Licenciada por Wikimedia
Vemos, aprendemos, falamos, xogamos, experimentamos cos medios de comunicación. Cando falamos de medios de comunicación non se refire unicamente aos tradicionais (prensa, radio e TV), senón que se imcluen as redes sociais e todas as ferramentas comunicativas desenvolvidas co 2.0.
Os medios xa non son propiedade dun emisor que lanza as súas mensaxes a unha multitude de receptores, senón que o modelo comunicativo converteuse nunha rede de nodos infinitos na que cada usuario é emisor e receptor ao mesmo tempo. Isto leva moitas implicacións que aínda están por definir, pero unha cousa está clara: xa non somos simplemente consumidores, senón que tamén somos produtores de información.
No ámbito educativo, falamos de competencia mediática (media literacy) como a habilidade para seleccionar, ler e comprender as mensaxes dos medios de comunicación, así como para apropiarse das ferramentas e crear contidos propios.
Nos primeiros anos do século XXI, xa é imprescindible capacitar ao noso alumnado nas tecnoloxías e nas narrativas que están re-interpretando as nosas interaccións sociais. Somos parte dunha cultura transmedia, na que a comunicación adquire novos discursos, novos significantes e novos significados. E
aínda estamos a empezar. Queda moito por traballar e por descubrir, estas linguaxes aínda están a ser creadas e re-creadas, e a Educación non debe quedar á marxe neste proceso de creación colectiva.