Queremos ser un novo modelo de docentes conectados, que coñeza as novas tecnoloxías, que as domine e non teña medo de empregalas co seus alumnos.
Queremos mudar a forma de ensinar, o profesor xa non é o centro de atención da clase, os alumnos teñen un papel principal e focalizan a atención. O rol do profesor convértese nunha axuda, guía e consulta.
Queremos atopar a aprendizaxe infinita, ao longo da nosa vida, tanto formal coma informal.
Podemos ser os líderes da aula e levar os alumnos máis aló dos contidos tradicionais empregando novos modelos como o mobile learning, a aprendizaxe baseada en proxectos ou retos, a gamificación ou a Flipped Classroom.
Podemos exportar e expandir as nosas vivencias, pensamentos e traballos moito máis lonxe do centro escolar, conectando con outros membros da comunidade educativa empregando as redes sociais e promovendo a socialización.
Podemos loitar contra os prexuízos, as fobias e as negatividades, facendo unha sociedade plural, equilibrada e tolerante.
Pero ante todo para poder temos que querer, experimentar a necesidade de cambio, de que temos que comezar unha nova etapa. Cando xa estea instaurada esa semente chegou o momento de perder o medo e trasformar gradualmente o noso día a día.
Si, nós queremos e tamén podemos.