image_blog

Cidadáns dixitais, tamén nas aulas

Afacémonos rapidamente aos cambios e asumímolos xa como unha parte inevitable da nosa sociedade. Resulta impensable, hoxe en día, realizar moitas das nosas accións cotiás do mesmo xeito que hai dez ou quince anos. Poñamos algún exemplo: espertamos co noso móbil, que de paso xa nos indica cantas horas durmimos e en que grao de profundidade; consultamos a prensa na tableta mentres almorzamos; mesmo podemos compartir algunha nova nas nosas redes sociais, chiándoa ou dándolle un “Gústame”; o reloxo intelixente xa nos avisa da próxima reunión e do próximo cumpreanos familiar; imos no coche falando polo móbil ou escoitando a súa música a través do Bluetooth; pedimos cita para calquera revisión, facemos transferencias bancarias, realizamos compras, reservamos viaxes... a través do noso ordenador. E así practicamente as vinte e catro horas do día. Somos cidadáns dixitais porque vivimos nunha sociedade dixital e porque queremos adaptarnos a ela, apropiarnos da tecnoloxía para o noso beneficio.

As aulas tamén forman parte, ou deberían, desa nova sociedade dixital. É difícil pensar que esa profunda transformación non ten un reflexo na práctica docente e que seguimos traballando como hai cen anos. Con eses mesmos dispositivos nas aulas accedemos á información en cuestión de segundos; traballamos de xeito colaborativo observando e avaliando todo o proceso; comunicámonos e interactuamos nas redes sociais; creamos produtos audiovisuais e hipertextuais novos; xeolocalizamos información de diverso tipo; compartimos o que creamos...

Está nas nosas mans facer que a distancia entre a sociedade real e a da aula non sexa tan enorme; lograr que o uso da tecnoloxía, tan cotián fóra da aula, sexa visto como algo normal e positivo tamén dentro, e non como un obstáculo ou un elemento perturbador.

volver ao blog