02 ANEAE e ANEE

Flexibilización. Outras disposicións.

Decreto 130/2007, do 28 de xuño (DOG, 09/07/09). Art 15º.3.Art. 15º.4.Art. 16º.6.

Artigo 15.-Atención á diversidade.

3. A escolarización do alumnado que se incorpora tardiamente ao sistema educativo por proceder doutros países ou por calquera outro motivo realizarase atendendo ás súas circunstancias, coñecementos, idade e historial académico.

Cando presente graves carencias na lingua de escolarización do centro, realizará un programa de inmersión lingüística que será, en todo caso, simultáneo á escolarización nos grupos ordinarios, cos cales compartirá o maior tempo posible de horario semanal, nos termos que estableza a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Os alumnos e alumnas que presenten un desfase no seu nivel de competencia curricular de máis dun ciclo poderán ser escolarizados nun curso inferior ao que lles correspondería por idade. Neste caso, o centro educativo adoptará as medidas de reforzo educativo máis adecuadas para facilitar a súa integración escolar e a recuperación do desfase curricular. No suposto de superar o dito desfase, incorporaranse ao curso que lles corresponde pola súa idade.

4. A escolarización do alumnado con altas capacidades intelectuais flexibilizarase de tal forma que se poida anticipar un curso o inicio da escolarización nesta etapa educativa ou reducir a súa duración cando se prevexa que estas son as medidas máis adecuadas para o desenvolvemento do seu equilibrio persoal e a súa socialización, ou poderá enriquecerse o currículo, nos termos que estableza a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Artigo 16-Alumnado con necesidades educativas especiais.

6. Sen prexuízo da permanencia durante un curso máis no mesmo ciclo, prevista no artigo 9.4º do presente decreto, a escolarización deste alumnado na educación primaria en centros ordinarios poderá prolongarse un ano máis, sempre que se favoreza a súa integración socioeducativa.