| 02 Aneae e anee.ESO.BAC |
2.3. Avaliación. Disposicións xerais e a súa relación coa atención ao ANEAE.
Decreto 86/2015, do 25 de xuño, polo que se establece o currículo da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia. (DOG, 29/06/15).
Art. 7. Alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.
1. Para o alumnado que requira unha atención educativa diferente á ordinaria, por presentar necesidades educativas especiais, por dificultades específicas de aprendizaxe, trastorno por déficit de atención e hiperactividade (TDAH), polas súas altas capacidades intelectuais, por se incorporar tarde ao sistema educativo ou por condicións persoais ou de historia escolar, estableceranse as medidas curriculares e organizativas necesarias co fin de que poida alcanzar o máximo desenvolvemento das súas capacidades persoais e os obxectivos e competencias establecidas en cada etapa para todo o alumnado. Entre estas medidas estableceranse aquelas que garantan que as condicións de realización das avaliacións se adapten ás necesidades do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo.
2. A escolarización do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo rexerase polos principios de normalización e inclusión, e asegurará a súa non-discriminación e a igualdade efectiva no acceso e na permanencia no sistema educativo.
3. A identificación e a valoración do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo e, de ser o caso, a intervención educativa derivada desa valoración, realizaranse do xeito máis temperán posible, nos termos que determine a consellería con competencias en materia de educación. Os centros docentes deberán adoptar as medidas necesarias para facer realidade esa identificación, valoración e intervención.
4. Correspóndelle á consellería con competencias en materia de educación establecer as condicións de accesibilidade e deseño universal, e os recursos de apoio que favorezan o acceso ao currículo do alumnado con necesidades educativas especiais, e adaptar os instrumentos e, de ser o caso, os tempos e os apoios que aseguren unha correcta avaliación deste alumnado. A consellería con competencias en materia de educación, coa finalidade de facilitar a accesibilidade ao currículo, establecerá os procedementos oportunos cando cumpra realizar adaptacións significativas dos elementos do currículo, coa finalidade de atender o alumnado con necesidades educativas especiais que as precise. Estas adaptacións realizaranse procurando o máximo desenvolvemento posible das competencias; a avaliación continua e a promoción tomarán como referente os elementos fixados nas devanditas adaptacións. En calquera caso, o alumnado con adaptacións curriculares significativas deberá superar a avaliación final para poder obter o título correspondente.
5. A escolarización do alumnado con altas capacidades intelectuais, identificado como tal segundo o procedemento e nos termos que estableza a consellería con competencias en materia de educación, flexibilizarase nos termos que determine a normativa vixente. Esta flexibilización poderá incluír tanto a impartición de contidos e a adquisición de competencias propias de cursos superiores como a ampliación de contidos e competencias do curso corrente, así como outras medidas.
6. Os plans de actuación, así como os programas de enriquecemento curricular adecuados ás necesidades do alumnado con altas capacidades intelectuais, que lle corresponde adoptar á consellería con competencias en materia de educación, permitirán desenvolver ao máximo as capacidades deste alumnado e terán en consideración o seu ritmo e o estilo de aprendizaxe, así como o do alumnado especialmente motivado pola aprendizaxe.
ESO
Art. 13.3. No bloque de materias de libre configuración autonómica, os alumnos e as alumnas deben cursar a materia de Lingua Galega e Literatura, que terá un tratamento análogo no centro ao da Lingua Castelá e Literatura, de xeito que se garanta a adquisición das correspondentes competencias lingüísticas e a adecuada distribución segundo o establecido no artigo 7 do Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia. A consellería con competencias en materia de educación poderá ofertar outras materias de libre configuración autonómica elixibles polo centros docentes dentro do horario de libre configuración e opcionais para os alumnos e as alumnas.
Artigo 18. Integración de materias en ámbitos de coñecemento.
Coa finalidade de facilitar o tránsito do alumnado entre a educación primaria e o primeiro curso de educación secundaria obrigatoria, a consellería con competencias en materia de educación e, de ser o caso, os centros docentes, poderán agrupar as materias do primeiro curso en ámbitos de coñecemento. Este tipo de agrupación deberá respectar os contidos, os estándares de aprendizaxe avaliables e os criterios de avaliación de todas as materias que se agrupan, así como o horario asignado ao conxunto delas. Esta agrupación terá efectos na organización das ensinanzas, pero non así nas decisións asociadas á avaliación e á promoción.
Artigo 20. Programas de mellora da aprendizaxe e do rendemento
1. Os programas de mellora da aprendizaxe e do rendemento constitúe unha medida de atención á diversidade que se pode desenvolver a partir do segundo curso da educación secundaria obrigatoria, segundo o procedemento establecido pola consellería con competencias en materia de educación.
2. Nos devanditos programas utilizarase unha metodoloxía específica a través da organización de contidos, actividades prácticas e, de ser o caso, de materias diferentes ás establecidas con carácter xeral, coa finalidade de que os alumnos e as alumnas poidan cursar o cuarto curso pola vía ordinaria e obteñan o título de graduado en educación secundaria obrigatoria.
