Obxectivo:
A motivación deste taller é achegar a impresión 3D a todo o profesorado, sen necesidade de coñecementos informáticos previos. Para iso mostraranse sinxelos programas de modelado informático (debuxo en 3D por ordenador) para desenvolver un obxecto desde o deseño inicial ata a preparación do arquivo para a súa impresión 3D. Unha pequena introdución pero suficiente para ver o potencial da impresión 3D como unha nova ferramenta didáctica da que os profesores poden sacar gran partido en diferentes áreas de xeito transversal.
Descrición:
Comezarase cunha breve introdución teórica sobre as diversas tecnoloxías de impresión 3D enfocándose nas que se están a estender por aulas de todo o mundo.
Posteriormente, a través do software gratuíto Sketch Up, explicaranse as ferramentas básicas de debuxo e coas ferramentas 123D app de Autodesk, aprenderase a escanear en 3D e a modificar arquivos descargados de bibliotecas dispoñibles na Rede. Unha vez o modelo informático estea listo, prepararase o arquivo para a súa impresion 3D empregando o Netfabb.
Ao longo do obradoiro verase un exemplo de impresión 3D ao vivo e reservaranse os minutos finais para unha quenda de preguntas e posta en común cos asistentes.
Impartido por Enrique Otero Neira, arquitecto. Iniciou a súa carreira en Ámsterdam no estudo Loehmann's Architecture · Urban + Industrial Design. En 2008 trasládase a Barcelona e traballa en varios equipos multidisciplinares e en proxectos de prestixio internacional. Sempre relacionado coas novas tecnoloxías, en 2014 e xa de volta en Galicia, funda Brinka3D. Desde entón impartiu múltiples obradoiros sobre a impresión 3D.
volver aos obradoiros