02 Aneae e anee
Índice tema

Orde 22 xullo 1997.

Cando os alumnos, podendo seguir os programas do seu propio ciclo, necesiten unha medida ordinaria de atención denominada reforzo educativo, serán avaliados tomando como referente os criterios e procedementos de avaliación do centro. Se o dito reforzo educativo implica a intervención do profesorado especialista de apoio en pedagoxía terapéutica, en audición e linguaxe ou de apoio a invidentes, estes participarán na avaliación dos seus aspectos relacionados coa súa atención.

Orde do 25 de xuño de 2009.

A valoración do proceso de aprendizaxe expresarase en termos cualitativos, recollendo os progresos efectuados polas nenas e nenos e, se é o caso, as medidas de reforzo e adaptación levadas a cabo.

Orde do 23 de novembro de 2007.

A avaliación continua ten carácter formativo e permite incorporar medidas de ampliación, enriquecemento e reforzo para todo o alumnado en función das necesidades que deriven da avaliación do proceso educativo. Estas medidas adoptaranse desde o momento en que se identifiquen e en calquera momento do ciclo, e estarán dirixidas a garantir a adquisición das aprendizaxes imprescindibles para continuar o proceso educativo.

4.1. As sesións de avaliación serán coordinadas pola persoa titora do grupo e nelas participará o profesorado que imparte docencia no grupo e poderá contar co asesoramento do departamento de orientación. Nelas valoraranse as aprendizaxes acadadas por cada alumna e cada alumno, o grao de desenvolvemento das competencias básicas e, se é o caso,as medidas adoptadas ou que se deben adoptar.

5.1. A avaliación do alumnado con necesidade específica de apoio educativo rexerase, con carácter xeral, polo disposto nesta orde.

5.2. Sen prexuízo do anteriormente indicado, na avaliación do alumnado que presente necesidades educativas especiais e que curse as ensinanzas correspondentes á educación primaria con adaptacións curriculares significativas, os criterios de avaliación establecidos nelas serán o referente fundamental para a súa avaliación e promoción.