3. Estes programas irán dirixidos preferentemente a alumnos e alumnas que presenten dificultades relevantes de aprendizaxe non imputables á falta de estudo ou esforzo. O equipo docente poderalles propor aos pais, ás nais ou aos/ás titores/as legais a incorporación a un programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento dos/das alumnos/as que repetisen cando menos un curso en calquera etapa e que, logo de cursado o primeiro curso de educación secundaria obrigatoria, non estean en condicións de promoción ao segundo curso, ou que logo de cursar o segundo curso non estean en condicións de promoción ao terceiro. O programa desenvolverase ao longo dos cursos segundo e terceiro no primeiro suposto, ou só en terceiro curso no segundo suposto. Os alumnos e as alumnas que, cursando terceiro curso de educación secundaria obrigatoria, non estean en condicións de promoción ao cuarto curso poderán incorporarse excepcionalmente a un programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento para repetir terceiro curso.
4. Cada programa deberá especificar a metodoloxía, a organización dos contidos e das materias e as actividades prácticas que garantan o logro dos obxectivos da etapa e a adquisición das competencias que permitan ao alumnado a promoción a cuarto curso ao finalizar o programa, e obter o título de graduado en educación secundaria obrigatoria. Ademais, potenciarase a acción titorial como recurso educativo que poida contribuír dun xeito especial a emendar as dificultades de aprendizaxe e a atender ás necesidades educativas do alumnado.
5. A avaliación do alumnado que curse un programa de mellora da aprendizaxe e do rendemento terá como referente fundamental as competencias e os obxectivos da educación secundaria obrigatoria, así como os criterios de avaliación e os estándares de aprendizaxe avaliables.
6. A consellería con competencias en materia de educación establecerá a forma de acceso a estes programas, así como a súa organización e a súa avaliación. En todo caso, a súa incorporación requirirá a avaliación tanto educativa como psicopedagóxica, a través de informe do equipo docente e do ditame emitido polo Departamento de Orientación, e realizarase despois de oídos/as os/as propios/as alumnos/as, e os seus pais ou as súas nais ou titores/as legais.
Artigo 21. Avaliacións avaliacións, promoción e titulación
1. Os referentes para a comprobación do grao de adquisición das competencias e o logro dos obxectivos da etapa nas avaliacións continua e final das materias dos bloques de materias troncais, específicas e de libre configuración autonómica serán os criterios de avaliación e estándares de aprendizaxe que figuran nos anexos I, II e III a este decreto.
2. A avaliación do proceso de aprendizaxe do alumnado de educación secundaria obrigatoria será continua, formativa e integradora. No proceso de avaliación continua, cando o progreso dun alumno ou unha alumna non sexa o adecuado, estableceranse medidas de reforzo educativo. Estas medidas adoptaranse en calquera momento do curso, tan pronto como se detecten as dificultades, e estarán dirixidas a garantir a adquisición das competencias imprescindibles para continuar o proceso educativo. A avaliación das aprendizaxes dos alumnos e das alumnas terá un carácter formativo e será un instrumento para a mellora tanto dos procesos de ensino como dos procesos de aprendizaxe. A avaliación do proceso de aprendizaxe do alumnado deberá ser integradora, e deberá terse en conta desde todas as materias a consecución dos obxectivos establecidos para a etapa e do desenvolvemento das competencias correspondente. O carácter integrador da avaliación non impedirá que o profesorado realice de xeito diferenciado a avaliación de cada materia tendo en conta os criterios de avaliación e os estándares de aprendizaxe de cada unha delas.
3. O profesorado avaliará tanto as aprendizaxes do alumnado como os procesos de ensino e a súa propia práctica docente, para o que establecerá indicadores de logro nas programacións didácticas.
4. Estableceranse as medidas máis adecuadas para que as condicións de realización das avaliacións, incluída a avaliación final de etapa, se adapten ás necesidades do alumnado con necesidades educativas especiais. Estas adaptacións non se terán en conta en ningún caso para minorar as cualificacións obtidas.
5. A consellería con competencias en materia de educación garantirá o dereito dos alumnos e das alumnas a unha avaliación obxectiva e a que a súa dedicación, o seu esforzo e o seu rendemento se valoren e se recoñezan con obxectividade, para o que establecerá os oportunos procedementos. Co fin de garantir o dereito dos alumnos e das alumnas a que o seu rendemento se valore consonte criterios de plena obxectividade, os centros docentes adoptarán as medidas precisas para facer públicos e comunicar ás familias os criterios de avaliación, os estándares de aprendizaxe, as estratexias e os instrumentos de avaliación, e os criterios de promoción.
6. O equipo docente, constituído en cada caso polos profesores e as profesoras do alumno ou da alumna, coordinado polo titor ou a titora, actuará de maneira colexiada ao longo do proceso de avaliación e na adopción das decisións resultantes deste, no marco establecido pola consellería con competencias en materia de educación.
