015 están desenvolvendo un plan educativo ao redor de 5 áreas prioritarias:

LEARNING : Aprendizaxe.
WELL-BEING: Benestar físico, emocional e social do alumnado.
EQUITY: Igualdade de oportunidades para todo o alumnado.
ENGAGEMENT: Compromiso de toda a comunidade educativa, cun gran apoio social.
STEWARDSHIP: Coordinación entre a Administración e os Centros Educativos para tomar decisións axeitadas en diferentes situacións.
Os obxectivos xerais que estableceron foron:
- Acadar o máximo rendemento individual, en vez de acadar obxectivos xerais colectivos.
- Evitar o abandono escolar.
- Lograr a plena inserción social e a igualdade de oportunidades.
- Destacar a importancia do respecto ao individuo e ao grupo.
En Ottawa, a capital, a rede de centros máis importante é a OCDSB (Ottawa-Carleton District School Board). Son líderes en creación e avaliación de prácticas inclusivas, ensino e aprendizaxe de linguas, educación especial e asesoramento educativo internacional. Tamén levan a cabo proxectos internacionais a través da OIPE (Ottawa International Projects and Exchanges), como é o caso do noso programa PIALE. O seu lema para o ensino bilingüe e internacional é Every teacher is a language teacher, todo profesor ensina unha lingua, independentemente da materia que imparta.
INTEGRACIÓN NA ESCOLA
![]() ![]() |
A Blossom Park Public School é o centro escolar no que estiven, unha escola de 380 alumnos, que imparte dende kindergarten ( Infantil ) ata 8º grado ( 2º da ESO ). Está situada no sur de Ottawa e é unha escola multicultural, cuxo alumnado procede a maioría de países de Oriente Medio. Está dirixida por unha directora e un vicedirector, que sería como aquí o xefe de estudos. Non imparten clase. O persoal, entre profesorado, persoal administrativo, conserxes, coidadores, monitores, bibliotecaria, multicultural liaison officer… é de 40 persoas.
Durante a miña estancia no colexio, o vicedirector, que era o meu coordinador organizou para que puidese visitar varias aulas de distintos niveis e materias:
- Na primeira semana estiven:
- Na clase de infantil de Melanie Ertel (alumnado de 4-5 anos ) Programa bilingüe 50% en francés e 50% en inglés. Dende setembro do 2016 todas as escolas teñen este programa, para que todo o alumnado teña a oportunidade de desenvolver unha competencia comunicativa plena en francés e inglés.
- Nunha aula mixta de 2º/3.º da profesora Rashmi Sharma
- Nunha clase de Matemáticas de 8º.
2. Na segunda e terceira semana :
- Aula mixta de 2º e 3º da profesora Rashmi Sharma.
- Na clase de 3º da profesora Jessica Niefer.
- Aula mixta de 4º /5º da profesora Rebecca Cavacciuti.
Na seguinte presentación de Impress trato os aspectos destacables e transferibles da organización e da metodoloxía dos centros canadenses:

