02 Aneae e anee
Índice tema

LOE (BOE 04/05/06). Artigos 74º, 77º, 78º, 81º, 84º, 86º, 87º e 88º. Modificacións introducidas pola Lei Orgánica 8/2013, de 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa. Apartados 59, 60, 62, 66.


TÍTULO II
EQUIDADE NA EDUCACIÓN

CAPÍTULO I
ALUMNADO CON NECESIDADE ESPECÍFICA DE APOIO EDUCATIVO

SECCIÓN PRIMEIRA. ALUMNADO QUE PRESENTA NECESIDADES EDUCATIVAS ESPECIAIS

Artículo 74. Escolarización.

1. A escolarización do alumnado que presenta necesidades educativas especiais rexerase polos principios de normalización e inclusión e asegurará a súa non discriminación e a igualdade efectiva no acceso e a permanencia no sistema educativo, podendo introducirse medidas de flexibilización das distintas etapas educativas, cando se considere necesario. A escolarización deste alumnado en unidades ou centros de educación especial, que se poderá estender ata os vinte e un anos, só se levará a cabo cando as súas necesidades non poidan ser atendidas no marco das medidas de atención á diversidade dos centros ordinarios.

2. A identificación e valoración das necesidades educativas deste alumnado realizarao, da forma máis temperá posible, persoal coa debida cualificación e nos termos que determinen as administracións educativas.

3. Ao finalizar cada curso avaliaranse os resultados conseguidos por cada un dos alumnos en función dos obxectivos propostos a partir da valoración inicial. A devandita avaliación permitirá proporcionarlles a orientación adecuada e modificar o plan de actuación así como a modalidade de escolarización, de modo que se poida favorecer, sempre que sexa posible, o acceso do alumnado a un réxime de maior integración.

4. Correspóndelles ás administracións educativas promover a escolarización na educación infantil do alumnado que presente necesidades educativas especiais e desenvolver programas para a súa adecuada escolarización nos centros de educación primaria e secundaria obrigatoria.

5. Correspóndelles así mesmo ás administración educativas favorecer que o alumnado con necesidades educativas especiais poida continuar a súa escolarización de maneira adecuada nas ensinanzas postobrigatorias, así como adaptar as condicións de realización das probas establecidas

SECCIÓN SEGUNDA. ALUMNADO CON ALTAS CAPACIDADES INTELECTUAIS

Artigo 77. Escolarización.

O Goberno, logo de consulta ás comunidades autónomas, establecerá as normas para flexibilizar a duración de cada unha das etapas do sistema educativo para os alumnos con altas capacidades intelectuais, con independencia da súa idade.

SECCIÓN TERCEIRA. ALUMNOS CON INTEGRACIÓN TARDÍA NO SISTEMA EDUCATIVO ESPAñOL

Artigo 78. Escolarización.

1. Correspóndelles ás administracións públicas favorecer a incorporación ao sistema educativo dos alumnos que, por proceder doutros países ou por calquera outro motivo, se incorporen de forma tardía ao sistema educativo español. Esta incorporación garantirase, en todo caso, na idade de escolarización obrigatoria.

2. As administracións educativas garantirán que a escolarización do alumnado que acceda de forma tardía ao sistema educativo español se realice atendendo ás súas circunstancias, coñecementos, idade e historial académico, de modo que se poida incorporar ao curso máis adecuado ás súas características e coñecementos previos, cos apoios oportunos, e desta forma continuar con aproveitamento a súa educación.

CAPÍTULO II. COMPENSACIÓN DAS DESIGUALDADES EN EDUCACIÓN

Artigo 81. Escolarización.

1. Correspóndelles ás administracións educativas asegurar unha actuación preventiva e compensatoria garantindo as condicións máis favorables para a escolarización, durante a etapa de educación infantil, de todos os nenos cuxas condicións persoais supoñan unha desigualdade inicial para acceder á educación básica e para progresar nos niveis posteriores.

2. Correspóndelles ás administracións educativas adoptar medidas singulares naqueles centros escolares ou zonas xeográficas en que resulte necesaria unha intervención educativa compensatoria.

3. Na educación primaria, as administracións educativas garantiranlles a todos os alumnos un posto escolar gratuíto no seu propio municipio ou na zona de escolarización establecida.

4. Sen prexuízo do disposto no capítulo I deste mesmo título, as administracións educativas dotarán os centros públicos e privados concertados dos recursos humanos e materiais necesarios para compensar a situación dos alumnos que teñan dificultades especiais para alcanzar os obxectivos da educación obrigatoria, debido ás súas condicións sociais.


CAPÍTULO III. ESCOLARIZACIÓN EN CENTROS PÚBLICOS E PRIVADOS CONCERTADOS

Artigo 84. Admisión de alumnos.

1. As administracións educativas regularán a admisión de alumnos en centros públicos e privados concertados de tal forma que garanta o dereito á educación, o acceso en condicións de igualdade e a liberdade de elección de centro por parte dos pais ou titores. En todo caso, atenderase a unha adecuada e equilibrada distribución entre os centros escolares dos alumnos con necesidade específica de apoio educativo.