7. Coa finalidade de lles facilitar aos alumnos e ás alumnas a recuperación das materias con avaliación negativa, a consellería con competencias en materia de educación regulará as condicións para que os centros docentes organicen as oportunas probas extraordinarias e programas individualizados.
Artigo 22. Avaliación final da educación secundaria obrigatoria
1. Ao finalizar o cuarto curso, os alumnos e as alumnas realizarán unha avaliación individualizada pola opción de ensinanzas académicas ou pola de ensinanzas aplicadas, na que se comprobará o logro dos obxectivos da etapa e o grao de adquisición das competencias correspondentes en relación coas seguintes materias:
a) Todas as materias xerais cursadas no bloque de materias troncais, agás Bioloxía e Xeoloxía, e Física e Química, das que o/a alumno/a será avaliado/a se as escolle entre as materias de opción, segundo se indica no parágrafo seguinte.
b) Dúas das materias de opción cursadas no bloque de materias troncais, en cuarto curso.
c) Unha materia do bloque de materias específicas cursada en calquera dos cursos, que non sexa Educación Física nin Relixión ou Valores Éticos.
2. Poderán presentarse a esta avaliación os alumnos e as alumnas que obtivesen ou ben avaliación positiva en todas as materias ou ben negativa nun máximo de dúas materias, sempre que non sexan simultaneamente Lingua Galega e Literatura e Matemáticas, ou Lingua Castelá e Literatura e Matemáticas. Para estes efectos:
a) Só se computarán as materias que como mínimo o alumno ou alumna deben cursar en cada un dos bloques.
b) No bloque de materias de libre configuración autonómica só se computará Lingua Galega e Literatura, con independencia de que os/as devanditos/as alumnos/as poidan cursar máis materias do referido bloque.
c) As materias coa mesma denominación en diferentes cursos de educación secundaria obrigatoria consideraranse como materias distintas.
3. De acordo co disposto nos artigos 6 bis.2.b) e 29.4 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, correspóndelle ao Ministerio de Educación, Cultura e Deporte establecer as características das probas; o seu deseño e o seu contido estableceranse para cada convocatoria. No caso de Lingua Galega e Literatura, estas funcións correspóndenlle á consellería con competencias en materia de educación.
4. A materia de Lingua Galega e Literatura terase en conta para o cálculo da nota obtida nas devanditas avaliacións finais na mesma proporción que a materia de Lingua Castelá e Literatura. Terán exención da realización destas probas os alumnos e as alumnas que estean exentos/as de cursar ou de ser avaliados/as da materia Lingua Galega e Literatura, segundo a normativa autonómica correspondente.
5. A superación desta avaliación requirirá unha cualificación igual ou superior a 5 puntos sobre 10.
6. Os alumnos e as alumnas poderán realizar a avaliación por calquera das dúas opcións de ensinanzas académicas ou de ensinanzas aplicadas, con independencia da opción cursada en cuarto curso de educación secundaria obrigatoria, ou por ambas as opcións na mesma convocatoria. No caso de que realicen a avaliación por unha opción non cursada, serán avaliados/as das materias requiridas para superar a avaliación final pola devandita opción que non tivesen superadas, elixidas polo/pola propio/a alumno/a dentro do bloque de materias troncais.
7. Os alumnos e as alumnas que non superasen a avaliación pola opción escollida ou que desexen elevar a súa cualificación final de educación secundaria obrigatoria poderán repetir a avaliación en convocatorias sucesivas, logo de solicitalo. Os alumnos e as alumnas que superasen esta avaliación por unha opción poderán presentarse de novo á avaliación pola outra opción se o desexan e, de non superala en primeira convocatoria, poderán repetila en convocatorias sucesivas, logo de solicitalo. Tomarase en consideración a cualificación máis alta das obtidas nas convocatorias que o alumno ou a alumna superen. Non será necesario que se avalíe de novo o alumnado que se presente en segunda ou sucesivas convocatorias das materias que xa teña superadas, salvo que desexe elevar a súa cualificación final.
8. A consellería con competencias en materia de educación poderá establecer plans específicos de mellora naqueles centros docentes públicos cuxos resultados sexan inferiores aos valores que, para tal obxecto, determine. En relación cos centros docentes concertados, atenderase á normativa reguladora do concerto correspondente.
9. Os centros docentes, de acordo cos resultados obtidos polo seu alumnado e en función do diagnóstico e da información proporcionados por eses resultados, establecerán medidas ordinarias ou extraordinarias en relación coas súas propostas curriculares e a súa práctica docente. Estas medidas fixaranse en plans de mellora de resultados colectivos ou individuais que permitan, en colaboración coas familias e empregando os recursos de apoio educativo facilitados pola consellería con competencias en materia de educación, incentivar a motivación e o esforzo dos alumnos e das alumnas para arranxar as dificultades.
10. A consellería con competencias en materia de educación poderá establecer medidas de atención personalizada dirixidas aos alumnos e ás alumnas que, presentándose á avaliación final de educación secundaria obrigatoria, non a superaran.