Incluiranse nesta epígrafe os xuros de activos financeiros que aínda gozan da bonificación do 95 por 100 do antigo imposto sobre as rendas do capital, conforme o réxime transitorio previsto na disposición transitoria undécima do texto refundido da Lei do imposto sobre sociedades. As retencións correspondentes a estes rendementos que non foron practicadas efectivamente terán, non obstante, a consideración de deducibles.
Estes beneficios recoñécenselles ás sociedades concesionarias de autoestradas de peaxe
que tivesen recoñecidos beneficios o día 1 de xaneiro de 1979 para as operacións de financiamento e refinanciamento en función da súa lexislación específica e do establecido na disposición transitoria terceira, alínea 2, da Lei 61/1978, do 27 de decembro, e as súas normas de desenvolvemento. Así mesmo, os suxeitos pasivos que na data de entrada en vigor da Lei 43/1995, do 27 de decembro, gozasen da bonificación a que se refiren o artigo 25.c) da Lei 61/1978, do 27 de decembro; o artigo 1 do Real decreto lei 5/1980, do 29 de maio, sobre bonificación das cotas do imposto sobre sociedades, correspondente aos xuros que han de satisfacer as corporacións locais, comunidades autónomas e Estado, en razón de determinados préstamos ou empréstitos; os artigos 6.5 e 20 da Lei 12/1988, do 25 de maio, de beneficios fiscais relativos á Exposición Universal Sevilla 1992, aos actos conmemorativos do V Centenario do Descubrimento de América e aos Xogos Olímpicos de Barcelona 1992, e o artigo 6.5 da Lei 30/1990, do 27 de decembro, de beneficios fiscais relativos a Madrid Capital Europea da Cultura 1992, de acordo cunha resolución acordada polo Ministerio de Economía e Facenda, continuarán aplicándoa nos termos establecidos nas normas respectivas.
FORMA DE CUBRIR
A través dunha ventá de captura de datos farase constar a seguinte información, que figurará normalmente na certificación de rendementos que facilita a entidade bancaria depositaria dos títulos.
INGRESOS
Faranse constar nesta epígrafe os xuros explícitos obtidos de activos financeiros con dereito a bonificación.
RETENCIÓNS
Así mesmo, indicaranse nas epígrafes correspondentes as retencións efectivamente practicadas e a retención deducible.
O importe das retencións non practicadas efectivamente que, non obstante, teñen a consideración de deducibles da cota será trasladado polo programa ao recadro 588 da páxina 16 da declaración.
GASTOS DE ADMINISTRACIÓN E DEPÓSITO DE VALORES NEGOCIABLES (art. 26.1.a) da lei)
Para a determinación do rendemento neto, deduciranse dos rendementos íntegros exclusivamente os gastos de administración e depósito de valores negociables.
Para estes efectos, considéranse como gastos de administración e depósito aqueles importes que repercutan as empresas de servizos de investimento, entidades de crédito ou outras entidades financeiras que, de acordo coa Lei 24/1988, do 28 de xullo, do mercado de valores, teñan por finalidade retribuír a prestación derivada da realización por conta dos seus titulares do servizo de depósito de valores representados en forma de títulos ou da administración de valores representados en anotacións en conta.
Non serán deducibles as contías que supoñan a contraprestación dunha xestión discrecional e individualizada de carteiras de investimento, onde se produza unha disposición dos investimentos efectuados por conta dos titulares conforme os mandatos conferidos por estes.