Modificación introducida polo apartado 60 do art. único da LOMCE.

O apartado 2 do artigo 84 queda redactado da seguinte maneira:

2. Cando non existan prazas dabondo, o proceso de admisión rexerase polos criterios prioritarios de existencia de irmáns matriculados no centro, pais, nais ou titores legais que traballen neste, proximidade do domicilio ou do lugar de traballo dalgún dos seus pais, nais ou titores legais, rende per cápita da unidade familiar e condición legal de familia numerosa e concorrencia de minusvalidez no alumno ou alumna ou nalgún dos seus pais, nais ou irmáns, sen que ningún deles teña carácter excluínte e sen prexuízo do establecido no apartado 7 deste artigo.
Non obstante, aqueles centros que teñan recoñecida unha especialización curricular polas Administracións educativas, ou que participen nunha acción destinada a fomentar a calidade dos centros docentes das descritas no artigo 122 bis, poderán reservar ao criterio do rendemento académico do alumno ou alumna ata un 20 por cento da puntuación asignada ás solicitudes de admisión a ensinanzas postobrigatorias. A devandita porcentaxe poderá reducirse ou modularse cando sexa necesario para evitar a ruptura de criterios de equidade e de cohesión do sistema.»

Modificación introducida polo apartado 61 do art. único da LOMCE.

O apartado 3 do artigo 84 queda redactado do seguinte xeito:

En ningún caso haberá discriminación por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra condición ou circunstancia persoal ou social.
Non constitúe discriminación a admisión de alumnos e alumnas ou a organización do ensino diferenciadas por sexos, sempre que o ensino que impartan se desenvolva conforme ao disposto no artigo 2 da Convención relativa á loita contra as discriminacións na esfera do ensino, aprobada pola Conferencia Xeral da UNESCO o 14 de decembro de 1960.
En ningún caso a elección da educación diferenciada por sexos poderá implicar para as familias, alumnos e alumnas e centros correspondentes un trato menos favorable, nin unha desvantaxe, á hora de subscribir concertos coas Administracións educativas ou en calquera outro aspecto. A estes efectos, os centros deberán expoñer no seu proxecto educativo as razóns educativas da elección do devandito sistema, así como as medidas académicas que desenvolven para favorecer a igualdade.
4. As administracións educativas poderán solicitar a colaboración doutras instancias administrativas para garantir a autenticidade dos datos que os interesados e os centros acheguen no proceso de admisión do alumnado.
5. Os centros públicos adscritos a outros centros públicos, que impartan etapas diferentes, consideraranse centros únicos para os efectos de aplicación dos criterios de admisión do alumnado establecidos nesta lei. Así mesmo, nos centros públicos que ofrezan varias etapas educativas o procedemento inicial de admisión realizarase ao comezo daquela que corresponda á menor idade.
6. Correspóndelles ás administracións educativas establecer o procedemento e as condicións para a adscrición de centros públicos a que se refire o punto anterior, respectando a posibilidade de libre elección de centro.

Modificación introducida polo apartado 62 do art. único da LOMCE.

O apartado 7 do artigo 84 queda redactado da seguinte maneira:

7. Nos procedementos de admisión de alumnos e alumnas en centros públicos que impartan Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria ou Bacharelato, cando non existan prazas abondo, terán prioridade aqueles alumnos e alumnas que procedan dos centros de Educación Infantil, Educación Primaria ou Educación Secundaria Obrigatoria, respectivamente, que teñan adscritos. No caso dos centros privados concertados seguirase un procedemento análogo, sempre que as devanditas ensinanzas estean sostidas con fondos públicos.
Así mesmo, terán prioridade na área de escolarización que corresponda ao domicilio ou ao lugar de traballo dalgún dos seus pais, nais ou titores legais aqueles alumnos e alumnas cuxa escolarización en centros públicos e privados concertados veña motivada por traslado da unidade familiar debido á mobilidade forzosa de calquera dos pais, nais ou titores legais, ou a un cambio de residencia derivado de actos de violencia de xénero.»
8. Nos centros privados concertados, que impartan varias etapas educativas, o procedemento inicial de admisión realizarase ao comezo da oferta do curso que sexa obxecto de concerto e que corresponda á menor idade.Este procedemento realizarase de acordo co establecido para os centros públicos.
9. A matriculación dun alumno nun centro público ou privado concertado suporá respectar o seu proxecto educativo, sen prexuízo dos dereitos recoñecidos aos alumnos e ás súas familias nas leis e o establecido no punto 3 deste artigo.
10. A información de carácter tributario que se precisa para a acreditación das condicións económicas a que se refire o artigo 84.2 desta lei, subministraranlla directamente á Administración educativa a Axencia Estatal de Administración Tributaria e os órganos competentes da Comunidade Autónoma do País Vasco e a Comunidade Foral de Navarra, a través de medios informáticos ou telemáticos, no marco de colaboración que se estableza nos termos e cos requisitos a que se refire a disposición adicional cuarta da Lei 40/1998, do 9 de decembro, do imposto sobre a renda das persoas físicas e outras normas tributarias, e as disposicións que as desenvolven.
11. Na medida en que a través do indicado marco de colaboración se poida dispoñer da devandita información, non se lles exixirá aos interesados que acheguenindividualmente certificacións expedidas pola Axencia Estatal de Administración Tributaria e polos órganos mencionados no punto anterior, nin a presentación, en orixinal, copia ou certificación, das súas declaracións tributarias. Nestes supostos, o certificado será substituído por declaración responsable do interesado de que cumpre as obrigas sinaladas, así como autorización expresa deste para que a Axencia Estatal de Administración Tributaria ou os órganos competentes da Comunidade Autónoma do País Vasco e da Comunidade Foral de Navarra, subministren a información á Administración educativa.

