VALOR DE TRANSMISIÓN (ELEMENTOS NON AFECTOS).

 

VALOR DE TRANSMISIÓN (elementos non afectos)

Tras indicar as datas de transmisión e adquisición, a través dunha ventá de captura de datos deberá facilitar os seguintes datos:

-   Importe da transmisión

Como regra xeral, consignarase o importe real polo que o alleamento se efectuase.

Por importe real do valor de alleamento tomarase o efectivamente satisfeito, sempre que non resulte inferior ao normal de mercado, en cuxo caso prevalecerá este.

Cando a transmisión fose a título lucrativo (herdanza ou doazón), tomarase por importe real o que resulte da aplicación das normas do imposto sobre sucesións e doazóns.

-   Valor para os efectos do imposto sobre o patrimonio do ano 2005 (exclusivamente para valores negociados en mercados organizados adquiridos antes do 31-12-1994)

Consignarase o valor para os efectos do imposto sobre o patrimonio do ano 2005. O dito valor será o valor de negociación media correspondente ao cuarto trimestre de 2005 recollido na Orde do Ministerio de Economía e Facenda EHA/492/2006, do 17 de febreiro. O valor que debe reflectir será o resultado de multiplicar o número de accións polo seu valor unitario.

 

-   Gastos da transmisión

Consignaranse os gastos e tributos inherentes á transmisión en canto resulten satisfeitos polo transmisor.

 

-   OPERACIÓNS A PRAZOS: importe cobrado no ano 2014 (art. 14.2.d) da lei)

Considéranse operacións a prazos ou con prezo aprazado aquelas cuxo prezo se perciba, total ou parcialmente, mediante pagamentos sucesivos, sempre que o período transcorrido entre a entrega ou a posta á disposición e o vencemento do último prazo sexa superior ao ano.

No caso de operacións a prazos ou con prezo aprazado, o contribuínte poderá optar por imputar proporcionalmente as rendas obtidas en tales operacións, a medida que se fagan esixibles os cobramentos correspondentes.

Se se trata dunha operación a prazos ou con prezo aprazado, consignarase unha X no recadro establecido para o efecto e indicarase a parte do importe de transmisión cobrada no ano 2014, salvo que se opte por imputar integramente a ganancia ou perda patrimonial ao momento da transmisión.

O exercicio da acción para a imputación temporal da aplicación do criterio de cobramentos aprazados débese efectuar elemento por elemento, consignando unha X no recadro habilitado para o efecto que corresponda ao elemento patrimonial.

 

En caso de que a operación se realizase ao contado, deberá deixarse este recadro sen cubrir.

 

-   EXENCIÓN POR REINVESTIMENTO (VIVENDA HABITUAL)

Cando a ganancia patrimonial proveña do alleamento da vivenda habitual e a cantidade obtida na transmisión se reinvista total ou parcialmente na adquisición doutra vivenda habitual, deberá reflectirse o importe reinvestido ou que se vaia reinvestir, sempre que se cumpran as  condicións regulamentariamente previstas para exonerar de gravame a ganancia derivada da venda.

O programa calculará a ganancia patrimonial obtida e o importe exento e trasladará os datos á epígrafe G3.

 

•    Importe reinvestido:

            Importe reinvestido ata o 31-12-2014

Indicarase o importe reinvestido durante o ano 2014 na adquisición dunha nova vivenda habitual.

O reinvestimento deberá efectuarse, dunha soa vez ou sucesivamente, nun período non superior a dous anos.

 

            Importe comprometido a reinvestir, despois de 2014, nos dous anos seguintes

Farase constar o importe cuxo reinvestimento se compromete a efectuar nos dous anos seguintes á transmisión da vivenda anterior.

Entenderase que o reinvestimento se efectúa dentro de prazo cando a venda se efectuase a prazos ou con prezo aprazado, sempre que o importe dos prazos se destine á finalidade indicada dentro do período impositivo en que se vaian percibindo.

 

•    Préstamo para a adquisición da vivenda transmitida pendente de amortizar

Se para adquirir a vivenda transmitida o contribuínte utilizase financiamento alleo, indicarase neste recadro o principal do préstamo que se encontre pendente de amortizar no momento da transmisión.

 

-   OPERACIÓNS DE RECOMPRA DO ELEMENTO TRANSMITIDO

Marcarase este recadro se a transmisión orixina unha perda e os elementos patrimoniais transmitidos (ou valores homoxéneos) foron adquiridos novamente nos prazos e condicións previstos no artigo 33.5, alíneas e), f) e g) da Lei do imposto, xa que a perda patrimonial non se deberá computar ata que non se produza a posterior transmisión definitiva dos elementos patrimoniais (ou valores homoxéneos) readquiridos. Non obstante, a perda deberá ser declarada e cuantificada na declaración do exercicio no que se xerase, aínda que non se integre para os efectos liquidatorios.

-   GANANCIAS PATRIMONIAIS OBTIDAS POLA TRANSMISIÓN DE INMOBLES URBANOS ADQUIRIDOS DE FORMA ONEROSA ENTRE O 12 DE MAIO E O 31 DE DECEMBRO DE 2012 

Deberá marcar cunha X no recadro correspondente se a ganancia producida é polo alleamento dun inmoble urbano adquirido entre as datas 12 de maio de 2012 e 31 de decembro de 2012.