02 Aneae e anee. ESO. BAC
Índice tema

Orde do 12 de marzo de 2013 pola que se desenvolve o procedemento para a admisión do alumnado en centros docentes sustentados con fondos públicos que impartan ensinanzas de 2º ciclo de educación infantil, de educación primaria, de educación secundaria obrigatoria e de bacharelato reguladas na Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación.

Artigo 3. Determinación e publicación dos postos escolares vacantes en cada centro

2. En todo caso para escolarizar ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, deberá reservar tres postos escolares por unidade, nos seguintes cursos: 4º de educación infantil, 1º de educación primaria e 1º de educación secundaria obrigatoria

Artigo 19. Criterios xerais para a admisión do alumnado

1. Se unha vez adxudicados os postos escolares ao alumnado que teña garantía de permanencia ou que goce de prioridade por proceder de centro adscrito, o número de solicitudes é superior ao de postos dispoñibles, aplicaranse os seguintes criterios para establecer unha orde de prioridade:

a) Existencia de irmás/áns matriculadas/os no centro.

b) Nai, pai, titora ou titor que traballe no centro.

c) Proximidade do centro ao domicilio familiar ou ao lugar de traballo das/dos nais/pais ou titoras/es.

d) Renda anual per cápita da unidade familiar.

e) Condición de familia numerosa.

f) Condición de familia monoparental.

g) Concorrencia de discapacidade na alumna ou alumno, ou en nai, pai, titora, titor, irmá ou irmán do alumnado.

h) Ademais, para as ensinanzas do bacharelato terase en conta o expediente académi‐ co do alumnado.

i) Criterios establecidos por cada centro educativo, consistentes noutras circunstancias relevantes e xustificadas, de acordo con criterios obxectivos, que deberán ser publicados coa necesaria antelación ao inicio do proceso de admisión.

Capítulo V. Adxudicación de postos escolares reservados a alumnado con necesidades específicas de apoio educativo

Artigo 37. Solicitude de admisión

1. A solicitude de admisión deberá presentarse na forma e prazo establecido nesta orde, e ademais, nais, pais ou representantes legais deberán manifestar expresamente que optan a unha praza reservada para alumnado con necesidades específicas de apoio educativo derivadas de discapacidade física, psíquica ou sensorial, de sobredotación intelectual, de trastornos graves de conduta ou por encontrarse en situación desfavorecida como consecuencia de factores sociais económicos ou culturais.

2. Xunto á solicitude deberán achegar a documentación xustificativa das devanditas situacións e circunstancias. No caso de alegar situación desfavorecida como consecuencia de factores sociais, económicos ou culturais, achegarán o informe dos servizos oficias competentes.

3. Cando o número de solicitudes de admisión recibidas nun centro supere o número de prazas reservadas, os centros requiriran as/os solicitantes para que acheguen a documentación xustificativa dos criterios de baremo no prazo establecido no artigo 17.1 desta orde.

Artigo 38. Valoración das necesidades específicas de apoio educativo alegadas

1. Os centros deberán remitir as solicitudes e a documentación achegada á xefatura territorial, no prazo máximo de 10 días hábiles seguintes ao da súa presentación, que irá acompañada da avaliación psicopedagóxica inicial realizada no centro, para a súa valoración polo equipo de orientación específico.

2. A xefatura territorial devolverá aos centros afectados as solicitudes acompañadas do informe do equipo de orientación específico, indicando se procede ou non a súa escolarización con cargo á reserva de prazas de alumnado con necesidades específicas de apoio educativo, antes da data de publicación das listaxes provisionais de persoas admitidas e non admitidas.

Artigo 39. Asignación dos postos escolares reservados

1. Cando o número de solicitudes sexa superior ao de postos reservados, terán preferencia as/os solicitantes que obteñan maior puntuación conforme aos criterios de baremo fixados nesta orde. As restantes solicitudes concorrerán en igualdade de condicións con todas as demais.

2. As prazas reservadas non adxudicadas a este alumnado asignaranse conforme o procedemento ordinario e, se é o caso, ao procedemento subsidiario de adxudicación.

Artigo 44. Escolarización de alumnado por traslado de domicilio ou por incorporación ao sistema educativo

Nos supostos de escolarización de alumnado xa iniciado o curso escolar, por traslado do domicilio da unidade familiar que implique cambio de localidade, ou por incorporación ao sistema educativo, previstos no artigo 12 do Decreto 254/2012, do 13 de decembro, a persoa titular da xefatura territorial poderá autorizar un incremento de ata o dez por cento do número máximo de alumnas e alumnos por unidade nos centros públicos e privados concertados dunha mesma área de influencia, para atender as necesidades que se produzan.

Artigo 45. Escolarización de alumnado derivada de acoso escolar

1. Unha vez iniciado o curso escolar, a alumna, o alumno ou a súa familia, poderán solicitar o cambio de centro por motivo de acoso escolar, nos termos previstos no artigo 13 do Decreto 254/2012, do 13 de decembro.

2. Corresponderá á inspección educativa constatar a efectiva concorrencia da situación alegada e, de ser o caso, adoptar as mediadas necesarias para a inmediata escolarización do alumnado afectado noutro centro docente.

Artigo 46. Escolarización de alumnado derivada de situación de violencia de xénero

1. Unha vez iniciado o curso escolar, cando a alumna ou a nai ou titora do alumnado, por razón de violencia de xénero, véxanse obrigadas a abandonar a localidade de residencia onde radica o posto escolar, poderán solicitar o cambio de centro por este motivo, de acordó co previsto no artigo 13 do Decreto 254/2012, do 13 de decembro.

2. A acreditación da situación de violencia de xénero realizarase mediante calquera dos mecanismos previstos no artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, nos seguintes termos:

a) No caso de que a acreditación se realice mediante algunha das formas recollidas nos puntos a) ou b) do artigo 5 da Lei 11/2007, do 27 de xullo, a orde de protección, as medidas cautelares ou as medidas de protección que se conteñan na sentenza deberán estar en vigor.

b) No caso de que a acreditación se realice mediante os medios reflectidos nos puntos c), d), e) ou f) do citado artigo 5 da Lei 11/2007, as certificacións ou informes deben ter sido emitidos no prazo máximo de 12 meses inmediatamente anteriores á data de presentación da solicitude de admisión.

3. Corresponderá á inspección educativa constatar a efectiva concorrencia da situación alegada e, de ser o caso, adoptar as mediadas necesarias para a inmediata escolarización do alumnado afectado.