Artigo 86. Igualdade na aplicación das normas de admisión.

1. As administracións educativas garantirán a igualdade na aplicación das normas de admisión, o que inclúe o establecemento das mesmas áreas de influencia para os centros públicos e privados concertados, dun mesmo municipio ou ámbito territorial.

2. Sen prexuízo das competencias que lles son propias, as administracións educativas poderán constituír comisións ou órganos de garantías de admisión, que se deberán en todo caso, constituír cando a demanda de prazas nalgún centro educativo do ámbito de actuación da comisión supere a oferta. Estas comisións recibirán dos centros toda a información e documentación precisa para o exercicio destas funcións. As devanditas comisión supervisarán o proceso de admisión de alumnos, o cumprimento das normas que o regulan e proporanlles ás administracións educativas as medidas que consideren adecuadas. Estas comisións ou órganos estarán integrados por representantes da Administración educativa, da Administración local, dos pais, dos profesores e dos centros públicos e privados concertados.

Modificación introducida polo apartado 65 do art. único da LOMCE.

O apartado 3 do artigo 86 queda redactado da seguinte maneira:

3. As familias poderán presentar ao centro en que desexen escolarizar os seus fillos as solicitudes de admisión, que, en todo caso, deberán ser tramitadas. Os centros docentes deberán ser informados das solicitudes de admisión que lles afecten.»

Artigo 87. Equilibrio na admisión de alumnos.

1. Co fin de asegurar a calidade educativa para todos, a cohesión social e a igualdade de oportunidades, as administracións garantirán unha adecuada e equilibrada escolarización do alumnado con necesidade específica de apoio educativo. Para iso, establecerán a proporción de alumnos destas características que deban ser escolarizados en cada un dos centros públicos e privados concertados e garantirán os recursos persoais e económicos necesarios aos centros para ofrecer ese apoio.

Modificación introducida polo apartado 66 do art. único da LOMCE.

O apartado 2 do artigo 87 queda redactado do seguinte xeito:

2. Para facilitar a escolarización e garantir o dereito á educación do alumnado con necesidade específica de apoio educativo, as Administracións educativas deberán reservarlle ata o final do período de preinscrición e matrícula unha parte das prazas dos centros públicos e privados concertados.
Así mesmo, poderán autorizar un incremento de ata un dez por cento do número máximo de alumnos e alumnas por aula nos centros públicos e privados concertados dunha mesma área de escolarización, ben para atender necesidades inmediatas de escolarización do alumnado de incorporación tardía, ben por necesidades que vingan motivadas por traslado da unidade familiar en período de escolarización extraordinaria debido á mobilidade forzosa de calquera dos pais, nais ou titores legais.

3. As administracións educativas adoptarán as medidas de escolarización previstas nos puntos anteriores atendendo ás condicións socioeconómicas e demográficas da área respectiva, así como ás de índole persoal ou familiar do alumnado que supoñan unha necesidade específica de apoio educativo.

4. Os centros públicos e privados concertados están obrigados a manter escolarizados todos os seus alumnos, ata o final do ensino obrigatorio, salvo cambio de centro producido por vontade familiar ou por aplicación dalgún dos supostos previstos na normativa sobre dereitos e deberes dos alumnos.

Artigo 88. Garantías de gratuidade.

1. Para garantir a posibilidade de escolarizar todos os alumnos sen discriminación por motivos socioeconómicos, en ningún caso poderán os centros públicos ou privados concertados percibir cantidades das familias por recibir as ensinanzas de carácter gratuíto, impoñerlles ás familias a obriga de facer achegas a fundacións ou asociación nin establecer servizos obrigatorios, asociados ás ensinanzas, que requiran achega económica, por parte das familias dos alumnos. No marco do disposto no artigo 51 da Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo, reguladora do dereito á educación, quedan excluídas desta categoría as actividades extraescolares, as complementarias, e os servizos escolares que, en todo caso, terán carácter voluntario.

2. As administracións educativas dotarán os centros dos recursos necesarios para facer posible a gratuidade das ensinanzas de carácter gratuíto.