A utilización de metodoloxías activas de aprendizaxe por parte dos nosos alumnos leva asociado un cambio de rol de consumidor a creador de contidos. Acadado este cambio sería importante que esta produción non quedase relegada ao ámbito da aula ou como moito do centro, senón que sería desexable traspasar as fronteiras da institución escolar e facer contidos exportables e reutilizábeis noutras realidades e contextos .
Se concienciamos aos nosos alumnos do beneficio de licenciar os traballos que realizan e facelo ademáis con licenzas abertas estamos dando pasos para que esta reutilización sexa posible. Cal sería a licenza máis aconsellable?.
Dende logo nós apostamos polas Creative Commons polo evidente aumento das posibilidades de difusión, invitando a que outros poidan adaptalos e melloralos, e contribuír polo tanto a un traballo intelectual común. O noso consello é non usar restricións que impidan esta mellora do noso produto: a principal e máis evidente é a de “non permitir obra derivada” (ND), pero tamén a de “Non permitir un uso comercial” (NC) que segundo as estatísticas é a restrición máis utilizada polos usuarios e limita en exceso un uso libre.
A Consellería está usando nos últimos anos a licenza CC: (BY-SA) na maioría das súas convocatorias, unha licenza comparable ás Copyleft que respecta os dereitos do autor e á súa vez é garantista pois obriga a quen a utilice a compartir baixo esta mesma licenza mantendo o espíritu aberto e libre que perseguimos.