02 Aneae e anee. ESO. BAC
Índice tema

Decreto 229/2011

Artigo 17. Escolarización nos centros ordinarios.

1. Os centros ordinarios constitúen o referente básico para os efectos da escolarización.

2. A escolarización en educación infantil poderá, excepcionalmente, aumentarse ou reducirse nun ano respecto do establecido con carácter xeral, en función, respectivamente, das necesidades educativas especiais ou das altas capacidades do alumnado. En ningún caso se poderá permanecer en educación infantil máis alá do ano natural en que se cumpran os sete de idade nin comezar a educación primaria antes do ano natural en que se cumpran os cinco anos.

3. Cando en educación infantil, de acordo co procedemento establecido, se opte pola permanencia dunha nena ou neno con necesidades educativas especiais un ano máis no primeiro ciclo, a súa incorporación ao segundo ciclo realizarase ao primeiro curso dese ciclo, aínda que non se axuste ás condicións de idade requiridas con carácter xeral. Este alumnado poderá optar á reserva de prazas establecida con carácter xeral para o alumnado con necesidade específica de apoio educativo que se escolariza no primeiro curso do segundo ciclo de educación infantil.

4. A escolarización en educación primaria poderá, excepcionalmente, aumentarse ou reducirse nun ano respecto do establecido con carácter xeral, en función, respectivamente, das necesidades educativas especiais ou das altas capacidades do alumnado. En ningún caso se poderá permanecer en educación primaria máis alá do ano natural en que se cumpran os quince de idade nin comezar a educación secundaria obrigatoria antes do ano natural en que se cumpran os dez anos.

5. A escolarización en educación secundaria obrigatoria poderá, excepcionalmente, aumentarse ou reducirse nun ano respecto do establecido con carácter xeral, en función das necesidades educativas especiais ou das altas capacidades do alumnado, respectivamente. En ningún caso se poderá permanecer en educación secundaria obrigatoria máis alá do ano natural en que se cumpran os dezanove anos, agás en unidades ou centros de educación especial, que se poderá prolongar ata o ano natural en que se cumpran os vinte e un de idade.

Artigo 19. Escolarización en unidades de educación especial.

1. A consellería con competencias en materia de educación poderá crear ou autorizar unidades de educación especial en centros ordinarios cando se entenda como o recurso máis adecuado para atender ás necesidades educativas especiais de determinado alumnado, facilitando a participación e a posibilidade de compartir actividades e espazos do centro ordinario que favorezan a inclusión.

2. A escolarización do alumnado en unidades de educación especial, combinada ou a tempo completo, e a organización da súa atención educativa, estarán suxeitas ás mesmas condicións e procedementos que os dispostos para os centros de educación especial.

3. A escolarización do alumnado a tempo completo nunha unidade de educación espe- cial poderá prolongarse un terceiro ano en educación primaria e un cuarto en educación secundaria obrigatoria, nos termos establecidos pola consellería con competencias en materia de educación e respectando o límite de 15 anos nas unidades dos centros ordinarios de educación primaria e de 21 anos nos de educación secundaria obrigatoria, cumpridos, en ambos os casos, no ano natural en que remata o curso escolar.

4. Os proxectos educativos dos centros ordinarios que conten con unidades de educación especial incluirán os aspectos singulares da organización e funcionamento que as caracterizan.

Artigo 20. Escolarización en centros de educación especial.

1. Enténdese por centro de educación especial aquel onde se escolariza, exclusivamente, alumnado con necesidades educativas especiais que require modificacións significativas do currículo en parte ou en todas as áreas ou materias e que precisa da utilización de recursos moi específicos ou excepcionais, necesidades que non poden ser atendidas e recursos que non se poden facilitar dentro das medidas de atención á diversidade dos centros educativos ordinarios.

2. A escolarización nos centros de educación especial realizarase segundo o procedemento que estableza a consellería con competencias en materia de educación.

3. A competencia para a escolarización nos centros de educación especial corresponde á xefatura territorial e deberá contar co ditame de escolarización emitido polos servizos de Orientación, co informe do Servizo de Inspección Educativa e coa manifestación por escrito da vontade das nais, pais ou titores e titoras legais.

4. O alumnado escolarizado a tempo completo nun centro de educación especial poderá prolongar a súa escolarización un terceiro ano en educación primaria e un cuarto en edu- cación secundaria obrigatoria, nos termos establecidos pola consellería con competencias en materia de educación e respectando o límite de 21 anos de idade para a permanencia do alumnado nos centros de educación especial, cumpridos no ano natural en que finaliza o curso escolar.

5. As ensinanzas nos centros de educación especial e nas unidades de educación especial dos centros ordinarios abordarán unha educación básica obrigatoria e unha formación profesional adaptada e de transición á vida adulta. A educación básica a que se refire o punto anterior terá unha duración mínima de dez anos e centrarase no desenvolvemento dos obxectivos e competencias básicas no grao en que as características persoais do alumnado o posibiliten. A formación profesional adaptada estará encamiñada á adquisición de competencias profesionais e das habilidades da vida diaria que lle permitan ao alumnado desenvolverse coa máxima autonomía posible. Esta formación, de ser o caso, poderá ter efectos de acreditación das competencias profesionais adquiridas en relación co Sistema Nacional de Cualificacións e Formación Profesional. A consellería con competencias en materia de educación establecerá a ordenación das ditas ensinanzas.

6. Os centros de educación especial, para efectos de organización e funcionamento, contarán con regulación específica adaptada ás súas peculiaridades. é competencia da consellería con competencias en materia de educación esa regulación.

7. Nos termos que estableza a consellería con competencias en materia de educación, os centros de educación especial poderán constituírse como centros de recursos específicos, poñendo á disposición dos centros ordinarios os materiais e recursos de que dispoñen, centralizando os recursos máis especializados e exercendo os labores de asesoramento e atención ambulatoria que se determinen. Igualmente, fomentarán o intercambio de experiencias e a difusión de boas prácticas docentes.