VALOR DE TRANSMISIÓN (ELEMENTOS NON AFECTOS)
VALOR DE TRANSMISIÓN (elementos non afectos)
Tras indicar as datas de transmisión e adquisición, a través dunha ventá de captura de datos deberá facilitar os seguintes datos:
- Importe da transmisión
Como regra xeral, consignarase o importe real polo que o alleamento se efectuase.
Por importe real do valor de alleamento tomarase o efectivamente satisfeito, sempre que non resulte inferior ao normal de mercado, en cuxo caso prevalecerá este.
Cando a transmisión fose a título lucrativo (herdanza ou doazón), tomarase por importe real o que resulte da aplicación das normas do imposto sobre sucesións e doazóns.
- Gastos da transmisión
Consignaranse os gastos e tributos inherentes á transmisión en canto resulten satisfeitos polo transmisor.
- OPERACIÓNS A PRAZOS: importe cobrado no ano 2014 (art. 14.2.d) da lei)
Considéranse operacións a prazos ou con prezo aprazado aquelas cuxo prezo se perciba, total ou parcialmente, mediante pagamentos sucesivos, sempre que o período transcorrido entre a entrega ou a posta á disposición e o vencemento do último prazo sexa superior ao ano.
No caso de operacións a prazos ou con prezo aprazado, o contribuínte poderá optar por imputar proporcionalmente as rendas obtidas en tales operacións, a medida que se fagan esixibles os cobramentos correspondentes.
Se se trata dunha operación a prazos ou con prezo aprazado, consignarase unha X no recadro establecido para o efecto e indicarase a parte do importe de transmisión cobrada no ano 2014, salvo que se opte por imputar integramente a ganancia ou perda patrimonial ao momento da transmisión.
O exercicio da acción para a imputación temporal da aplicación do criterio de cobramentos aprazados débese efectuar elemento por elemento, consignando unha X no recadro 287, habilitado para o efecto, que corresponda ao elemento patrimonial.
En caso de que a operación se realizase ao contado, deberá deixarse este recadro sen cubrir.
- EXENCIÓN POR REINVESTIMENTO (VIVENDA HABITUAL)
Cando a ganancia patrimonial proveña do alleamento da vivenda habitual e a cantidade obtida na transmisión se reinvista total ou parcialmente na adquisición doutra vivenda habitual, deberá reflectirse o importe reinvestido ou que se vaia reinvestir, sempre que se cumpran as condicións regulamentariamente previstas para exonerar de gravame a ganancia derivada da venda.
O programa calculará a ganancia patrimonial obtida e o importe exento e trasladará os datos ao apartado G6.
• Importe reinvestido:
Importe reinvestido ata o 31-12-2014
Reflectirase o importe reinvestido durante o ano 2014 na adquisición dunha nova vivenda habitual.
O reinvestimento deberá efectuarse, dunha soa vez ou sucesivamente, nun período non superior a dous anos.
Importe comprometido a reinvestir, despois de 2014, nos dous anos seguintes
Farase constar o importe cuxo reinvestimento se compromete a efectuar nos dous anos seguintes á transmisión da vivenda anterior.
Entenderase que o reinvestimento se efectúa dentro de prazo cando a venda se efectuase a prazos ou con prezo aprazado, sempre que o importe dos prazos se destine á finalidade indicada dentro do período impositivo en que se vaian percibindo.
• Empréstito para a adquisición da vivenda transmitida pendente de amortizar:
Se para adquirir a vivenda transmitida o contribuínte utilizase financiamento alleo, indicarase neste recadro o principal do empréstito que se atope pendente de amortizar no momento da transmisión.
- OPERACIÓNS DE RECOMPRA DO ELEMENTO TRANSMITIDO
Marcarase este recadro se a transmisión orixina unha perda e os elementos patrimoniais transmitidos (ou valores homoxéneos) foron adquiridos novamente nos prazos e condicións previstos no artigo 33.5, letras e), f) e g) da Lei do imposto, xa que a perda patrimonial non deberá computarse ata que non se produza a posterior transmisión definitiva de elementos patrimoniais (ou valores homoxéneos) adquiridos. Non obstante, a perda deberá ser declarada e cuantificada na declaración do exercicio en que se xerase aínda que non se integre para os efectos liquidatorios.
- GANANCIAS PATRIMONIAIS OBTIDAS POLA TRANSMISIÓN DE INMOBLES URBANOS ADQUIRIDOS DE FORMA ONEROSA ENTRE O 12 DE MAIO E 31 DE DECEMBRO DE 2012
Deberá marcar cunha X no recadro correspondente se a ganancia producida é polo alleamento dun inmoble urbano adquirido entre as datas 12 de maio de 2012 e 31 de decembro de 2012.