Benvidas e benvidos á Aula Virtual do CEIP de Barouta.
Se tedes algunha dúbida, recordade que podedes contactar con nós nos enderezos do centro, mesmo por WhatsApp se vos é máis cómodo, ou nos enderezos do profesorado.
Querémosvos facer chegar o noso afecto, o noso acompañamento nestes tempos difíciles e confusos, e trasladarvos todo o noso ánimo e apoio, para vós e para os vosos seres queridos.
Estes días, o Claustro do CEIP de Barouta, debatimos sobre como colocar as necesidades do alumnado na nosa práctica docente a través do teletraballo. O noso oficio baséase no acompañamento presencial do alumnado, de seguir o seu ritmo de aprendizaxe para ofrecerlle que vaia construíndo novos coñecementos. Pero esa presenza, ese acompañamento como habitualmente o entendemos, non é posible e temos que trazar novas estratexias.
Como Centro Educativo e como Claustro estamos facendo un grande esforzo, colectivo e individual, en manter unha comunicación fluída con vós a través de diferentes vías: Web, TokApp, Abalar Móbil, Redes Sociais, Mail, WhatsApp, entre outros medios. Así mesmo, levamos días traballando na aula virtual de aprendizaxe que agora vedes, e que agardamos sexa útil. Todo para que vos sintades acompañados/as e arroupados/as. Que saibades que estamos aquí para o que precisedes.
Con todo, a situación histórica que vivimos pon de manifesto moitas desigualdades de recursos tecnolóxicos e dixitais que non todo o alumnado posúe. E isto é unha das cousas que máis nos preocupa. Por moito que enviemos mensaxes, se non se recibe non hai comunicación verdadeira.
Se sabedes que alguén non recibe comunicación do colexio, agradecémosvos que lla fagades chegar do xeito e forma que sexa posible, e tamén que nolo digades para poder ver nós outros canles e medios de comunicación. É importante que esta situación nos manteña unidas/os en Comunidade Educativa, non que nos separe abrindo máis a fenda das desigualdades.
Queremos saber de vós, así que, as persoas que queirades e poidades, gustaríanos que nos enviásedes unha nota de voz, un vídeo ou un texto onde nos describades e expliquedes como pasades este momento, para poder compartir con toda a Comunidade Educativa. Tedes á vosa disposición o teléfono móbil do colexio (con WhatsApp) 717 70 74 31 e o correo ceip.barouta@edu.xunta.gal
Recibide todo o noso afecto, apoio e acompañamento neste momento difícil.
Moito ánimo! Agardamos vernos pronto!