VALOR DE TRANSMISIÓN (ELEMENTOS AFECTOS).
A través dunha ventá de captura de datos aparecen os seguintes conceptos:
- TRANSPORTE POR AUTOTAXIS: transmisión de activos fixos intanxibles
Marcarase cunha X este recadro cando a ganancia ou perda se derive da transmisión de activos fixos intanxibles (licenza do taxi) realizada por un contribuínte que exerza a actividade de transporte por autotaxis, clasificada na epígrafe 721.2 do IAE, que determine o seu rendemento neto polo réxime de estimación obxectiva e teña dereito ao réxime especial de redución da ganancia patrimonial producida.
- IMPORTE DA TRANSMISIÓN
Como regra xeral, consignarase o importe real polo que o alleamento se efectuase.
Por importe real do valor de alleamento tomarase o efectivamente satisfeito, sempre que non resulte inferior ao normal de mercado, en cuxo caso prevalecerá este.
Cando a transmisión fose a título lucrativo (herdanza ou doazón), tomarase por importe real o que resulte da aplicación das normas do imposto sobre sucesións e doazóns.
- GASTOS DA TRANSMISIÓN
Consignaranse os gastos e tributos inherentes á transmisión en canto resulten satisfeitos polo transmisor.
- OPERACIÓNS A PRAZOS: importe cobrado no ano 2014 (art. 14.2.d) da lei)
Considéranse operacións a prazos ou con prezo aprazado aquelas cuxo prezo se perciba, total ou parcialmente, mediante pagamentos sucesivos, sempre que o período transcorrido entre a entrega ou a posta a disposición e o vencemento do último prazo sexa superior ao ano.
No caso de operacións a prazos ou con prezo aprazado, o contribuínte poderá optar por imputar proporcionalmente as rendas obtidas en tales operacións, a medida que se fagan esixibles os cobramentos correspondentes.
Se se trata dunha operación a prazos ou con prezo aprazado, consignarase unha X no recadro establecido para o efecto e indicarase a parte do importe de transmisión cobrada no ano 2014, salvo que se opte por imputar integramente a ganancia ou perda patrimonial ao momento da transmisión.
En caso de que a operación se realizase ao contado, deberá deixarse este recadro sen cubrir.
- OPERACIÓNS DE RECOMPRA DO ELEMENTO TRANSMITIDO
Marcarase este recadro se a transmisión orixina unha perda e os elementos patrimoniais transmitidos foron adquiridos novamente nos prazos e condicións previstos no artigo 33.5, alíneas e), f) e g) da Lei do imposto, xa que a perda patrimonial non se deberá computar ata que non se produza a posterior transmisión definitiva dos elementos patrimoniais readquiridos. A perda deberá ser declarada e cuantificada na declaración do exercicio no que se xerase, aínda que non se integre para os efectos liquidatorios.